Facenda somos case todos
Editorial - jueves, 25 de febrero de 2010
En definitiva resulta que si, que Facenda somos todos, aínda que non todos respondamos do mesmo xeito ás súas chamadas e ós nosos deberes para con ela.
Porque Facenda -agora hai a Facenda autonómica e a estatal- é a caixa central onde se reciben todas as aportacións cidadáns e logo se distribúen para cubrir as diversas obrigas económicas da comunidade.
Sábese que Facenda só recibe aportación e detecta a actividade oficialmente recoñecida e declarada, a das contabilidades A, a do diñeiro blanco. Pero nada sabe das caixas B, do diñeiro negro, de toda a materia oscura da economía sumerxida que se escapa ó seu control, e da que non participa nin se beneficia.
En momentos de crise coma este, Facenda debera implicarse e aplicarse decididamente loitando coa economía sumerxida para que aflore e aporte á comunidade os correspondentes impostos. Sen embargo, parece ser que -segundo denuncia a organización profesional dos Inspectores de Hacienda del Estado- vai polo máis doado e ten dado orde de presionar ós cidadáns que xa contribúen para conseguir cobrar máis e suplir a diminución de ingresos que a mesma crise orixina. Denuncian os profesionais da inspección que a presión é irracional máis ca excesiva, para conseguir recaudar cada vez maiores cantidades.
Certamente Facenda debe ter unha importante actividade inspectora, pero tamén debe considerar que non é este o mellor momento para conseguir que os contribuíntes aporten cada vez maiores cantidades, sen preocuparse demasiado de ampliar o abano de cotizantes.
Menos mal que Facenda ven de darnos un exemplo de racionalidade cando aproba - para mediados de ano que pequenas empresas e particulares non teñan que aboar o Ive de facturas incobradas, adiantando este imposto que á vez xestionan.
É hora de demostrar que Facenda somos todos. Con exemplos coma este último. Pero non con excesivos apremios ós xa apremiados contribuíntes, senón procurando universalizar os deberes para que -pagando todos- todos poidamos pagar o menos posible.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora