Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O oso de Salcedo

miércoles, 24 de febrero de 2010
O oso de Salcedo ¡Oso! Berra o criado. E o oso de Salcedo corre tintineando cara á reclamación. O criado ten ben suxeita á persoa, o oso vai e, no mellor dos casos, deixalle ó apresado a cara coma un carbón.
O persoal que presenciamos o singular entroido de Salcedo temos a alma nun apreto porque entre os criados e o oso pódennos deixar espidos totalmente.
Este entroido de San Xoán de Salcedo, parroquia de Pobra de Brollón, é diferente a todos a cantos eu vin polo mundo que eu vin. Único en Galicia e, posiblemente, único en España.
Celebrouse o pasado día 15 do presente mes de febreiro. Foi unha aventura extraordinaria poder vivilo.
Carmela, Pol e eu tiramos cara a Pobra do Brollón, pasada a vila, seguimos diretamente a Salcedo.
Ao chegar batemos coa igrexa, de traza moi interesante, e o seu carón unha campa grande para poder aparcar. Baixamos a costiña apeonados e xa atopamos coa praza rural extraordinariamente bonita, limpa e recollida. O bar estaba ateigado.
O cego xa cantara mais voltou a cantar de novo.
O oso aínda non aparecía. A praza a rebentar con persoal de todas as idades, condicións e xeografías. Expectación.
¿Onde vai o oso?. ¿Que lle pasa ó oso?.
Está por chegar, donas e cabaleiros, di o cego. E o cego, sabio, non di mentira. Axiordos, rebumbios, risas; algareo.
Aparecen os criados, rexos, lanzais; fortes. Cadaún co seu pao. Entran no bar e collen a tres mozas e a dous mozos, lévannos á praza concorridísima, debrúzanos no solo e vemos ó oso e o seu axudante, que trae un caldeiro colgado do brazo. O oso mete as mans na espesura negra do caldeiro e comeza a tintar as faces dos apresados.
Risas, rodas para ver mellor; gañas de pasalo ben.
Eu, por alí no medio, fun librando poñendo cara de profesional. Dixen para min: líbrome. Mais cando vin como colleron a Antón Bao, o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, como o deitaron (él axudouse sen resistencia) e como o oso lle embadurnou a face e algo máis, xa non as tiven todas conmigo.
¡Non sei se librarei!. Foron pasando as horas e eu, contento sen tiznar, ao meu, chiscando fotografías a toda mecha.
Dúas horas despois sentinme collido, con xeito, iso sí:
¡Osooooooooo!, berrou o criado.
Veu o oso e ¡zas, zas; zas, zas! Comezou a darme hostiñas pequenas, indoloras, polo cabelo e pola face e deixoume feito un mouro cortado.
Quedei alí, apampado, pingando betún. Pero contento, ao fin podo dicir que un oso andivo a hostias comigo e non me pasou nada.
Non poderán dicir o mesmo, nin Carmela, nin Pol, que por precavidos, quedaron sen sentir as tintadas do oso.
As trompadas do Oso de Salcedo son como lambedelas de lingua de vaca: ¡Zas, zas; zas, zas! Quedas feito un entroido máis, coma todo o mundo alí, nesa marabillosa praza rural da parroquia de Salcedo.

¡Viva Salcedo!,
¡Viva o oso!; ¡Vivan os criados!.
¡Viva o Entroido de Salcedo,
quen o fundou ... e quen o ampara!


Para o ano que vén irei preparado, con roupa de desfeita, de Entroido, a poder ser.


A cantiga de Salcedo

Salcedo ten un Entroido,
o máis singular de todos
moitos criados, un oso,
un caldeiro e negro lodo.

Vente vindo, vente vindo,
que Salcedo está disposto.
O Entroido de Salcedo
sácalle as penas a un morto.

Pero non te poñas guapo,
nin te vistas afeirado.
Que no Entroido de Salcedo
pode que quedes tiznado.

Viva o Entroido de Salcedo,
e viva quen o pariu.
Viva o oso e a compaña,
viva quen o rexurdiu.

A praciña de Salcedo,
polo entroido está preciosa.
Coa amarela en marabilla,
do arrecendo da mimosa.

Viva o oso, viva oso;
viva o oso e sua mai.
Vivan os criados todos
e o Entroido que se fai.

Viva Salcedo, Salcedo,
vales por centos e mil.
Viva Salcedo, no Entroido,
no verán e polo abril.

Salcedo ten un Entroido,
o máis sinxelo de todos.
Moitos criados, un oso,
un caldeiro e negro lodo.

E o pobo, que está dereito,
nun valiño niquelado.
Balcoadas en redondo,
ao pé das campas do prado.

Viva Salcedo, Salcedo;
con dicir teu nome basta.
Que tes, Salcedo, unha praza,
que a moitas outras lles falta.

Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES