Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luis Tosar, Xulio Fernández e a Lingua Galega

viernes, 19 de febrero de 2010
Estase a falar moito estes días sobre o acontecido na gala dos premios Goya, un foro plural con proxección internacional, onde o actor Luís Tosar se expresou na nosa lingua. Outro dos galardoados fíxoo en inglés.E ninguén puxo o berro no ceo. Un mes antes, noutro acto semellante, co gallo da entrega dos premios Josep María Forqué, Luís Tosar recolleu o premio e agradeceuno en castelán. Daquela o que utilizou o galego foi Xulio Fernández, director xeral de Filmax, que sorprendeu a uns e outros cando no noso idioma dixo: “Dedícollelo premio aos meus veciños da Fonsagrada que non teñen sala de cine, pero que fan uns butelos de película”. Intervencións deste teor transcenden á anécdota para convertérense en fórmulas eficaces para fomentar a diversidade lingüística.

Os exemplos de Xulio Fernández e Luís Tosar teñen moitos precedentes na historia. A min gustaríame lembrar un deles: a actitude de Antón Beiras, médico especialista en oftamoloxía, inventor do Vigoscopio, un enxeño tecnolóxico deseñado para corrixir o estravismo. A reputación de Antón Beiras chegou a ser de tal natureza que era invitado a participar en moitísimos congresos médicos internacionais para que explicase os seus achados científicos. E sempre o facía en galego. O seu argumento era contundente: “se eu tiven que estudar varios idiomas para poder profundar nas miñas investigacións, xusto é que agora as publique en galego, a miña lingua, que os demais deberan aprender para coñecer as miñas aportacións”.

Xulio Fernández, Luís Tosar, Antón Beiras e moitos outros galegos que tiñan confianza en si mesmos ofrécennos a posibilidade de corrixirmos e superarmos os complexos lingüísticos. Despois de moitos boureos colonizadores, os galegos chegamos a interiorizar este sumiso comportamento: para estarmos no mundo temos que renunciar á nosa lingua. Tal actitude denota unha falta de autoestima, que se manifesta a cotío mesmo nas relacións entre moitos galegos. Reparen nesta situación que repite con frecuencia: están catro a falaren galego entre eles, chega un quinto que o fai en castelán, e tódolos demais pásanse ao idioma deste. O máis lóxico é que, entendéndose, cadaquén fale no seu idioma sen ter que renunciar a el.

Ao fío do dito, a min ocórrenseme algunhas medidas correctoras. Cómpre aproveitar tódalas ocasións para fomentar a pedagoxía da convivencia das pluralidades. Hai que derrubar o mito das limitacións da nosa lingua para poder ser utilizada noutros ámbitos territoriais. Non coutar a nosa expresión lingüística baseada no perverso principio de identificar a boa educación coa renunciando á utilización da nosa lingua a favor da do noso interlocutor.

A Constitución española, que dispón que “a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España será obxecto de especial respeto e protección” debería desenvolver este precepto legal con tódalas medidas pedagóxicas necesarias para alcanzar esa finalidade. Os medios de comunicación públicos deberían ser os instrumentos axeitados para mudar receos e ir creando novas pautas de comportamentos para acadar o respecto á pluralidade cultural e lingüística do Estado.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania