Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As Asociacións da Provincia de Lugo

jueves, 18 de febrero de 2010
Compás social: As Asociacións da Provincia de Lugo


Recentemente a Deputación Provincial de Lugo deu a coñecer o número de asociacións provinciais, as socioculturais e deportivas; e dicir, todas aquelas que, en senso amplo, teñen que ver coa cultura e co que agora chámanse actividades de ocio e antano recreativas e deportivas. Ese reconto do asociacionismo lucense merece unha ollada e un intento de valoración, mesmo elemental.

Sen dúbida algunha é unha moi boa nova que nos anos da democracia fora crecendo este espírito asociativo, acelerado nos últimos tempos, ata facerse plenamente visible nas 837 asociacións provinciais existentes neste intre, espalladas por tódalas bisbarras lucenses. Ese mesmo pulo pode fitarse tamén noutros eidos, aínda que con bríos, como na política e na economía. Quen dixo que os galegos éramos uns individualistas irredentos? A realidade desminte ese tópico de vello arraigamento.

Cales son as funcións desas asociacións socioculturais e deportivas? De primeiras son unha mostra da vitalidade da sociedade civil que pouco a pouco vai sentindo novas necesidades e construíndo múltiples formas e posibilidades de darlles resposta. As asociacións non deben concibirse como un apéndice das administracións públicas locais, senón ao revés, estas deben estar o servizo das iniciativas e dinámica dos grupos sociais, fuxindo da tentación mutua do clientelismo e da subvención permanente. Cada quen no seu sitio con plena liberdade, sen privilexios nin exclusións. Só así gañará en credibilidade a política e o alento emprendedor non se afogará en intereses inmediatos.

As asociacións lucenses estendéronse tanto no medio urbano como no rural, aínda que o recente crecemento acelerado céntrase en Lugo capital e nas vilas de maior tamaño, como era de esperar. O medio rural disperso tiña xa unha tradición de asociacións de festas parroquiais, de montes veciñais, de deportes, de grupos de caza e outras que agora fóronse complementando con novas asociacións de veciños, de persoas de terceira idade, de festas gastronómicas, etc. As asociacións verdadeiramente dinámicas, con actividades permanentes acumuladas, estrutúranse no ámbito comarcal e de forma transversal, con socios dos centros urbanos e do medio rural disperso, con xente de tódolos estratos sociais, aínda que a esta tendencia quédalle moito camiño por percorrer dada a rutineira tradición de distancia social entre campesiños, vilegos e urbanitas, aínda en parte operante dende a inercia.

A distribución comarcal das asociacións sigue a lóxica da densidade de poboación e da dinámica económica. En cabeza temos a Lugo capital coa súa bisbarra, con unhas 350 asociacións. Síguelle a Mariña luguesa con unhas 140 con Viveiro, Foz e Ribadeo como centros destacados. Logo ven a Terra Chá con unhas 130, sobresaíndo Vilalba con 40 e outras cabeceiras municipais con unhas 20 cada unha delas. A Terra de Lemos ten unhas 100 asociacións con Monforte a cabeza con unhas 30. Na comarca de Sarria cóntanse unhas 70, unhas 25 na capital. Na montaña luguesa oriental están espalladas unhas 40, onde despunta Becerreá con 11. A bisbarra da Ulloa conta con 28 asociacións, sinalándose Monterroso con 12, Antas de Ulla con 9 e Palas de Rei con 7. Chantada quédase con 10 asociacións. E así continúa a escala doutras pequenas vilas rurais con menos poboación, menos economía, menos asociacións. Certamente, tamén hai outros factores explicativos, entre eles as políticas locais, que promoven ou retraen a creación de asociacións. De calquera xeito, debemos aledarnos porque os centros comarcais neurálxicos, que logo poden arrastrar a outros, están na boa dirección de cultivar o asociacionismo.

A tipoloxía desas asociacións socioculturais e deportivas é multiforme. Como é lóxico predominan en número as que organizan o deporte e o ocio, pero sen perder de vista a novidades que van aparecendo no medio rural: asociacións veciñais con fins e obxectivos concretos para preservar o medio natural e a cultura tradicional, asociacións de mulleres rurais para actividades moi concretas e delimitadas, as asociacións de persoas maiores para responder a súas necesidades e organizar o seu ocio. Non debemos esquecer que estamos ante a primeira xeración rural de xubilados con certa capacidade económica, tempo libre e ansiosos de aproveitar o máximo as súas posibilidades de ocio ou, como ele din, de vivir a vida. Como transfondo destas actitudes e comportamentos temos a expansión da mentalidade de consumo ao medio rural e as políticas municipais para a terceira idade, unhas veces ben intencionadas e acertadas, e outras con retrancas ata extremos esperpénticos en períodos electorais.

A pesar desta florecente primavera do asociacionismo chamado sociocultural e deportivo, varios perigos axexan estas asociacións: entre eles, quedarse nun minifundio illado e a longo prazo socialmente irrelevante, cando o vieiro correcto, a veces necesariamente voluntarista, é coordinarse, asociarse e integrarse en organizacións cando menos comarcais. As asociacións culturais levan, ademais, nas entrañas o sinal das loitas ideolóxicas e políticas que nun espazo físico e social reducido pode desembocar nun atasco emocional que neutralice moitas excelentes e necesarias iniciativas. O esconxuro destes riscos é necesario e posible, sen que de ningún modo signifique a parálise do alento emprendedor do asociacionismo que agora está en marcha.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES