A Súa Maxestade, o libro
Editorial - viernes, 19 de febrero de 2010
Por agora, o libro segue a ser a primeira pedra do edificio da cultura, sen que o seu papel perigue ou mingüe. Porque se aparecen novos formatos tardarán moito tempo en facerlle perder este principal papel, se é que algunha vez o conseguen.
Veñen de facerse públicos os datos dos hábitos de lectura en España, que os entendidos na materia consideran moi favorables por mellorar os de anos anteriores, pero seguen a ser ostensiblemente pobres.
En Galicia, o índice de lectura está nun 54,9% , que resulta ser maior ca o de Extremadura, Castilla-La Mancha, Andalucia, Asturias, Murcia e Comunidad valenciana. As mulleres superan claramente ós homes nos hábitos de lectura, e os universitarios ós de estudios de nivel inferior.
Verdadeiramente preocupante é que entre os lectores, só o 39,9% le a diario ou semanalmente, mentras que o 15% é ocasional, mensualmente ou trimestralmente. E máis aínda que só un 7,4% lea habitualmente en galego. Despois de tantos esforzos a prol do noso idioma, esa porcentaxe mísera é verdadeiramente paupérrima.
Os resultados deste estudio de hábitos de lectura que anualmente fai a Federación de Gremios de Editores de España son algo mellores que os de anos anteriores, pero visto está que nos conformamos con pouca cousa, xa que a media de adquisición de libros está en pouco máis de dez por persoa e ano.
A Súa Maxestade o Libro, polo de agora, reina pero parece que non goberna. Alomenos, os seus súbditos son poucos e escasamente afectos. Pero se as cifras van mellorando podemos confiar en que o futuro sexa máis prometedor.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora