Ave, Galicia
Editorial - jueves, 18 de febrero de 2010
O Ave para Galicia é como unha promesa na que creeremos cando estea rematado, cando os galegos poidamos disfrutar dun transporte por ferrocarril cunha velocidade comparable á doutras comunidades hispanas, similares todas ás dos trenes rápidos doutras nacións europeas.
Son tantos anos de esmorecemento do ferrocarril, que o que foi considerado polo poeta o cristo dos tempos modernos chegou a ser incómoda presencia nas principais cidades e obstáculo para o desenvolvemento urbanístico no último cuarto de século.
Hoxe, a maioría das vellas estacións de ferrocarril son baleiros museos dun tempo ido, mudas testemuñas dun período no que o lento transporte por vías de tren gañaba ampliamente ó transporte por estrada.
O tempo que tarde o Ave é o que nos levará ós galegos acomodarnos a unha nova realidade e estimar de novo un transporte ó que a rapidez do automóbil foi arrumbando cando por lóxica económica debera ser o primeiro a moita distancia.
O ministro José Blanco segue comprometendo a súa palabra en que o 2015 será o ano no que funcione o Ave galego, tendo como preludio o tramo Santiago-Ourense, que funcionará en 2011 e o trazado do Eixo Atlántico un ano despois, quedando no 2015 establecida a conexión de Galicia coa meseta e coa capital hispana.
Como ós avances técnicos e sociais nos imos adaptando coa velocidade que a realidade establece, seguro que saberemos apreciar estas melloras en canto esteamos en disposición de disfrutalas. A pedra de toque será o tramo Santiago-Ourense, como un eixo vertebrador entre a Galicia do interior e a do progreso, entre o Oriente e o Occidente do país galego.
Agárdannos grandes acontecementos e avances nas comunicacións que afectarán a toda a nosa vida. Un, dous e cinco anos de prazos, respectivamente, case carecen de importancia. O importante é o resultado. Pero se se respectan os prazos, mellor que mellor.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora