O Santo Antroido
Editorial - martes, 16 de febrero de 2010
Hoxe é día festivo en moitos lugares de Galicia que se declaran devotos do Santo Antroido, como se lle chegou a chamar outrora. Porque o Martes de antroido é a culminación dun período do ano no que se invirten os valores e se potencian as ansias de liberdade, de superación, de cambiar o mundo.
Por todo eso, durante moito tempo o androido foi proscrito polas autoridades competentes que temían as consecuencias dunha festa tan anárquica. Pero o antroido perviviu, en sociedades elitistas ou no pobo común, e cando os cambios democráticos o esixiron, estoupou en toda Galicia cunha forza indescriptible. E ainda segue.
Certo que nin en todos os lugares tivo a mesma potencia, nin se mantivo do mesmo xeito, xa que cando pasou a inicial marea de desbordamento libertario tivo anos de esmorecemento con volta á brillantez, coidándose que neste ano a crise ten tamén moito que ver en que a anual explosión se modere ou se atenúe.
Sexa como fose, o Antroido é a festa máis popular desta terra, con milleiros de variedades, con manifestacións peculiares e orixinalísimas, con carrozas ou disfraces individuais, con animais totémicos que fan trasnadas; festas que non precisan provocación ou apoio oficial senón que xorden do máis profundo: desde o abismo dos tempos, desde o corazón das xentes, desde a conciencia popular.
Para todos os devotos, os millóns de devotos do antroido galego, a nosa felicitación, e o desexo dun milleiro de antroidos máis, e que todos nós participemos en cantos poidamos.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora