Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non agardemos por ninguén. Non esperemos a Godot.

lunes, 15 de febrero de 2010
- Agora que nos queren matar a lingua galega, que vos parece se canonizamos a Mons. Araúxo?
- Buahf!, que pasada! Este tío está chota perdido.
- Non te adiantes, amigo, que xa te vexo vir. Se tés paciencia, ségueme un pouco e logo ao final agradézoche o teu xuízo sincero e obxectivo. Graciñas.

Canonizar é “pór no canon”, recoñecer publicamente os moitos méritos dunha persoa a prol dunha causa nobre e de grande importancia, significativa, para o común.
Na Igrexa católica canonizan ou declaran santos, é dicir, dignos de veneración e de seguir o seu exemplo, a homes e mulleres que sobresaíron polo seu amor aos demais seguindo a lei do Suso do Carpinteiro de Nazaret.
Iso leva toda unha serie de trámites e custa moitos cartos. Tamén esixen milagres do citado santiño/a.
Pero orixinariamente e por moito tempo non era así. Antes, era o mesmo pobo quen recoñecía, aclamaba e proclamaba aos verdadeiramente santos que saían do cerne máis cernil do pobo. Facíano gratuitamente, como gratuíto é o amor.
Ségueme aínda un pouquiño máis. Pídocho de favor.

1º.- OS MILAGRES REQUERIDOS:
Araúxo fixo, entre moitos outros, os milagres seguintes: Defendeu a lingua e cultura galegas nos tempos de persecución e tivo sufrir martirio e malos tratos múltiples e inxustos por facer tal. Publicou unha Pastoral sobre a Lingua galega que foi moi importante e segue a selo. Impulsou coma ninguén o Concilio Pastoral da Galiza. Foi o bispo dos emigrantes galegos polo mundo adiante. Foi o bispo dos obreiros de Ferrol, que nos tempos máis duros das mortes de Amador e Daniel ergueu a voz valente e arriscada con aquela carta-homilía: NON MATARÁS!, que tan mal levou o franquismo e que lle custou o que só el sabe. Foi o que abriu as portas da súa catedral de Ferrol ás mulleres e nenos dos obreiros de MEGASA, despedidos inxustamente e en paro forzoso, desprezados por todo o aparato represor. Foi aquel bispo que nas paredes da súa casa, a Domus Ecclesiae de Ferrol, tivo de ver escrito por meses sen termo aquilo de: ARAÚJO ROJO, ARAÚJO AL PAREDÓN! Foi o que se tiña que medir cada vez que entraba ou saía do bispado e infinidade de noites tivo de aguantar berros e insultos soeces que nunca foron investigados polas ‘forzas da orde’ e que si protexían e mesmo alentaban a aqueles pobres diabos que non eran senón uns mandados do réxime represor. El foi o que só tivo palabras e xestos de amor e acollida para moitos deses mesmos que cando os tempos mudaron fóronlle pedir certos favores. Foi o que nas súas posibilidades defendeu o mundo do agro e as xentes do rural, ás que entendía coma ninguén, pois el sempre se proclamou un rapaciño de Sabadelle, onde a súa nai lle sacaba á terra o alimento de cada día, namentres non voltaba o seu pai emigrante nas Américas. O mundo mariñeiro e as xentes do mar tiveron nel un fondo valedor, na medida dos seus posíbeis. Foi Académico da Galega e non comeu o seu pan de balde. Foi Pedrón de Ouro e deixouno para o herdo común. Agora aprobaron adicarlle unha pequeniña rúa en Caranza - Ferrol (el sempre foi un home de suburbio - e que non sabemos se algún día terán a decisión para colocar a correspondente placa acreditativa de que xa está no nomenclátor oficial dos rueiros de Ferrol.
Araúxo foi o primeiro bispo que debera ser soterrado na catedral de San Xiao. Ninguén de nós reclamou tal cousa e el, modesto coma ninguén, pediu ir para a igrexa parroquial á que pertencía, coma calquera fregués, na dos salesianos en Ourense.
Araúxo, Don Miguel, aportou á literatura galega obras da súa autoría de grande valor en todos os eidos, defensa cumprida do idioma, e uso exquisito da lingua que el coñecía e manexaba coma ninguén, con aqueles matices ourensáns que tan ben lle acaían. E con el cometemos o pecado de ‘funeralo’ en alleo. Xusto en San Xiao de Ferrol e en Mondoñedo, co cardeal Rouco presidindo. Como debe ser. Como dicta La Galicia Bilingüe: Aguanta castellano!
Cumpriuse tamén alí a profecía da súa consagración episcopal: Galicia crucificada, todo o corpiño a sangrar!

2.- NON AGARDEI POR NINGUÉN, titulou Ramón Valenzuela Otero un dos seus libros (1957). E Samuel Beckett, (1952), deixounos a marabilla de: ESPERANDO A GODOT.

E aquí ven o que che propoño:

Nós somos ese pobo soberano. Non temos de agardar por ninguén para declararmos nós mesmos os nosos persoeiros significativos. Como a moitos outros, non esquezamos a Monseñor Araújo e as súas causas. Nestes intres precisamos deles coma auga de maio. Eles son os que nos fornecen de argumentos en cada campo da loita, do saber e do actuar, para ver de se mantemos o norte nos rumbos mareiros de navegadores nas tempestades.
Na Igrexa e no pobo galegos precisamos non matar a Araúxo. Xa o mortificamos abondo en vida.
Hai moita brétema no ambiente. Hai moitos cantos de serea que son mesmo mortíferos, é dicir, que levan morte en si mesmos e conducen á morte. Temos moitos “des-linguados”, desleigados e desleixados detrás, enriba, debaixo, etc.
Hai moitos farois, que non faros, que só son iso, farois de fogos fatuos e infatuados. OLLIÑO AOS NOVOS SEÑORES GODOT!
Cómpren mestres. Cómpren modelos guieiros en cada campo do vivir e do saber. Don Miguel Araúxo é un deles, nun dos campos concretos da nosa Galiza, o da Igrexa. El é un deses dos que te podes fiar.
Canonicemos a Monseñor Araúxo!
Pero fagámolo nós mesmos, sen malgastar nin cartos nin enerxías. Aos catro ventos. E sexamos consecuentes co seu maxisterio de vida, de doutrina e de acción.



Nós somos ese pobo soberano. NON AGARDEMOS POR NINGUÉN.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania