Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha lingua sobre rodas

miércoles, 03 de febrero de 2010
Para que a lingua galega acade o nivel de cooficialidade que a norma xurídica lle recoñece é precisa unha política lingüística que estenda o seu uso a tódolos ámbitos, e nomeadamente ao económico. Aínda sendo moi importante, de nada nos valería que servise unicamente para a creación literaria. Esta premisa foi a que motivou a creación do Foro E. Peinador, unha plataforma dinámica e imaxinativa para procurarlle á lingua galega novos espazos na industria e no comercio. Neste empeño fomos achando interlocutores decisivos. Tal é o caso de TRAVIBUS NOROESTE, S.A., unha razón social que aglutina a trinta e seis empresas do transporte público da provincia de Pontevedra cunha frota de seiscentos autocares e máis de mil traballadores.

TRAVIBUS NOROESTE forma parte do Foro E. Peinador desde hai algún tempo, participando nas reunión periódicas con outras empresas, e nos actos programados para dar a coñecer iniciativas galeguizadoras. Agora tocoulles a eles o protagonismo. Hanno facer con amplitude de miras, convencidos de que a incorporación da lingua galega ás actividades empresariais non son obstáculo para a xestión dos seus negocios. O proceso será visible a curto prazo. Entre os obxectivos inmediatos do seu plan de normalización lingüística están galeguizar os billetes, as nóminas do persoal, convenio colectivo e páxina web. Abordaranse posteriormente outras incidencias coa axuda técnica da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que participa neste proxecto.

A escenificación desta decisión galeguizadora tivo como marco incomparable a praza de Fefiñáns da vila de Cambados. Aquilo foi para ver: catorce autocares dotados de modernísima tecnoloxía, presentábanse en ordenada formación para amosaren as súas carrocerías rotuladas con nomes de montes, serras, vales, ríos e bisbarras galegas. Deste xeito o noso patrimonio toponímico divulgarase alá por onde vaian os autobuses que os portan. A iniciativa foi da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, fixera algo semellante cos autobuses de Castromil. Aconteceu na década dos anos 90, cando se lles puxera aos autocares desa empresa nome de literatos e personaxes históricos; aquela imaxinativa acción completarase coa edición dos “Contos do Castromil” de exitosa acollida entre os viaxeiros.

Desta volta, nalgunhas liñas de Travibus repartiranse os “Relatos da paisaxe”, seis publicacións de cadanseu autor, que irán medrando co paso do tempo. Levados pola inventiva de Gonzalo Amoedo López, Xesús Ferro Ruibal, Clodio González Pérez, Xosé Benito Reza Rodriguez, Xavier Senín Fernández e Gonzalo Jar Couselo, xeneral de división da Garda Civil, recentemente falecido, os viaxeiros poderán interpretar e coñecer o que os seus ollos albiscan na paisaxe.

No acto de presentación desta acción galeguizadora estiveron presentes a meirande parte dos empresarios asociados en Travibus. Puidemos observar o seu entusiasmo ao manifestaren a promesa de avanzar na ilusionante tarefa de abrirlle novas expectativas á lingua galega. “Este proceso non ten marcha atrás.Ese mecanismo só o teñen os autobuses. A nós anímanos a idea de reencontrármonos co país, a súa cultura e lingua”, dixo Miguel Cuiña, un directivo da empresa de empresas do transporte público. Esta decisión propiciará máis adhesións empresariais.Estamos convencidos de que vai ser así. O papel do transporte público en Galicia é decisivo. A lingua galega e o Foro E. Peinador van sobre rodas.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES