Baltar: A esperanza do galego
Mínguez, Alejandro - viernes, 29 de enero de 2010
O sábado 30 de xaneiro non só está en xogo a presidencia do Partido Popular de Ourense no congreso que enfronta a Xosé Manuel Baltar Blanco con Xoán Manuel Ximénez Morán, está en xogo o futuro do galego.
Se Baltar Blanco gaña, cousa bastante posíbel, será presidente do PP de Ourense, e posibelmente en pouco tempo presidente de Deputación Provincial, sen máis. Seguirá defendendo o galego nese contexto polo marcado carácter galeguista que xa herda do seu pai e polo contacto coa Galiza rural de Ourense, onde pese a quen lle pese, o galego está vivo, pero pouco máis. Sería moi difícil impoñer, incluso suxerir, unha política nese senso en Santiago, onde outros ourensáns, como son o presidente da Xunta e o conselleiro de Educación, o teñen bastante claro. O futuro é o inglés. O galego é pasado. O castelán é o presente, máis ou menos. Moito tería que cambiar para que Baltar Blanco fose moito máis politicamente que titular da Deputación, alomenos mentres o da gaseosa (como lle chaman algúns) siga en Raxoi. O decreto do galego seguiría o camiño marcado por un Feixóo cego, que o xoves pasado só viu en Compostela unha bandeira ardendo. Pois había moita xente, incluso casteláns-falantes indignados pola actitude da Xunta neste apartado. Pero o señor presidente ten razón, ten a maioría da Cámara galega, 38 parlamentarios, e por moita xente que estivese no Obradoiro o xoves 21, ou que a suma de PSOE e BNG en votos sexa maior ao PP, non ten valor, non son argumentos, a súa maioría parlamentaria permítelle facer o que el queira, de momento.
Pero que pasaría se Xosé Manuel Baltar, O Neno como é coñecido cariñosamente no galego de Ourense e El Nene como pexorativamente din outros en castelán das Burgas perde? O galego gañaría. Xosé Manuel Baltar quedaría deslexitimado pola dirección de Santiago que tantos esforzos está poñendo agora para, cunha lista de grises liderada polo rexedor de Verín e apoiada por cabreados doutra época, estómagos agradecidos de mala dixestión, xefes de chiringuitos e outros cargos, poida acceder á presidencia popular ourensá. Pero Baltar está lexitimado nas urnas, ten votos, aínda que se presentase polo CDS, tería votos, e a súa acta de parlamentario por Ourense pode convertelo de vicepresidente do Parlamento Galego que é na actualidade, en vicepresidente dunha Xunta de Galiza gobernada polo PSOE e o BNG. Pode ser o Barreiro Rivas do século XXI. O argumento está máis que claro: a defensa do galego.
Eu non podo desexarlle mal a ninguén, pero neste caso, pediríalle a Baltar Blanco que non se lle ocorra chegar a un acordo con Morán e unificar as listas ao congreso de Ourense e que perda, si, amigo Xosé Manuel, pídoche que perdas, polo ben de Galiza e do galego.

Mínguez, Alejandro
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora