Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Maruxaina, Serea de San Cibrao, Cervo (Lugo)

miércoles, 27 de enero de 2010
A Maruxaina, Serea de San Cibrao, Cervo (Lugo) Artigo publicado en “Tempos de Festa en Galicia”. T.II. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 2008, paxs. 57-71.

Cervo, o mesmo que Xove, forma parte da Mariña occidental lucense. Ten unha extensión de 83 km2 e unha poboación de 5060 habitantes, segundo o padrón municipal do ano 2003. Presenta dúas unidades morfolóxicas diferenciadas: a septentrional, formada pola zona costera, e a meridional, na que as estribacións da Serra do Xistral configuran unha paisaxe ben deiferente.
As primeiras noticias de Cervo, ó marxe da existencia dalgúns vestixios arqueolóxicos, aparecen reflectidos nalgúns documentos do século XIII, como a carta de poboación de Rúa, un documento de fixación de propiedades reais e eclesiásticas outorgado polo rei Alfonso VII. Mais o evento que marcou a historia deste concello foi a instalación, a finais do século XVIII, da Real Fábrica de fundición e louza por parte de Raimundo Ibáñez, marques de Sargadelos. Logo de permanecer pechada durante bastantes anos, iniciouse, hai relativamente pouco tempo, unha nova etapa para a fábrica de cerámica da man de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.
A constitución de Burela como Concello, o 1 de xaneiro de 1995, deu lugar a unha perda de poboación no de Cervo, que tivo como consecuencia inmediata un estancamento económico, en certa medida paliado por algúns novos asentamentos de carácter industrial e comercial.

O ESPACIO DA FESTA E O SEU NACEMENTO
A Maruxaina é unha importante tradición ligada á vila mariñeira de S. Cibrao, radicada nun tómbolo coñecido por Porto de Arriba, que por medio dun istmo comunica coa parte litoral. Noutrora, os poboadores desta vila adicáronse á construcción de carabelas e á pesca de cetáceos, constituíndo na primeira metade do século XVII unha sociedade co deán de Mondoñedo para pescar os devanditos mamíferos.
Actualmente, a vila tende pola vía do progreso non só no ámbito industrial, debido á proximidade do complexo industrial de Alcoa, senón tamén no turístico, como consecuencia do sosego e benestar que se respira na coñecida como “peninsula da paz”.
A principios do mes de agosto do ano 1985, os membros da comisión de festas do Carmen celebraron un xantar no Faro coa finalidade esencial de cambiar opinións con respecto ó uso que se lle podía dar a uns cartos sobrantes das festas de xullo daquel ano. O señor Tino Santo, que non era membro da comisión pero si oriundo da localidade, recordaba que cando de pequeño facía algunha trasnada o seu abó reprendíao dicindo:
¡Vou chamar á Maruxaina! Como se trataba dun ser mítico vinculado coa localidade, propuxo que se podía realizar unha festa ligada a esta serea, iniciativa que, logo, foi moi ben acollida no seo da xuntanza. Deste xeito, o 31 de agosto daquel mesmo ano levouse a cabo a primeira festa da Maruxaina. Ésta foi tan ben aceptada na vila que os seus organizadores decidiron continuar celebrandoa nos anos vindeiros.

AMBIVALENCIA DA LENDA
A Maruxaina é un ser imaxinario, identificado cunha serea -metade peixe e metade muller- que constitue o eixo central dunha lenda que, dende tempos antergos, foi recollida e transmitida oralmente polos mariñeiros da zona. Segundo o relato, esta ninfa mariña vive nun palacio submarino, rodeada de algas e corais, ó carón das illas dos Farallóns -os escollos trileucos dos que falara Claudio Ptolomeo-. A narración fai alusión á que no inverno, cando había fortes treboadas, os mariñeiros creían ver no cume da illa da Sombriza a unha fermosa doncela de louros cabelos, fiando co fuso e roca e tentando embobalos cos seus cantos para que non pudiesen chegar a porto. Nalgunhas ocasións a serea asemellábase a unha meiga fea e de ollos afundidos que tiña unhas mans de dedos longos cos que quería atrapar a tódolos mariños que pasaban ó seu carón.
Respecto ás intencións da serea, o relato mostra unha dobre interpretación. Uns defenden que é boa xa que cos seus cantos advirte das treboadas e doutros perigos do mar. Pola contra, outros mencionan que a súa vontade é sinistra xa que trata de inquedar e distraer ós mariños, cando se encontran en perigo, para que os seus barcos vaian cara ás rochas.
De aí que o segundo sábado de agosto, a festa na súa honra trate de dilucidar por medio dun xuizo esta dobre intencionalidade da serea.

FESTA E RITUAL
O festexo é organizado pola Asociación de amigos da Maruxaina e o Patronato de festas de Cervo, aínda que tamén colaboran outras asociacións da vila como son Anduriña, os Aventados e outros.
Dende hai uns tres anos, iníciase o venres á noite coa Parranda, na que intervén dun xeito preferente xente nova. O sábado, dende as primeiras horas da mañá, bótanse foguetes para anuaciaren a festa, e simultáneamente grupos de gaiteiros percorren as rúas da localidade coa mesma finalidade. Ó mediodía, un bo número de veciños e veraneantes de S. Cibrao reúnese na praza da localidade, ataviados segundo o xeito dos mariños antigos, a saber, os homes cun pantalón de mahón azul, camisa branca e boina; as mulleres con longas faldas, mandís, camisa e pano de cabeza, todo de cor negra .
Dende este lugar saen os diferentes grupos que percorren diferentes rúas da vila para remataren na praia do Torno, onde xantan viandas diversas como empanadas, chourizos, polvo, papas de arroz etc. Á tarde, desenvólvense na praia unha serie de xogos como cucañas, carreiras de sacos etc. Non falta quen adoita bañarse á usanza antiga, a saber, os homes con calzóns de felpa e as mulleres con camisóns.
Logo chega a noite, intre no que todas as luces da vila se apagan e os veciños, veraneantes e forasteiros de tódalas idades e procedencias acoden á praia con farois, candeas e lámpadas acesas por agardaren a chegada da serea, que é traída por mariños da localidade en chalanas dende os Farallóns. Os sons dos cornos ó lonxe anuncian a chegada desta ninfa, representada por unha boneca, ataviada cuns longos cabelos louros, cunha roca, redes, cunchas de vieira e demais obxectos ligados ó mar.
A súa entrada na praia é motivo dun gran balbordo entre gritos que mesmo a proclaman como a condean: ¡Maruxaina! ¡Maruxaina! . É o momento no que as sereas da Confradía de Pescadores e das naves, que hai no porto, comezan a sonar de vez e o firmamento a iluminarse de variadas cores procedentes dos fogos de artificio. Mentres tanto réndenlle acatamento algúns grupos de danzas que, xunto ós demais participantes, vana acompañando a unha praza, situada perante o Museo do mar, onde se vai celebrar o xuízo relacionado coas obras que a serea levou a cabo durante o ano. Este acto simbólico é presidido por un xuíz, que logo de oír os alegatos dos defensores e detractores, dicta sentencia favorable a serea.

XUIZO DA MARUXAINA
A xente, ó chegar á prazoleta, divídese en dous grupos: A (os que atacan á Maruxaina) e B (os que a defenden).

VOZ A: ¡ Hei, señor xuiz!
da vila de San Ciprián.
XUIZ: ¿Qué vos pasa?, ¿qué queredes?
¿ Por qué vides a berrar?
VOZ B: Somos xente mariñeira
que lle vimos a preguntar.
XUIZ: Contade o que acontece
que quí estou eu para xulgar.
VOZ A: Tódolos aquí presentes,
ó tempo de ir pescar,
pillamos á Maruxaina,
naquela illa do mar,
que lle chaman a Sombriza,
perto de San Ciprián.
XUIZ: ¿E quen é esa Maruxaina
que vides de atrapar?
VOZ A: Señor, un bicho moi malo,
mitade peixe, mitade muller,
que fía coa súa roca
do solpor ata o mencer.
XUIZ: ¡ Destapádelle a cara
Para que eu a poida ver!
VOZ A: Iso non, señor xuiz,
Porque nos pode comer.
XUIZ: ¡ Facede o que eu vos digo!
¡ Nada debedes temer!
VOZ A: (Os mariñeiros B sacan o aparello
que cubre a cara da Maruxaina).
XUIZ: ¿Vedes como non fai nada?
¿ De qué se acusa a este ser?
VOZ A: De cantar e toca-lo corno
para facernos tolear
e ás illas dos Farallóns
levamos a embarrancar.
VOZ B: Iso que din non é certo,
fácil é de comprobar;
e se canta e toca o corno
non é para nos tolear,
senón para avisarnos
que non saiamos ó mar,
que se viraron os ventos
e hai moito temporal.
XUIZ: Se é como vós dicides,
de nada se pode culpar,
e deben pedir perdón
os que a pillaron no mar.
VOZ B: E que eses tiñan gana de festa
e millor pretexto non poideron atopar,
foron busca-los gaiteiros a Lieiro
e moita augardente para queimar.
XUIZ: ¡Pois xa que queredes festa,
¡ ímola celebrar!
¡ queimade ben a augardente
e bailade ata cansar!
E cando remate a troula,
volvede a Maruxaina ó mar!
TODOS: Señor xuiz, así se fala
así se debe falar.
XUIZ: E para lembrar este día
diante todos fago constar:
tódolos anos, polo verán,
á Maruxaina se debe festexar.
E antes de que toquen os gaiteiros
e as muiñeiras escomencen a bailar,
cantemos xuntos as cantigas
do hino de San Ciprián.

Logo, este festexo, que a finais de xaneiro do ano 2003, foi declarado festa de Galicia de intérese turístico na provincia de Lugo, remata cunha queimada e un baile ata ó mencer.

OUTRAS FESTAS NA VILA E NO CONCELLO
Nesta localidade cómpre facermos referencia á “Festa do Ourizo”, que se ven celebrando, dende o ano 1992, a finais de febreiro ou principios de marzo. Está organizada pola Asociación de Comerciantes de S. Cibrao, que tivo a idea de crear unha festa gastronómica con algún producto típico dos seus mares. O día do festexo, este producto é repartido entre tódolos bares colaboradores que o venden ós visitantes por unha simbólica cantidade.
Na actualidade, esta vila xuntamente coa de Camariñas (A Coruña) son as únicas que exaltan este producto por medio dun festexo.
Por outra banda, na capital do concello celébrase tamén a “Queimada popular de Cervo”, declarada no 2001 “festa galega de intérese turístico”-
A orixe desta festa vén das queimadas nocturnas que facía a xente nova da localidade de Cervo como despedida ós participantes dos cursos de cerámica, que levaba e segue levando a cabo o complexo industrial de Sargadelos. No ano 1979, Fernando Blas realizou unha gran queimada popular na que participaron os asistentes ó curso e tamén os veraneantes do entorno. A partir do ano seguinte, a Asociación Cultural Airiños do Xunco, integrada dun xeito preferente por mozos da parroquia, engadiu á queimada unha representanción teatral, que se celebra na praza da vila. Ésta ten como argumento esencial a loita do ben, simbolizado por un bruxo, e o mal, representado por meigas e outros seres maléficos. O enfrontamento remata co esconxuro que o bruxo fai do mal, e a degustación gratuita dunha gran queimada.

SIMBOLOXÍA DA MARUXAINA
Ata finais do I. Romano ou principios da Idade Media as sereas estaban formadas por una cabeza de muller e o resto do corpo asemellábase a unha ave. En Galicia hai unha importante vinculación deste ser mítico co antigo e ilustre apelido galego dos Mariño, ligado inicialmente a illa de Sálvora (Pontevedra) e logo a outras casas en Pontevedra, na peninsula do Morrazo, Redondela, S. Martiño de Vilelos (O Saviñao), dende a que pasaron a San Estevo de Lousadela (Sarriá), Cambados... Ós Mariño pertence ademais o seguinte escudo: en campo de plata, tres ondas de azur; en punta, e xurdindo delas, unha serea cun anaco da súa cola en cada man; bordura xaquelada douro e sabre.
No caso que nos ocupa, a lenda dícenos que a serea aparecía “fiando co fuso e roca...”. Este feito pode ser interpretado en canto que os mariños pasaban por unha serie de perigos no mar e polo tanto, metafóricamente falando, pendidos dun fío. Non embargantes, outros pensan que os atributos do “fuso e a roca” están vinculados coa influencia do medio ambente xa que nas terras de ribeira houbo importantes plantacións de liño que deron lugar ó establecemento de teares familiares e, como consecuencia, á celebración de “fiadeiros”, onde se xuntaba a mocedade para “a fíada” e “ruada”, como queda reflectido nalgunhas cantigas de índole popular:

“Maruxa foi cos mozos
ó fiadeiro,
levando fuso e roca.
Fiou unha mazorca,
E volveu de madrugada”.
“Fía, miña nena,
fía e non fies diñeiros,
non fíes dos homes,
que son mentireios”.

Por outra banda, estas lendas vinculadas con sereas, como é a que nos ocupa, poden ter a súa orixe, segundo Caro Baroja, nunha causa máxica ou relixiosa, como a maldición, a desobediencia ou mesmo a violación dun tabú. Lembremos, tamén, que as culturas antigas, como a dos celtas, crían na existencia dun país baixo as olas, e a miudo colocaban o ultramundo en illas míticas sempre rodeadas de neboa, onde hai toda clase de manxares e un tempo que transcorre de xeito diferente ó noso. Segundo isto, o mar é a morada dos defuntos e ser femenino que o mesmo que da alimento pide o seu tributo en forma de vida de persoas. Daquela, os mariños que morren polas treboadas son consecuencia aos feitizos destas sereas, como a Maruxaina. Esta interpretación posibilita que Bécquer as asimile coa muller fatal do romanticismo.
Non embargantes, na actualidade resáltase o carácter benéfico da serea, é dicir, os seus cantos non provocan feitizos, senón que serven para avisar ós mariños que non saian ó mar. En definitiva, a festa resolve tódolos anos esta loita de contrarios que hai na lenda, triunfando o bo sobre o malo, o beneficioso sobre o prexudicial. Isto mesmo sucede unha semana despois na vila de Cervo coa representación teatral, que fan dende hai varios anos, na que tamén o ben triunfa sobre o mal.

BIBLIOGRAFÍA
CUBA R. Xoán, MIRANDA, Xosé e REIGOSA, Antonio: “Palabra. Maruxaina”, en Diccionario dos Seres Míticos Galegos. Ed. Xerais, Vigo, 1999, páx. 160.
RIVERA CASÁS, Francisco Moisés.: Enseñanza, mar y cultura en San Ciprián. S. Ciprián. Cervo: Deputación de Lugo, 2005, páxs. 164.
VAQUEIRO, Vitor.: Guía da Galiza máxica. Vigo: Ed. Galaxia, 1998, páx. 280.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES