Damos xa comezo, con este primeiro domingo de Advento, ao novo ano litúrxico. Coa vista posta xa na festa do Nadal que celebraremos antes dun mes. O tempo corre e nós con el.
"Advento" significa vinda, chegada. Irémonos, pois, preparando, neste e nos próximos domingos, para a lembranza comunitaria e festiva da vinda, da chegada do Deus feito home onda nós. Un acontecemento que marca misteriosamente a historia humana toda. Ano tras ano, estamos así convidados a "esperar". Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe robusta: a fe nun Deus Pai Todopoderoso así dicimos na fórmula do Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade. Esperanza que se renova na manifestación humana de Deus no Nadal é que está previamente fundamentada no feito de que Deus está xa desde sempre connosco.
O Deus do Advento non é só un Deus futuro, un Deus que virá. É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é, ó mesmo tempo, pasado, presente e futuro. Pasado, porque des que o mundo é mundo e des que existe a humanidade alí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Nel estamos todos desde sempre, tal e como nolo di o apóstolo Paulo: "Nel, é dicir, en Deus, vivimos, nos movemos e existimos". Deus é desde sempre o facedor e sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a humanidade toda. Mais o acontecemento histórico do Deus que se encarnou e que puxo -como se nos comenta no evanxeo de Xoán- "a súa tenda entre nós" tivo lugar hai máis de dous mil anos. Fíxose El entón un de nós, un coma nós. Así -e para sempre- entrou Deus no seu Fillo na nosa historia, emparentando, para dicilo dalgunha maneira, con todos e cada un dos seres humanos e de maneira especial cos máis humildes, necesitados e marxinados.
A Deus, xa que logo, non o deberiamos esperar coma se El non tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu onda nós, segue a vir, está vindo onda nós acotío, en cada intre concreto da nosa vida. Sempre está El presente na nosa interioridade e conciencia, mais tamén no noso exterior, en todas e cada unha das persoas coas que un día e outro nos atopamos, ben sexa de maneira esperada ou imprevista. Lembrade o dito de Xesús: "Eu estarei convosco ata a fin do mundo". Ou este: "Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles".
Por iso, cando a Igrexa nos convida en Advento a esperar, faino sabendo que é Deus mesmo quen desde sempre está xa connosco, quen nos dá forzas e graza para podermos ter azos para esperalo. Esperarmos a súa constante e repetida chegada, porque a El nunca seremos quen de recibilo en toda a súa grandeza sobrehumana, absolutamente infinita. Pois El non é algo así coma unha lección que se aprende dunha vez na casa ou no cole e sobre a que xa non precisariamos volver. Pois El é e será sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é dicir, coma Deus. Algo obviamente imposíbel. Por iso Deus está sempre a chegar. Os nosos corazóns deberían estar en todo intre ateigados de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e prezado galano, un inconcibíbel agasallo, que Deus mesmo nos dá para así estarmos en disposición de recibilo.
De maneira especial neste tempo de Advento deberiamos repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía: "Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!". Este desexo e petición de que El veña a todos e cada un de nós, a toda a humanidade e de maneira especial aos máis necesitados é o lema que debería presidir todo este tempo de Advento que hoxe comezamos. Un desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se converta en pensamento ardente e vida práctica en todos nós. Porque a súa vinda onda nós no Nadal, participando en todo da nosa humanidade, é un acontecemento que, por sabido e aceptado que sexa, non deixará endexamais de nos sorprender por pouco que o pensemos. De aquí que toda preparación sexa sempre cativa en relación cun acontecemento tan inimaxinábel e incríbel.
O "esperar" do Advento non é así un esperar pasivo ou adurmiñado. O texto do evanxeo convídanos por iso a todos a sermos responsábeis nas nosas particulares angueiras e quefaceres, a "estarmos en vela", a mantermos viva a conciencia e a non deixármonos vencer polo sono: "Estade á espreita e atentos", "vixiade", "estade en vela". Algo que tampouco debería ser angustioso, senón confiado, porque quen vén, aquel a quen esperamos, é en definitiva o Deus que para sempre se nos fixo nel intimamente familiar.
E remato xa indicando que o mellor xeito de practicarmos este espírito de "esperanza" do Advento, é xustamente levarmos á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará. É dicir: o exercicio consciente e constante dunha común irmandade verdadeira entre todos, galano dun Xesús que se fixo para sempre irmán maior noso.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (
[email protected];
[email protected]). Distribución: Editorial Galaxia (
[email protected]).