16, (24 - 28). (Mc 8, 34; 9, 1; Lc 9, 23-27). Como seguir a Xesús. (¡Iso, que é moi importante, definitivo!). Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:
-Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda poña miña causa, poñeraa a salvo. Pois, ¿de que lle serve ó home gaña-lo mundo enteiro se perde a súa vida? E, ¿que pode dar un home para recobra-la súa vida? Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conducta. Tende por seguro que algún dos aquí presentes non morrerá sen veren antes ó Fillo do Home vir co seu Reino.
17, (1 - 9). (Mc 9, 2 - 13; Lc 9, 28-36). A transfiguración. Seis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán (seu parente), e subiu con eles sos a un

monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz.
Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
-¡Señor, que ben estamos aquí! (Con Deus? ¡De marabilla, o Ceo mesmo!). ¿Queres que faga aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías?
Aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:
-Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto; escoitádeo. (¡Non era para menos!)
Ó escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús, achegándose, tocounos e díxolles:
-¡Erguédevos, non teñades medo!
E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
-Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.
17, (22 - 23). (Mc 9, 30 - 32; Lc 9, 44 - 45). Segundo anuncio da paixón. Andando eles xuntos por Galilea, díxolles Xesús:
-Ó Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero ó terceiro día resucitará.
Eles ficaron moi tristes.
18, (6 - 7). (Mc 9, 42 - 48; Lc 17, 1 - 2). (Este Mandamento non foi a menos, pois, neste XXI, cadora escandalizamos, e nos escandalizan, máis; que Deus nos ampare).
Pero quen escandalice a un destes pequenos que cren en min, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño ó pescozo, e que o largasen ó fondo do mar. ¡Ai do mundo polos seus escándalos! É irremediable que haxa escándalos, pero, ¡ai do home que provoca escándalos!
(Os nenos son capaces de asombro e teñen confianza. Facerse coma nenos, non é infantilizarse, senón recobra-la capacidade de confianza no pai. Xesús mesmo usaba o nome de "Abba" para falar co Pai; nome utilizado polos nenos, e que poderíaos traducir por "Papaíño", que indica o grao de confianza e familiaridade que o neno ofrece).
20, (17 - 19). (Mc 10, 32 - 34; Lc 18, 31 - 34). Terceiro anuncio da paixón. Segundo ía subindo a Xerusalén, chamou a un lado ós Doce polo camiño e díxolles:
-Vede que subimos a Xerusalén, e que alí lles van entrega-lo Fillo do Home ós sumos sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, e entregarano ós pagáns para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen; pero ó terceiro día resucitará.
21, (6 - 9). (Mc 11, 1 - 11; Lc 19, 28 - 38; Xn 12, 12 - 19). Entrada triunfal en Xerusalén. Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara. Trouxeron a burra e mailo burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron polas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. E a xente que ía diante e mailos que o seguían gritaban:
-Hosanna ó fillo de David! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Hosanna no Ceo!
22, (34 - 40). (Mc 12, 28 - 34; Lc 10, 25 - 28). O principal mandamento. Os fariseos, ó enterarse de que Xesús lles tapara a boca ós saduceos, reuníronse; e un deles, que era xurista, preguntoulle para poñelo a proba:
-Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?
El respondeulle:
-"Amarás ó Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento". Este é o mandamento primeiro e máis grande. O segundo é semellante a el: Amarás ó teu próximo como a ti mesmo". Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mailos profetas.
¡Está claro: Deus é amor, o amor dos amores. En definitiva, todo amor vén, e vai, dirixido a Deus e por Deus!
26, (14 - 16). (Mc 14, 10 - 11; Lc 22, 3 - 6). Traizón de Xudas. Entón foi un dos doce, chamado Xudas Iscariote, onda os sumos sacerdotes e díxolles:
-¿Canto me dades se volo entrego?
Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. E desde entón andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.
26, (26 - 29). (Mc 14, 22 - 26; Lc 22, 15 - 20). A EUCARISTÍA.

Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando gracias, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo:
-Tomade e comede: isto é o meu corpo.
E collendo unha copa, dando gracias, déullela dicindo:
-Bebede todos dela. Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. Asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino de meu Pai.
26, (73 - 75). (Mc 14, 66 - 72; Lc 22, 56 - 62; Xn 18, 15 - 18; 25 - 27). Negación de Pedro. (¡Meu Deus: Cantas veces te negamos ao longo dunha vida pecadenta!). De alí a pouco achegáronse os presentes, dicíndolle a Pedro:
-Si, ti tamén es deles; a túa mesma fala descóbrete.
Entón el empezou a maldicir e a xurar: (¡Co medo, obviamente!).
-¡Que non coñezo a ese home!
E coa mesma cantou o galo. Pedro, acordándose das palabras que dixera Xesús: "Antes de que cante o galo hasme negar tres veces", saíu para fóra e chorou amargamente.
27, (27 - 31). (Mc 15, 16 - 20; Xn 19, 9 - 3). Os soldados do gobernador levaron a Xesús ó Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose del:
-¡Saúde, rei dos xudeus!
Cuspían nel e coa canivela dábanlle vergallazos na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.
¡Ai Eva, Eva, que custe máis atroz tivo a redención da túa soberbia!
Cristo, no seu perfecto sacrificio de expiación, liberounos da maldición do pecado, que se simboliza cunha espiña. Por iso, la coroa de espiñas é un recordatorio de que Xesús foi e é un rei, que está disposto a soportar o dolor, os insultos e maila vergoña por culpa nosa!
27, (55 - 56). (Mc 15, 33 - 41; Lc 23, 44 - 49; Xn 19, 28 - 30). A morte de Xesús. Había, estaban alí, mirando desde lonxe, moitas mulleres que seguiran a Xesús desde Galilea para servilo. Entre elas estaba María Magdalena, María a nai de Santiago e mais de Xosé, e a nai dos fillos do Zebedeo.
¡Querida Roma, lávate do teu machismo trasnoitado e comeza a ordenar mulleres, servidoras de Cristo!
Gómez Vilabella, Xosé M.