A enfermeira romanesa
Pinto Antón, J.A. - viernes, 27 de noviembre de 2026
Cando Europa era o embigo do mundo, lanzouse á procura de riquezas alleas. Ouro e prata, minerais e madeiras nobres, mercados e materias primas, escravos como man de obra barata. E ao tempo impuxo linguas, relixión, cultura, modos de goberno.
Colonialismo. Entre os séculos XVI e XIX. Con protagonistas que coñecemos ben. Portugal e España. Inglaterra e Francia. Bélxica e Holanda. Conquistaron un mundo grande: Américas, África, Asia. O pequeno continente domeñando continentes inmensos. Aquela fenda de depredacións, humillación e desigualdades chega ata hoxe, pasando por riba dos procesos de descolonización. Aqueles modos de dominación sobre riquezas, persoas, culturas son agora máis sutís e invisibles. A brutalidade das armas é substituída polo protagonismo das grandes potencias, das institucións financeiras internacionais, das multinacionais sen fronteiras nun mundo globalizado. Hoxe, os países menos desenvolvidos son obrigados a carretar a pedra de Sísifo dunha eterna débeda externa que impide o desenvolvemento. Bola de neve que medra ata se converter en impagable. Colonialismo antes, neocolonialismo agora. Como Robin Hood equivocado, os recursos do sur vulnerable financian o desenvolvemento do norte rico.
Xorden outras formas de depredación: as persoas, recursos humanos como Alina, a enfermeira romanesa, que vai tardar anos en homologar aquí o título. Traballadores que buscan unha vida mellor lonxe da terra. Vémolos estes días: filas de galeotes á procura de visibilidade. Migrantes, inmigrantes, emigrantes. Chibos expiatorios dos medos, dos odios, das pandillas MAGA, da prioridade nacional, dos nacionalismos identitarios, do xeo social do ICE, dos extremismos políticos. O medo non é unha política nin a demografía unha opinión.
Vemos a países pobres baldeirando o seu capital humano. Fuxindo dos seus infernos. Veñen á UE. Veñen a España: o 20,2% da poboación, 10 millóns dos que viven aquí naceron no estranxeiro. Un gran reto, un serio problema a enfrontar. Pero a alternativa en Europa é inquietante: sociedades de anciáns, cheas de medos, falando de cousas antigas en casas vellas. Fronte a ese relato do odio están os feitos: son tamén unha gran oportunidade. A que tivo Alina, a enfermeira romanesa. Un día dun afastado ano 2000 chegou a Castellón. Muller grande e invisible tardou catro anos en homologar o título de enfermeira. Xusto en España, un país onde faltan 100.000 sanitarios.
Velaquí unha das novas fronteiras do colonialismo: apropiarse das persoas, dos cerebros, da mocidade máis formada e arriscada, dos profesionais que suman aquí e restan nos seus países de orixe. Como a enfermeira romanesa que cura aquí as feridas que alí deixou a pobreza e que aínda así, é vista como intrusa. Alina. Alinas.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora