¿Qué ten Lanzarote?
Piñeiro, Antonio - viernes, 22 de enero de 2010
Coa mesma face de sorpresa que vostede, querido lector, foi que escoitei nantronte o mini-vídeo promocional que o presidente do Goberno do Estado gravou (parece ser que a petición do Cabildo) no que lle recomenda a todo aquel que poida que viaxe a Lanzarote.
Eu fun obediente e onte dediquei toda unha mañá das miñas vacacións a sobrevoar a illa volcánica. Iso si, tiven que facelo dende o universo virtual do Google Maps, que é o único que polo de agora me permite a miña esfuracada conta corrente.
Andei por aquí e por alá, sempre a vista de paxaro, e recunquei, como non podía ser doutro xeito, no Parque Nacional do Timanfaya, onde a carencia de natureza se debe transformar, ó poñer os pés sobre a terra, nun espectáculo digno de gozar.
Pero tiven que deixalo aí porque o orzamento desgraciadamente non me daba para baixar a ras do chan.
Entón dixen, bueno, todo isto está moi ben, o lugar desborda como di no vídeo o presidente- natureza, vida, descanso e amabilidade na xente, pero, realmente ¿que ten Lanzarote -máis alá do mar- que non teña, por exemplo, Ourense para que o presidente non dedique outros 20 segundos do seu prezado tempo a promocionar os encantos infinitos da nosa provincia?
Si, xa sei que tan pronto transcendeu a gravación, pronto se organizaron as hostes ofensivas da oposición para culpar ó presidente da apocalipse que vive tamén o turismo, mentres as vagas defensivas da Moncloa se organizaron para xustificar o bolo presidencial, en base a que se non fixo outros foi por qué nunca llo pediron.
Pero isto é o de sempre.
O que non é de sempre -e por iso é criticable-, é que un presidente que sabe que hai milleiros de lugares ó longo da xeografía estatal cuxa esperanza económica radica precisamente no turismo, se posicione por un lugar en detrimento doutros e, sen embargo, non poña os pés -nada máis ca para pedir o voto- en provincias en situación económica terminal como é o caso de Ourense.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora