Caudal ecolóxico a gusto do consumidor
Gregorio Montes, Antonio - viernes, 27 de noviembre de 2026
Literalmente! Iso é o que puido atopar quen mirara hai uns días os xornais de Galicia: 'A Xunta diminúe o caudal ecolóxico dalgún río a petición dos concellos sedentos'.
Normal, non? Despois de todo, os animais ou as plantas están por tras dos humanos na escala de prioridades das autoridades. De feito, non votan. E a situación é que os humanos consuminos moita auga (cada vez máis, aínda sen os novos centros de procesamento de datos para a IA) e esta tempada había pouca nos ríos. Logo, imos coller a que deixabamos apartada 'para os animais'. Aínda que non sexa exactamente así, senón que se 'deixa' na (e para) a natureza, na que tamén estamos nós incluídos e que nos é necesaria.
Coller a auga directamente,aínda que a teñamos apartada. Iso é o máis doado. Por exemplo, antes que tomar medidas drásticas de redución de consumo, que é o último e ó que non se soe chegar nunca a tempo, porque cando se estima conveniente xa é tarde e hai que andar con cisternas e outras métodos para o subministro das cantidades esenciais.
O país da chuvia, a terra dos mil ríos, pensando en reducir os caudais ecolóxicos! Non hai algo raro aí? Non é certo que secas hóuboas sempre? E logo? Pero a cuestión está en que por unha beira, o consumo aumenta, cada vez requirimos máis auga para nós, para as fábricas, para regar os xardíns ou que retirada polas aínda crecentes cantidades de eucaliptos, para o noso desfrute... Por outra beira, o cambio climático, aínda sen acordo mundial xa non para facerlle fronte, se non tan sequera para mitigalo, segue a ser ano tras ano máis patente, aumentando a temperatura, pero tamén evaporando máis auga e facendo que chova menos en moitas zonas do globo.
Non se trata pois tanto de considerar máis ou menos o cambio climático ou dar máis ou menos importancia á seca, e moito menos de mirar para outro lado ca mentalidade de que temos abonda auga, senón de ver eses fenómenos con ollada ampla de cooperación coa terra en troques de facelo con ollos miopes de confrontación con ela: ó fin, é un enfrontamento tamén con nós mesmos. Ou, se se quere, enfrontamento cos nosos propios intereses a medio e longo prazo, por non dicir tamén a curto.
Por certo, tras a campaña dunhas eleccións onde a auga, iso indispensable para a vida que está sendo contaminada, espoliada, diminuída e negada á propia natureza... chama a atención que non apareceu nela máis que en forma de chuvia nalgúns lugares. Dá que pensar como será unha política que non teña en consideración cousas da importancia que ten a auga, cos seus problemas incluídos.

Gregorio Montes, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora