Unha reflexión sociolóxica dende o rural galego.
Non escribo estas liñas como político, senón como observador dunha realidade que coñezo dende hai 44 anos nas parroquias de Xestoso, Cambás, Momán e Labrada.
En Galicia temos un paradoxo que os sociólogos estudan dende hai décadas: somos unha terra cos recursos naturais máis ricos de España, en terra e en mar, e sen embargo, moitos dos nosos pobos están baleiros, sen médicos, sen escolas, sen transporte e sen mozos. E a pesar diso, o voto no rural apenas cambia.
Por que? Atopei tres factores que o explican, e ningún ten que ver con que o galego sexa de dereitas ou de esquerdas.

1. O voto por dependencia, non por ideoloxía
Na aldea galega xa non quedan mozos. Queda unha poboación maior, soa, e moi dependente da administración para o máis básico: unha axuda, un certificado, unha pista arranxada, unha ambulancia, unha praza na residencia.
Cando a túa supervivencia depende de quen xestiona esas axudas, votar convértese nun acto de gratitude ou de medo. Non se vota o que se pensa. Vótase a quen che pode quitar ou dar o pouco que tes. Non é liberdade. É dependencia.
2. O voto por illamento informativo
En moitas aldeas só chega unha televisión, unha radio, e ás veces nin internet. O maior non ten con quen contrastar. Se durante 30 anos só escoita que todo vai ben, como vai saber que o seu pobo morre?
Non é ignorancia. É illamento. O galego rural non vota contra si mesmo porque queira. Vota ás cegas porque lle apagaron a luz.
3. O voto por identidade e por costume
En Galicia, votar foi durante xeracións un acto de pertenza, case familiar. Vótase como se votaba na casa, como vota o veciño, como vota o alcalde. Cambiar o voto vívese como unha traizón ao pobo, non como un dereito democrático.
A iso súmase a emigración: os mozos que poderían cambiar o voto xa non están aquí para votar. Marcharon porque non había futuro. E os que quedan, votan coa memoria doutra Galicia.
Conclusión
O problema non é que Galicia sexa conservadora. O problema é que Galicia está soa, maior, dependente e desinformada.
Mentres o rural non teña servizos independentes, información plural e mozos que poidan quedar, o voto seguirá sendo un voto de medo e non un voto de liberdade.
E un pobo que vota por medo, nunca poderá esixir o que lle pertence: que a súa terra rica e o seu mar rico sirvan para que os seus fillos vivan aquí, e non para que outros se enriquezan dende fóra.
Isto non é unha cuestión de partidos. É unha cuestión de dignidade e de democracia.
Luis Ángel Rodríguez Patiño. Sacerdote do rural galego. Coordinador UNED Senior Coruña.