"Os libros que somos" é a campaña que impulsa a lectura e o agasallo de libros en galego este Nadal.
Están a poñela en marcha a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Fundación Xistral, a través de la plataforma M8 por Ler. Unha iniciativa ben interesante que debe continuar co Día de Rosalía cando nos animen a pasar de man en man un libro en galego e unha flor.

Para ese tempo de Nadal no que a sociedade de consumo nos leva ata a extenuación mercando o que non necesitamos, un libro é unha boa decisión e se está en galego, moitísimo mellor. Xa non é que a lingua sume, senón que multiplica.
Hai uns días Víctor Freixanes nun vídeo da Fundación Carlos Casares falaba de como o libro galego ten moito de iceberg, a parte que se ve é a creativa e vive un bo momento, pero esa só se sostén cando a parte somerxida (edición, comercialización, divulgación... a través das editoriais, librarías, distribuidoras, marketing, medios de comunicación, consumidores, bibliotecas...) vai ben. Cando non é así, semella que os días están contados e aparecen perversións que non quixeramos contar. Temo que alimentar esa parte non visible, que fai posible a lectura en galego, é imprescindible, temos que facelo contra todo prognóstico. Aí está o valor patrimonial pero tamén os postos de traballo. Por iso sempre afirmamos que ler é bo pero ler en galego é excelente, porque a lectura en galego sitúanos no lado bo do país. A lectura en galego mostra a nosa identidade, iso que temos e que nos dá valor, nun mundo globalizado, no que as grandes marcas tentan igualarnos a través do algoritmo e a banalización.
Din os artífices da campaña que buscan rachar coa idea de que a edición en galego é un produto minoritario ou restrinxido a un público concreto, defendendo que existe un título nesta lingua para cada persoa, idade e interese. Eu insisto niso en cada publicación do blog (De libros e outros artefactos culturais), en cada podcast que realizo (Libros para as medras), en cada artigo que escribo (por exemplo en Obarbanza baixo o título de Lecturas para xente miúda. En todo tempo). O único que me obriga a escribir é ese empeño en demostrar a riqueza que hai en galego para a infancia e mocidade, outros farano para público adulto, pero é necesario que nesas primeiras idades lle collan cariño á lingua e á lectura e poden ir xuntas, un luxo!
Se hai algo que me desgusta enormemente é ver cando lle preguntan a algún creador galego cales son os libros que está lendo, cales son os seus preferidos e contesta con listado en castelán, que nos están dicindo? Cal é o seu medo? Temen que pensen que están na provincia, na colonia, afastados do centro da cultura e do poder? Arrastramos o complexo de inferioridade aínda nas mellores casas; sabemos que é difícil soltalo, sen dúbida, pero o primeiro paso é ser conscientes, facer o esforzo de ter presente esa falla para poder compensala. O mesmo coa música, co cine, coa creación en xeral. E xa non falemos cos nosos produtos cando estes o merecen. Que me dicides de Deleite? Esa empresa que pon o fai todo en galego e apoia a nosa cultura, por poñer un exemplo, patrocinando o único premio de poesía en galego para a infancia ou insertando publicidade na Revista Galega de Educación. Como non imos mercar ese leite? É que o hai mellor? Ou é que nos deixamos levar por outros parámetros? Ver aos pequerrechos pedir un "zumiño de leite" no Salón do Libro de Pontevedra non pode deixar de emocionarnos.
Pasemos polas librarías, ese comercio de proximidade que fala de diversidade e mediación cultural, pasemos polo libreiro e libreira de confianza e pidamos asesoramento se non o temos claro, eles poden ampliar os nosos horizontes.
Pois ben, xa estamos coa campaña e durará ata o 6 de xaneiro, Papa Noel, o Apalpador, os Reis Magos e toda a corte celestial debería levar libros en galego no saco, bolsa, mochila ou maleta. Todos repartindo o mellor da nosa produción, que non sabemos se hai algo determinado, pois preguntamos! Estou moi cansa de escoitar aquilo de quer isto en galego non o hai, que non hai banda deseñada, que non hai libro informativo, que non hai revistas infantís... pois ben non nos sobra, pero temos e canto máis os apoiemos máis aparecerán.