Gonzalo Jar, un xeneral galeguista
González Martínez, Xosé - jueves, 21 de enero de 2010
Coñecín ao xeneral da Garda Civil Gonzalo Jar Couselo hai ben anos. Chamara a miña atención a entrevista que lle fixera nun xornal galego na nosa lingua, e na que con toda naturalidade facía valoracións moi positivas da cultura galega. Procurei a maneira de contactar con el para felicitalo. Desde entón fixémonos amigos; moi amigos, como adoitaba dicir el. Falabamos de todo, do habido e por haber. Sempre coa espontaneidade dunha persoa aberta, próxima, sen estar condicionado polo estatus do seu rango militar e as altas reponsabilidades de Estado que tiña, que a outros condicionan tanto.
Gonzalo Jar Couselo, que hai dous anos ascendera a xeneral de división; era profesor da Universidade Complutense e autor dunha prolífica bibliografía sobre dereito internacional humanitario, na que se refletía o coñecemento que tiña sobre conflitos internacionais nos que participara para resolvelos na súa condición de experto da Cruz Vermella. Son importantes tamén os seus estudos sobre a igualdade da muller nas forzas armadas, e as proposta para definir os modelos policiais.
Foi decisiva a súa intervención para que a Audiencia Nacional investigase a morte do periodista José Couso na guerra do Irak, desmontando as teorías do Pentagóno que exoneraba de responsabilidades aos militares estadounidense implicados naquela matanza. Tamén merece unha loa a defensa que fixo para un programa da televisión vasca da memoria do que fora xefe da comandancia da Garda Civil de Navarra, José Rodríguez-Medel, fusilado nos primeiros días de 1936 por defender a legalidade republicana.
Gonzalo Jar Couselo participou coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en varios proxectos para normalizar a lingua galega, con ilusión e entusiasmo, que mantivo enceso ata o día anterior do seu falecemento, cando aínda tiña folgos para falar, como viñamos facendo a cotío desde había meses. En 2007 participou na campaña de normalización lingüística En galego, con toda seguridade. Coñecía como poucos a complexa sociolingüística do noso idioma na Garda Civil: Na actualidade, cando tódolos galegos teñen a posibilidade de coñecer, de maneira máis científica, o seu idioma, non vexo ningunha razón que impida incorporalo, en igualdade de condicións co castelán, nas tarefas diarias que desenvolven os membros desa institución.
Emotiva foi a súa manda testamentaria recollida no libro En galego, agora e sempre: Unha vez casado cunha dona non galega, a chegada de dúas fillas plantexoume a dúbida de cómo teria que facer para que esa herdanza que me fora transmitida non morrera de maneira definitiva, asi que, desde ben pequenas e coa complicidade da miña muller, puxen en marcha un plan, vixente deica hoxe, que consistía en falarlles sempre en galego aínda que elas me responderan en castelán
É así como, cando se aproxima o intre de facer testamento, quero pedirlles a ámbalas dúas que, de igual maneira que recibiron ese privilexio, se comprometan ante a xeración que lles precedeu a manter vivo o que consideramos é o mellor legado que se lle pode facer a unha persoa. Nas exequias fúnebres celebradas en Madrid, á que asistiron centenares de militares e representantes do Estado incluídos algúns ministros, aplaudiron con emocionado entusiasmo a lectura desta manda testamentaria en galego que fixo a súa filla Ana. A mesma emoción repetiuse coa igrexa de San Bieito do Lérez ateigada cando a familia trouxo as súas cinsas.
As túas fillas, Ana e Marta, van cumprir coa manda, Gonzalo. Abofé que si. E a nós, os teus amigos, quédanos a lembranza das túas palabras cando foches nomeado Xuíz Honorario do Couto Mixto, e a emoción que che provocara a retransmisión en directo, que escoitaches desde o hospital, do impresionante acto público fundacional da Asociación de Amigos do Castelo de Maceda Setestrelo, asociacións, ámbalas dúas, das que ti formabas parte.
O día 28, en Compostela, cando as badaladas da Berenguela anuncien as doce da mañá, a memoria do xeneral e amigo Gonzalo Jar volverá agromar en nós. Porque ese día presentaremos en acto público a súa derradeira achega literaria para fomentarmos a uso da lingua galega entre os viaxeiros das liñas de Travibus Noroeste, S.A.

González Martínez, Xosé