Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alfredo Sánchez Carro

Xiz, Xulio - martes, 24 de noviembre de 2026
Que dificil, Alfredo, ter as palabras xustas para despedirte.
Pero como o teu eran as palabras e obras, e se as obras son amores, ás obras me vou a referir, para que os lucenses as recorden; para que os lucenses te recorden.

Alfredo Sánchez Carro Lembras, Alfredo, -lembrabas, e máis agora que estás no lugar da luz suprema- que en 1967, Delegado de Información e Turismo, nos xuntaches a todos os funcionarios no despacho, para preguntarnos que opinábamos do teu slogan: "E para comer, Lugo"?. Todos estivemos de acordo en que soaba ben, que ía funcionar. A ti, con razón, entusiasmábache.

E funcionou, contaxiou á hostelería, a todo Lugo, e coa Asociación de hosteleiros, presidida por Manolo Granxeiro, organizáronse xornadas gastronómicas, mercados, conferencias, degustacións... O slogan deu a volta a España e moito máis; en Ávila téñenme loubado a carne de Lugo, e nas Canarias ou Madrid as nosas excelencias gastronómicas.
Lembrarás que numerosos lucenses viaxamos a Turquia en 2009 en viaxe da Asociación de Amigos do Camiño, e visitamos o gran Bazar de Estambul. Nestes lugares os comerciantes adoitan preguntar: "de onde son?"; e ao dicir: "De España; de Lugo!", o turco respondeu entusiasmado: "Y para comer, Lugo". Tamén te entusiasmache, cando cho contei.

Só con esta acción, o inxenio de Sánchez Carro estaría colocado nun lugar de honra. Pero só é unha mostra de imaxinación, traballo e entusiasmo deste amigo que hoxe despedimos.

Naqueles anos 60, había que axudar a Portomarín onde un embalse anegara o histórico fito do Camiño, ameazando a vida do pobo que tivo que cambiar de asentamento. A Alfredo se debe a Orde Serenísima da Augardente, que cada domingo de Pascua concita milleiros de persoas arredor do mais senlleiro produto do pobo. E a el se deben os Domingos Folclóricos dos veráns. Por iso, desde hai varias décadas, Portomarín posúe a "Rúa de Alfredo Sánchez Carro".

Dedicou libros a Vilalba-Terra Cha e aos Ancares, á Mariña ou á Ribeira Sacra. Foi o Señor dos Ancares, no máis amplo sentido señorial da palabra, e impulsou o coñecemento e o desenvolvemento daquela nosa Serra maior, paraiso natural.

Pero debo subliñar a súa querencia pola Muralla. Seu é o slogan "En Murallas, China e Lugo". Parecía unha desmesura, unha hipérbole, pero a publicidade é hiperbólica por natureza, e non debia estar moi equivocado, xa que o ano 2007, no San Froilán, o embaixador chino Qiu Xiao qi, o alcalde de Lugo Xosé Lopez Orozco, e o embaixador especial español en China Pablo Bravo Lorano, asinaron o irmandamento das dúas murallas: A Muralla romana de Lugo, irmá da Grande Muralla chinesa!.

E para acrecentar o coñecemento dos lucenses pola muralla, rescatou o concepto "Revista oral", con "Ronda", onde se falaba da Muralla viva que a todos pertence.

Na familia (Marisa, a súa outra metade, que se nos foi hai tempo; os fillos, os netos, os cinco bisnetos...), no ensino, na política, na vida... era garimoso, imaxinativo, contundente, tenaz. E as súas iniciativas estaban destinadas a perdurar no tempo e no espazo, rescatar espazos e conceptos, dar vida a ideas e persoas. Adeus, Alfredo, amigo!

Descanse en Paz quen tivo a Lugo e os lucenses no primeiro plano da súa visión, e sempre foi amigo servizal de todos nós.

Breve biografía de Alfredo Sánchez Carro

(Palabras de Xulio Xiz no funeral celebrado na Parroquia de San Froilán de Lugo, o 23 de novembro de 2026, na honra de Alfredo Sánchez Carro, mestre, xornalista, escritor, político, impulsor do Turismo e da Natureza lucenses).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES