Pois en puridade non debera falar da intervención do líder da ultradereita Santiago Abascal no programa "La Revuelta" porque non o vin xa que a estas alturas nada do que emana do discurso deste individuo me interesa o máis mínimo. A súa retórica retrógrada, xenófoba, machista, negacionista (poñede os etcétera que queirades) xa está máis que sabida e divulgada, así que nada novo ía dicir nese programa de humor e entretemento que xa non estivese dito.

É normal que neste tempo de elección todos os políticos aspirantes se apunten a unha exhibición televisiva. Algunhas cousas previas á emisión do programa chamáronme a atención e a que máis que o invitado elixira á xente que ía estar no teatro, aos seus palmeiros, para que celebrasen calquera ocorrencia ultra do seu ídolo ultra. O público polo visto foi elixido por unha axencia, a conciencia, tentando que non houbese ningún desfasamento no comportamento dos asistentes ao programa. Un público comprado é un recurso tramposo que seguramente lle quitou autenticidade ao evento. O normal, baixo o meu modesto punto de vista, sería que se a persoa invitada non acepta o formato do programa, pois non vai e punto. Pero que máis dá!
Por outra banda é comprensíbel que as canles de TV estean competindo polos seus índices de audiencia e inviten baixo calquera condición a quen lles pode elevar a cota de pantalla. Lin na prensa que "La Revuelta" con Abascal bateu récord de espectadores malia que estes sabían as condicións impostas polo invitado. Aceptaría a produtora de "La Revuelta" esta imposición aos demáis participantes? Por que esa baixada de calzóns?
Xa en plena campaña hai debates co veto do PP e VOX a TVE teméndo no sei qué, así que a cousa vai dende a Academia da TV moderados por xornalistas neutrais (?) e retransmitidos por todas as canles. Aquí os candidatos poderán debater os seus postulados mellor que nun programa de entretemento como "La Revuelta" ou "El Hormiguero" que pelexan todas as noites pola cota de pantalla porque ao cabo diso se trata. Non sei cantos votos terán pescados os líderes/sas candidatos logo do seu paso por programas como "La Revuelta" e outros. Xa se verá.