Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Somos todos reis. Xesús Cristo Rei do Universo

Cabada Castro, Manuel - domingo, 22 de noviembre de 2026
Coa celebración de Xesús Cristo Rei do Universo finaliza o ano litúrxico para comezar xa no próximo domingo o tempo do Advento. O tempo eclesial remata así cunha festa englobante e universalizadora: Xesús, Rei do universo, de toda a creación, da que nós formamos unha ínfima parte. Un universo que se estende, quizais infinitamente, cara a arriba e cara a abaixo, cara a un ado e cara ao outro, no grande ou no pequeno, alén das galaxias das que ata agora temos noticia ou das incríbeis pequenas estruturas que nos van descubrindo os investigadores.

Deus é o infinito absoluto. El non ten limite ningún na súa grandeza, no seu poder, na súa bondade. Resulta lóxico, xa que logo, que o universo participe tamén dalgún xeito da grandeza do seu Creador. Tendo en conta sobre todo que Deus Pai tiña desde sempre proxectado que o seu Fillo se faría tamén ser humano nun momento concreto da evolución do universo e da historia humana. Podemos dicir, pois, que o país, o "reino", do que Xesús sería rei non podía ser cousa cativa.

Xesús non negará -a pesar da súa sinxeleza, humildade e proximidade a todos- a súa realeza. Todo o contrario. En momentos cruciais da súa vida, preto por exemplo de ser axustizado inxusta e violentamente, afirmará a súa realeza ante o mandatario romano Pilato que lle preguntaba explicitamente sobre ela. "Eu son Rei", responderalle. Esta é a razón de que o título de "rei" figurase no letreiro enriba da cruz na que foi crucificado: "Xesús Nazareno, rei dos xudeus". Título que se converterá de feito en título universal: Xesús rei, non só dos xudeus, senón da humanidade toda e do universo. En calquera caso, a realeza de Xesús é moi diferente das realezas humanas. De aí que non lle compracese que -aínda séndoo de verdade- o considerasen rei ou tratasen como tal. Anuncia, en troques, a súa mensaxe de fraternidade universal, alicerzada non no poder (tal e como adoitan facer os reis da terra), senón no servizo.

Lembrade estas súas palabras, que ben farían en ter en conta cantos reciben o encargo de administrar os bens públicos: "Sabedes -dinos el- que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ao contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor voso e o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para servir e dar a súa vida en rescate por todos". Non estaría nada mal que, estando como estamos neste domingo en datas importantes de eleccións gobernamentais, lembremos algo disto.

A liturxia deste día pon así de maneira moi axeitada, diante nosa, para consideración de todos, a coñecida pasaxe de Mateo relacionada co xuízo final. Poderiamos dicir que precisariamos moitas vidas para chegar a comprendela en toda a súa radicalidade. Dísenos alí que a regra e maila lei sobre as que se vai basear o xuízo definitivo sobre a nosa relación con Deus, é dicir, sobre a nosa relixiosidade, non vai ser -paradoxalmente- unha suposta "relixiosidade", senón a nosa humanidade e o noso servizo aos demais. Xesús, o Fillo de Deus Pai, en canto rei e ao tempo xuíz, só vai xulgarnos sobre o nosa semellanza con el. E el é o Deus que se converteu nun de nós, que se fixo humano, próximo a todos e de maneira especial aos que máis precisan da súa proximidade e da súa comprensión. No reino de Deus non hai lugar para quen non comungue con tal modo de ser e de se comportar.

Mais non se trata só diso: de facérmonos semellantes a el no seu modo de proceder. Non se trata só de cumprirmos cun mandato xeral ou abstracto. O importante é que el se identificou en certo modo, polo feito mesmo de se ter encarnado, con todos e cada un dos seres humanos e ao se identificar así, resulta que fomos todos en certo modo divinizados, convertidos pola graza de Deus en fillos tamén de Deus. De aquí a incríbel e inmensa dignidade que temos todos, por máis que as aparencias externas poidan levarnos a engano. Un pobre, un inmigrante ou emigrante, un enfermo, un preso etc. teñen a mesma, se non maior, dignidade ca os que non se atopan nesa situación. Porque son xustamente eles -e non outros- os que máis precisan a nosa atención, o noso aprecio, os nosos coidados. Só así comprenderemos por que Xesús considera sen máis estas persoas como explicitamente identificadas con el mesmo: "tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven en coiro e vestístesme; enfermo e visitástesme; na cadea e viñéstesme ver".

É moi posíbel que haxa persoas que realicen estas obras de amor e misericordia sen sequera elas saberen -por considerarse non crentes- que Xesús está presente nos presos, nos marxinados etc. Mais pouco importa tal descrenza se tales persoas se deixan levar polo que lles pide ou suxire o corazón. Responderalles a elas coas palabras do texto de Mateo: "Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo".


Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT ([email protected]; [email protected]). Distribución: Editorial Galaxia ([email protected]).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES