Os Catro Evanxelistas
Para non ter dúbidas, acudamos aos catro evanxelistas, pois neles temos a fonte limpa, veraz, irrebatible, do catolicismo.
San Mateo

Escolma do seu evanxeo:
1, (18 - 25) (En Lucas 2, 1-7). O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
-Xose, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará ó seu pobo de tódolos seus pecados.
Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta: "Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo, e poñeranlle de nome Emmanuel", (que quere dicir "Deus connosco").
Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo a súa prometida; e sen que a tocase, ela deu a luz un fillo. E el púxolle de nome Xesús.
2, (13). Exilio en Exipto e matanza dos inocentes. En canto se foron (os Magos), un anxo do Señor aparecéuselle a Xosé en soños e díxolle:
-Érguete, colle o neno e maila nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai busca-lo neno para acabar con el.
3, (13-17). (Mc 1, 9-15; Lc 3, 21-22). Entón apareceu Xesús, que viña desde Galilea ó Xordán, para que Xoán o bautizase. Xoán trataba de impedilo dicindo:
-¿Como vés ti onda min, se es ti quen me tes que bautizar a min?
Xesús respondeulle:
-Deixa, que agora convén que cumprámo-la vontade de Deus.
Xoán accedeu. Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viuse o Espírito de Deus baixar como unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse desde o Ceo unha voz que dicía:
-Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.
4, (1-11). (Mc 1, 12-13; Lc 4, 1-13) ... Levouno logo o Satán á cidade santa, e púxoo na atalaia do templo, dicíndolle:
-Se e-lo Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: "Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras".
Xesús respondeu:
-Tamén está escrito: "Non tentarás ó Señor, o teu Deus"
Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, díxolle:
-Heiche dar todo isto se te postras e me adoras.
Entón replicoulle Xesús:
-Arreda, Satanás, porque está escrito: "Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto".
Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren.
5, (13-16). (Mc 4, 30; 9, 50; Lc 11, 33-35). Vós sóde-lo sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
Vós sóde-la luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a tódolos da casa. Alumee así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está no Ceo.
5, (43 - 48). (Lc 6, 27-28, 32-36). Amor ós inimigos. Tedes oído que se vos dixo: "Amarás ó teu próximo e aborrecerás ó teu inimigo". Pero eu dígovos: amade ós vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no Ceo, que fai saí-lo sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades ós que vos aman, ¿que recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns, ¿que facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos sen exclusivismos, como o voso Pai Celestial é totalmente bo.
6, (5 - 15). (Lc 11, 2-24). Sobre a oración. ... Cando vos poñades a rezar non sexades laretas coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar. Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. Vós, rezade así:
Noso Pai que estás no Ceo,
santificado sexa o teu nome;
veña o teu Reino,
fágase a túa vontade
así na terra coma no Ceo.
Dános hoxe o noso pan de cada día.
E perdoa as nosas débedas
como tamén nós perdoamos xa ós nosos debedores.
E non nos sometas á tentación,
mais líbranos do Malo.
Porque se vós perdoades ós outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas; pero se non perdoades ós outros, voso Pai celestial tampouco perdoará as vosas ofensas.
7, (15 - 20). (Lc 6, 43-44). A árbore coñécese polos froitos. Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovelliñas, pero no fondo non son mais cá lobos rapiñeiros. Polos seus froitos coñecerédelos.
7, (24 - 29). (Lc 6, 47-49). A práctica auténtica. ... Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica, pórtase coma un tarambaina que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval, e batendo na casa derrubouna, sendo grande a desfeita. E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa doutrina, porque lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.
9, (9 - 13). (Mc 2, 13-17; Lc 5, 27-32). Vocación de Mateo. Ó pasar Xesús por alí, viu un home sentado ó mostrador da contribución, chamado Mateo, e díxolle:
-Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse tamén á mesa con Xesús e mailos seus discípulos. Cando tal viron os fariseos, dixéronlles ós discípulos del:
-¿Como é que o voso mestre está a comer con recadadores e pecadores?
El oíunos e dixo:
-Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que significa aquilo de "Misericordia quero e non sacrificios". Porque non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.
10, (16 - 18). (Mc 13, 9-13; Lc 21, 12-17). As persecucións. Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa xente porque entregaranvos ós tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. E pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns.
11, (2, 6). (Lc 7, 18-30). Pregunta de Xoán e louvanza de Xesús. Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a preguntarlle:
-¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
Respondeulles Xesús:
-Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova. ¡E ditoso quen non se escandalice de min!
.../...
Curacións? Foron tantas, e tan variadas, incluso resurreccións coma a da filla de Jairo, a do fillo da viúva de Naim, Lázaro..., amén da súa propia, que con só coñecelas, rexistralas e admiralas, xa temos outro retrato, outra identificación do Fillo de Deus. ¿Caben dúbidas? ¡Aquelas probas, aqueles milagres, tantos e tan variados so os podía facer a Segunda Persoa da Santísima Trindade; Xesús fíxoos, e os seus discípulos deron, cos seus escritos, pero tamén coas súas vidas, a testemuña más exacta e certa de que conviviron co Fillo de Deus! Con estas probas, os ateos, os que se proclaman ateos, pois máis que ateos téñoos por desertores, no meu criterio merecen unha albarda, por...; por burros, non, por falsarios!
.../...
13, (53 - 58). (Mc 6, 1-6; Lc 9, 7-9). Xesús en Nazaret. E resulta que cando Xesús acabou de expoñer estas parábolas marchou de alí, indo para a súa terra. Con tal xeito lles ensinaba na sinagoga que dicían abraiados:
-¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? ¿Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María súa nai; e seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas? E súas irmás, ¿non viven connosco? (Aluden, refírense, aos seus parentes e amigos). Entón, ¿de onde lle vén todo isto?
Estaban realmente escandalizados por causa del. Pero Xesús díxolles:
-A un profeta só o aceptan mal na súa terra e na súa casa.
E alí non fixo moitos milagres pola falta de fe daquela xente.
16, (13-20). (Mc 8, 27-30; Lc 9, 18-21). Profesión de Pedro. Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos:
-¿Quen di a xente que é o Fillo do Home? (Humano, en canto fillo de María).
Eles responderon:
-Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu:
-E vós, ¿quen dicides que son?
-Respondeu Simón Pedro:
-Ti e-lo Mesías, o Fillo de Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
-Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai, que está no Ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino do Ceo: todo o que ates na terra, ficará atado no Ceo; e todo o que desates na terra, ficará desatado no Ceo.
E mandoulles ós discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.
16 (21-23). (Mc 8, 31; 9, 1; Lc 9, 22-27). Anuncio da morte e da resurrección. Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar.
Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
-Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
-¡Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.
Gómez Vilabella, Xosé M.