Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Señores Bispos, non nos digan a quen votar, dígannos a quen defender

Rodríguez Patiño, Luis Ángel - lunes, 23 de noviembre de 2026
Antes de que falen os bispos, que fale o Evanxeo
VOTEN EN CONCIENCIA O DÍA 29N
Meu amigo e feligrés dixital, imos falar claro.

A Conferencia Episcopal Española, pola boca do seu presidente, anunciou que vai facer un escrito sobre a decisión de voto do día 29N.

E eu pregúntome, como sacerdote e como cidadán:

1. Por que agora?
Xa levan anos sen facer ningún escrito antes das eleccións. Antes si o facían. Agora queren volver facelo. Por que? Que cambiou? Que intereses se moven para que agora si haxa que orientar o voto?

2. Sempre os mesmos temas monótonos.
Que aínda que son importantes desde a doutrina da Igrexa, non son os únicos. Sempre: matrimonio entre home e muller, non á homosexualidade. O aborto. Os mozos, as drogas, os malos hábitos.

Pero eu pregunto:

3. Falan do aborto, e teñen razón en defender a vida. Pero por que non falan despois dos nenos que nacen e morren de fame? Das familias que non poden crialos porque non teñen traballo, nin vivenda, nin axudas? Defender a vida non é só defender o nacemento. É defendela ata o final.

4. Falan contra as drogas, pero non denuncian aos narcotraficantes, pequenos ou grandes, que envelenan os nosos barrios e os nosos pobos.

5. Falan contra os mozos e os seus malos hábitos, os xogos... pero non denuncian aos donos, chamados católicos, que poñen salas de xogo ao lado dos colexios para enriquecerse coa adicción dos nosos fillos.

6. Falan de que os mozos non queren traballar, pero non denuncian a explotación do empresariado que explota con xornadas excesivas e soldos de miseria. Iso tamén é pecado. Iso tamén mata.

7. Falan de que a mocidade non se quere casar, pero non condenan aos fondos voitre e a falta de vivenda, con alugueiros e hipotecas polas nubes. Como se vai casar un mozo, como vai formar unha familia, se non pode pagar nin unha habitación?

8. Falan de amor e respecto aos nosos maiores, e calan ante a morte de anciáns nas residencias, ante o negocio mercantil coa sanidade, sen importar as persoas, por parte de partidos que se declaran católicos.

9. E falan da familia, da tradición, da terra... pero calan ante o abandono das aldeas e dos pobos, sen os medios necesarios para vivir dignamente.

Sen médico, sen cura, sen escola, sen transporte, sen panadería, sen bar, sen vida. Pobos que morren en silencio, mentres os que rexen o poder en Galicia e en moitos pobos de España naceron precisamente neses pobos e nesas aldeas.

Naceron nunha aldea, criáronse nunha aldea, e agora só se lembran dela para pedir o voto. Despois esquécense. Ou incluso lles dá vergoña dicir de onde veñen.

Dálles vergoña o seu pobo, dálles vergoña a súa aldea, dálles vergoña a súa xente. Pero non lles dá vergoña ir pedirlles o voto cada catro anos, co sorriso, coa promesa, coa foto na festa.

Iso tamén é traizón. Iso tamén é pecado contra o próximo. Porque un pobo sen medios é un pobo condenado a morrer, e un político que abandona ao seu pobo abandona á súa nai.

Eu, pola miña condición de sacerdote, podo estar a favor do matrimonio entre home e muller, como ensina a Igrexa. Pero non podo rexeitar a ningún fillo nin a ningunha filla de Deus, nin permitir o seu rexeitamento, nin xogar coas súas vidas, nin permitir a violencia, os insultos e outras maldades contra as persoas homosexuais. Iso non é Evanxeo.

Podo estar en contra do aborto, pero teño que ver as circunstancias e as causas do porqué, e non condenar á lixeira a unha muller desesperada e soa.

Non podo calar a boca ante a violación dos dereitos humanos fundamentais: a sanidade, a educación, o traballo e os dereitos sociais.

Por tanto, como sacerdote, e a pesar de ser xulgado polos fariseos que poñen grandes cargas sobre os demais, e sobre todo sobre os indefensos, os débiles, os pobres, e despois se chaman católicos e puros, seguindo o Evanxeo de San Mateo, capítulo 25: _Tiven fame, estiven enfermo, estiven no cárcere..._ lévanme a tomar unha decisión.

Como xa o dixo o Papa Francisco e agora o Papa León XIV, os partidos de ultradereita e de dereita extrema menoscaban os dereitos sociais. E isto debe levarnos a estar ao lado dos partidos que mellor respectan os dereitos humanos fundamentais e os dereitos sociais.

Por iso, señores bispos, pídolles que as súas declaracións sexan seguindo as directrices evanxélicas e non outras causas materiais ou de privilexios.

Aos cristiáns en xeral e aos católicos en especial: voten en conciencia o día 29N.

Voten pensando no famento, no enfermo, no ancián da residencia, no mozo sen traballo e sen casa, no pobre, no migrante, no que non ten voz. E voten pensando tamén na súa aldea, no seu pobo, nesa terra que os viu nacer e que hoxe morre abandonada.

Porque a eses é a quen nos pedirá contas o Señor.

Luis Ángel Rodríguez Patiño, cura párroco de Xestoso en Monfero, Cambás, Aranga, Momán, Xermade y Labrada, Guitiriz.
Rodríguez Patiño, Luis Ángel
Rodríguez Patiño, Luis Ángel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES