Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O exilio interior dun creador de formas galego: Díaz Pardo

martes, 19 de enero de 2010
O exilio interior dun creador de formas galego: Daz Pardo A un non lle senta falar doutras cousas ante as imaxes arrepiantes de destrucción que estamos a ver, invernais, patéticas, nun sitios máis que noutros, pero entre nós tamén e de xeito diferente. Fotografias coas que se queren pechar a ferro ilusións de dignidade para Galiza, namentres entre botafumeiros se reabren portas que din santas. Tempo no que se enceta o ano do centenario de quen foi ansiada parte por anovar Galiza na atoutiñante "Longa noite de Pedra", Luis Seoane. Imaxes que retemos para quedar ben gravadas na sensibilidade, na Historia da cultura galega. Imaxes para seguir a esconxurar o referido a este noso "País do Letheo", onde temos a tendencia a embardelalo todo deica esquecelo. Referímonos á imaxe de Isaac Díaz Pardo, arrodeado de caixas que conteñen parte significativa da "memoria histórica " de Nós rescatada, un “fardel do esiliado". Teimas comúns para os que "levan na fronte unha estrela" e queren construir una sociedade con ética i estética. Anacos da Historia de Galiza empaquetada, agora de mudanza, partindo sen rumbo do sitio que para elas foi feito, namentres se construe unha "Cidade da Cultura" (¿?). Denantes do "imperativo legal" Isaac deixa tras si parte da espiral industrial que foi exemplar do "Castro" e "Sargadelos" que él, con tantos outros e traballo de fomiga, creou día a día para dignificar a Galiza enlameirada en esperpentos, imperio da couza, das ratas a roer, dos ananos...as metáforas abondan. Isaac e moitos de nós, deixamos o I.G.I, esa estructura de esperanza erguida no final do Camiño de Compostela, cando espertaba a democracia, a derradeira iniciativa ensarillada entre "as industrias da memoria", unha inversión de futuro, afogada agora no reino dos minifundios, a que sería, como din as súas siglas o Instituto Galego da Información, un centro para formar na arte de informar e seguir a formar en códigos de ética i estética ós que terán a voz cantante nos medios de comunicación. Tristeiros paradoxos da vida, espazos de porvir, onde o laureado e senlleiro creador, quen non tivo vacacións en vida, recluíuse ate agora para seguir a compoñer as pezas do crevatestas da Historia de Galiza, como fiou no Museo de Arte Contemporaneo Carlos Maside, na Editorial do Castro, no Laboratorio Xeolóxico de Laxe, no Seminario de Estudos Galegos, no Laboratorio de Formas de Galicia... parte dese muiñar respectando, espallando a dignidade da "Derradeira Lección do Mestre" asesiñado na guerra ou morto no exilio, coidando a semente do primeiro i expoliado Seminario de Estudos Galegos. Cousas que, pese a que non se reclamen, sempre terán necesidade de ser namentres Galiza exista.

Estamos nos tempos da comunicación, e a cultura dun país non debe esquecelo, pois queirase ou non rematamos sendo o que din os medios, os que educan ou maleducan: un país, que significa historia, cultura, empresas... que bule, ten ollos, oidos, sentidos, existe en función dos seus medios. Moitas canles de comunicación levan o apelido de "Galicia", pero esquecen canto eso significa de pasado e porvir. "Galicia" era o nome que emanaba do I.G.I . Lamentamos que ainda haxa quen non entenda e confunda a dimensión do que leva anos acontecendo coas empresas, co seu creador e ideólogo, propietario de direitos de autor de moitos inxeños e formas, quen compartiu i entregou todo, en teoría e praxe, por facer do arte industria e da tradición modernidade. E velaí hoxe no brete un dos grandes logros e aportes da historia da cultura galega contemporánea.

Á vista as estampas e denuncias fotográficas, as que transpasarán o tempo para quedar na Historia e avergoñar ós que conduciron e mesmo consentiron tal situación: desencontros, nos que se priva a Isaac do seu, da acción, como traballador, productor e creador de formas, deseñador, patriarca, herdeiro e transmisor do legado de Nós, a esencia de Galiza. Fotografías que son símbolo do esperpento campante que tanto se ceba neste extremo occidente . Agradeceriamos que ese encontro co Conselleiro de Cultura, alongando a man e dando a quen tanto da, un cheque e a oferta da Casa do Administrador no recinto histórico de Sargadelos (espazos insuficintes para tanta memoria e mesmo para canto significa Isaac como creador e divulgador, e a carón mesmo do emporio industrial e cultural que él e os seus fixeron e agora se lle rouba), non quedase somentes nunha instantánea. Isaac é parte dos alicerces da contemporaneidade de Galiza e con él toda a súa teoría de dignificación das formas con idioma e acento galego, parte de nós. Fai ben Isaac en manter a súa coherencia, en negarse a servir como floreiro ou estatua nos negocios que creou e animou e que, ao seu pesar e o de moitos clientes, toman agora rumbos diferentes ós dos seus creadores, que precipitadamente perden identidade, as formas no xeito de facer camiño, ós leais seguidores e conseguintemente ó seu mesmo márketing comercial para arrastrarse e afogarse no puzo negro da crise integral .

Comprobamos que os que nos representan na administración, na oposición, na Xunta de Galicia seguen de reollo a cuestión, sen asumir que ese pulo creador forma parte da historia contemporánea; potencialmente é Ben de Interese Cultural... existe certa interesada apatía, confusión entre inciensos i efervescencia de vanos agasallos, para deixar pasar... ate esquecer a historia e seguir a afogarnos no mítico rio do esquecemento que pasa por Galiza. Resistimos, combatimos como Isaac, por aceptar esta inmoralidade, que pode ser de dereito, pero inxusta, imbecil i escura e así pasará ó futuro.

Proféticos resultan tantos símbolos: o Himno de Galiza, os versos de Luis Seone, como un Dies Ira, ou un Requiem, agora cecais para poñer punto final ós bos e xenerosos i entrar no consumismo e no pelotazo impulsivo. Somella que vencen novamente os monstros que deberan ser castigados a soster pórticos, aleiros dos tellados, a ser gárgolas... os eternos vicios do emponzoñado leirismo galego."Na Galiza ese vello pobo... loita dende fai séculos o home coas ratas. Coma nos castelos abandonados... mosteiros sen altares, nen lembranzas de ritos... sendo soio rondada de morcegos... morándoa soio as ratas..."

Sabe Isaac que non está soio, nen coutado, probas tenas dabondo, a Historia, a ética i a estética están con él, e que incluso somos e seremos capaces de empezar de novo sobre eses alicerces, e "sen dar a esquecemento da inxuria o rudo encono....".
López Gómez, Felipe Senén
López Gómez, Felipe Senén


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES