Os galegos temos a sorte de contar con outro mundo a onde se van, para permanecer, os que abandonan o Aquén. Mentres os choramos pasan a lagoa Estixia, dinnos adeus... a Xaquín imaxínoo con ese sorriso de lado mirándonos irónico.
Souben do seu pasamento por Antonio G. Millán e debín darlle o pésame directamente a el, porque sabía, sei, que a dor non entende de sangue nin de intereses senón de afectos. Coñecino a través de Antonio cando se puxo en marcha o roteiro de Valle por Compostela. Daquela, coa colaboración do concello puideramos facer varias rutas guiadas por el e Antonio nas que eu colaboraba como representante do Ateneo.

Eles guiaban e eu axudaba a que funcionase o percorrido. Xaquín era xenio e figura, facíao todo á súa maneira, creaba dúbidas e sospeitas máis que afirmacións, moitas veces, pero ás persoas participantes encantáballes escoitalos aos dous, tan diferentes un do outro. A súa presenza e maneiras facíano único. Lembro o primeiro percorrido cando o casino nos fallou e quería sentarnos na cafetería onde non cabiamos en lugar de abrir o reservado, houbo que poñerse serio porque o xefe andaba por fóra e a capataz quería aforrarlle gastos e traballos. A silueta de Valle, feita por David Pintor, recibíanos a través de fiestra do local onde aprendera esgrima, e as participantes puideron entrar e tomar o chocolate apretadiñas e escoitando a conferencia que tiñamos organizada. Deses itinerarios saíu a publicación dun humilde folleto en galego e castelán (Santiago de Compostela: Rosa Mística de Pedra) coas vinte e dúas estacións que se relacionan co escritor, cada unha delas cun texto da súa obra, da doutros autores ou da prensa da época, imaxes de Valle - Inclán ao longo da vida e diferentes caricaturas e debuxos cos que o representaron, un mapa da cidade sinalando as paradas e as datas das estadías compostelás de don Ramón... Nunca tanto coñecemento entrou nun plano que se dobra e dobra para levar no peto.
A modo de homenaxe, recollemos algún deses textos do avó sobre a cidade que lle dou acubillo e que soan como a auga da chuvia que ven caendo dende tempos inmemoriais:
"De todas as cidades españolas, a que parece inmobilizada nun soño de granito, inmutable e eterno, é Santiago de Compostela. A cidade das cunchas depura o seu aroma piadoso coma as rosas que nas estancias pechadas exhalan ao se murchar a súa máis delicada fragancia. Rosa mística de pedra, flor románica e basta, coma no tempo das peregrinacións conserva unha graza inxenua de vello latín rimado".
"Viana do Prior foi vila de señorío, como a declaran as súas pedras insignes. Está chea de prestixio a ruda sonoridade dos seus adros e prazas. Ten a súa crónica en pedras sonoras, candoroso romance de rapinas feudais e bandeiras de gremios rebeldes, fronte a condes e mitrados. Vellas casonas, vellas linaxes, pergameos vellos, escudos en arcos, pregoan as góticas fábulas da Armería Galaica."
"Día por día, a oración de mil anos renace no tanguer das súas cen campás, na sombra dos seus pórticos con santos e mendigos, e no silencion sonoro dos seus adros con flores franciscanas entre a xuntura das lousas, no verdor cristalino dos seus campos de romarías, con aqueles carballos de escavado tronco que recordan as vivendas dos ermitáns".
"Santiago de Galicia foi un dos santuarios do mundo, e as ánimas aínda gardan alí os ollos atentos para o milagre!...".
Coincidiamos sempre o día do teatro na alameda, cando lle colocaba a bufanda vermella ao avó e traiamos as palabras do gran Valle - Inclán entre todos, para que el sentado no banco e mirando a catedral, nos escoitase sabendo que ían continuar, por séculos, soando baixo as árbores do parque. Houbo máis ocasión: a presentación da revista na biblioteca Ánxel Casal, algunha xornada no Museo Valle-Inclán da Pobra cando Antonio organiza as Xornadas cada outono, unha viaxe a Cambados cando lle fixeron unha homenaxe á avoa, Josefina Blanco. Alí, rodeando a tumba, foi fermoso escoitar as mulleres que lles poñían flores a ela e ao meniño que lles morrera e estaba no adro de Santa María de Dozo, unha igrexa a ceo aberto convertida en camposanto. Aquel meniño na mesmo cemiterio e afastado da súa nai, baixo unha pequena lápida, que ninguén se atrevía a mover, tal vez porque o seu era un lugar máis sagrado, máis próximo ao sanctasanctórum. Alí, escoitamos algunha barbaridade como pode suceder, ás veces, cando os políticos se deixan levar polas modas sen acabar de entendelas. O sorriso irónico de Xaquín completouse cando saímos daquel frío e comentou "agora que deixei o ensino, vou ter que vir dar clases, porque hai cousas que non se poden dicir". Aínda hoxe vexo esa ironía e río porque era a mellor maneira de tomalo.
Reunirnos no Suso cando rematabamos na alameda cheos de frío, en San Roque pola tarde para preparar algo, con Varela en Vilanova... Poucas veces coincidín con el no asueto, fóra desas obrigas da cultura, pero certamente tíñalle afecto e respectábao moito porque ademais do seu comportamento en relación á creación e a memoria do avó, tamén sabía como trataba ao vello Abella nos Tilos. Como sempre sucede, quedaron moitas preguntas por facer, cosas que deixabas para cando fixeran falla a pesar de prestarse el a respondelas, como ese lugar ao que el viaxaba no inverno de Canarias e do que tan ben falaba. Xa non hai a quen preguntar... Igual que as receitas de miña nai que sempre botarei de menos, igual que a vida dos antepasados a quen nos podía dar razón deles, igual que os sentimentos a aqueles que nunca entendemos...
Un contacto máis a retirar do teléfono. Sei que non o vou facer porque dalgunha maneira nos acompañan e cando tropezamos cos seus nomes saudamos o Alén.