Para Egeria, que me honra representar na soleira deste libro, foi unha honra promover o "Memorial Académico" que dedicado a Manolo Regueiro se celebrou en Compostela e Lugo os días 23 e 24 de outubro do ano 2025, e significou o comezo das Xornadas anuais de Pensamento galego, das que agora vivimos a II edición.

Este libro recolle os textos das intervencións naquel Memorial, todas a cargo de especialistas e amigos de Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo por bandeiras na vida a Filosofía, a Lingua, a Fe e a Amizade, e foi exemplo de apego á terra e ás xentes; de bonhomia e camiñar firme na defensa das súas crenzas; de espallar cultura e predicar harmonía en todos os eidos, especialmente no da Lingua -a súa gran preocupación- sendo perfecto exemplo o abandeirar o "bilingüismo harmónico", para comprender e vivir a realidade do noso país.
Se a celebración daquel Memorial foi proba da transcendencia e permanencia do seu pensamento, e os contidos das intervencións figuran na web que garda a súa memoria
www.manoloregueiro.org/videos, coidamos necesario plasmalas nesta publicación para que os textos transcritos poidan ser gardados nas bibliotecas, utilizados por estudiosos, manexados -en fin- directamente polos que poidan utilizalos no futuro nos traballos ou investigacións que sen dúbida terán que producirse.
Para moitos, Manolo Regueiro era o amigo filósofo que axudaba a pensar e a vivir. Para moitos, moitos, era o filósofo amigo que sempre aportaba unha visión da vida intelixente, mesurada, ollando o futuro.
Para todos, Manolo Regueiro foi un galego senlleiro, un facho alumador de camiños e un amigo co que un podía camiñar seguro e firme.
Xulio Xiz é Presidente de Egeria. Este texto conforma o limiar do libro "Manuel Regueiro Tenreiro: Filosofía e Lingua."