Limiar de lendas e versos de Emilia Martínez Fuertes
Ulloa García, José Carlos - lunes, 16 de noviembre de 2026
Limiar
No te rindas por favor no cedas,
aunque el frío queme,
aunque el miedo muerda,
aunque el sol se ponga y se calle el viento,
aún hay fuego en tu alma,
aún hay vida en tus sueños,
porque cada día es un comienzo,
porque esta es la hora y el mejor momento.
(Mario Benedetti)
En primeiro lugar quero agradecer á autora que pensara en min para facer o limiar deste excelso libro, mestura de lendas e de poemas. Grazas de corazón!
Hoxe a literatura está de festa, xa que Emilia Martínez Fuentes, achéganos un libro único, unha ópera prima, que dende a súa imaxinación ensoñadora, dende a súa maxia, dende a súa visión creativa lévanos ao cénit do Olimpo literario.
A súa capacidade de asombro, a súa sensibilidade e a súa capacidade de marabillar, fan deste texto un ataráxico descanso para a mente e para os sentidos.
Algo a empuxou a empuñar a alma das palabras e vexo na súa madurez que xa está preparada para enfrontarse ao monstro. Si, porque nos seus escritos apreciase unha tenrura exquisita, xa que é capaz de xogar coa palabra humildemente, pero cun vigor e unha forza incomparables. Recordade que na palabra encérrase e defínese a conciencia; conciencia que Emilia vainos descubrindo liña a liña, verso a verso, páxina a páxina, para desembocar no gran canal, que é a súa vida. Vida, sentimentos, paixóns, desencantos, desacougos, medos, que coma un río van ir deixando pegadas nos lectores e nas lectoras ata desembocar no mar, o merecido descanso do que desfruta ao vomitar e compartir todos os seus sentimentos.
A palabra é a alma da escritura, e a súa vez a alma da razón. A autora mímaa, cóidaa,, vixíaa e exprésaa coa maior das precisións posibles.
A escritora, a poeta ve na escrita a paisaxe dos soños e a estrada que lle conduce ao seu interior, viaxe incerta das mil verdades que conforman e conformaron a súa vida, capaz de facernos preguntas para ver horizontes cheos de esperanza.
Emilia Martínez demostra moita paixón e talento e o seu interior é un volcán en erupción, cheo de creatividade e imaxinación.
Na súa poesía percibo un gran desacougo, quizais moita dor, como unha falta de fogar na súa alma, un desconsolo cotiá, unha tremenda aflición acompañada de tristura e agonía da que quere fuxir, pero síntese presa.
Impaciéntame a honestidade da súa pluma, que como lector, permíteme entrar no seu modo de ser e de estar no seu mundo. Nos seus versos coñecín o verdadeiro valor da amizade,da constancia, dos sentimentos altruístas, da humildade, do sufrimento, do amor correspondido, encamiñándonos a unha vida chea de valores tan escasos na sociedade de hoxe.
Fascíname a súa forma de escribir, porque insufla vida ao que non ten vida e morte ao que é eterno. Palabras cheas de honradez, de bondade de vida e de moral heroica.
A través das súas lendas, a autora lévanos de volta as nosas aldeíñas galegas onde viviamos moi humildemente, pero moi felices.
Atopamos reminiscencias ao pasado, coma na "Artista do Inlló", a boa da Pepa de Plumas, cando menciona a lareira, o pote suxeitado pola gramalleira, o tres pés
vocabulario que nos transporta a nosa nenez, ou na lenda de "Caaveiro" cando nos fai estremecer comedo, xa que, en palabras da autora, no interior deses muros, hoxe derrubados, practicábase a tortura pola Santa Inquisición, ou cando nos fala cun amor sublime do seu avó, Francisco, ou no "Faiado da avoa" lenda que nos cativará ata o seu remate.
Emilia contempla o mundo a través dos ollos de cativa, como lle gustaba contemplalo a Ana Mª Matute, porque a infancia e a adolescencia son o arranque da vida, o que condiciona sempre e para sempre. A escritura de Emilia nunca perde a xuventude da súa alma, nin a capacidade de éxtase.
Nestas lendas aprecio unha estraña volta a adolescencia, un realismo máxico; en moitos casos proxecta unha mirada tenra, quizais xuvenil ante a dureza da condición humana.
As lendas son lendas e nunca saberemos onde está a fronteira entre a realidade e a ficción, pero pedireivos que estas 11 lendas as creades, porque están cheas de verdade, que nos transmite a máxica pluma de Emilia.
Que importante é a poesía! A poesía é a linguaxe da delicadeza humana, un compromiso de xenerosidade, un principio ético. É a linguaxe das almas, un proxecto espiritual que axuda á reconstrución do mundo, a encher de moralidade unha sociedade tremendamente ferida por todos os sinais da barbarie, da explotación do home polo home. A pesares dos múltiples empeños en acabar con ela, xa dende que Platón, a quitou da República, aquí está presente nas nosas vidas e no noso mundo.
Aquí, está a poesía de Emilia Martínez Fuentes, coa que reflexiona sobre a vida dunha bolboreta, da morte nun minuto nas mans do tempo, coa que desdebuxa o rostro dun recordo ou a desventura dun "ámote" na boca dun blasfemo.
Neste "Berce de Versos" a autora fainos ver que a poesía serve para aplacar as tormentas da alma, para redimir a unha muller ou a un home, ou para encher o corazón dese sentimento chamado amor. Intenta alimentar o espírito, asustar unha tristeza ou escorrentar unha soidade.
Os versos de Emilia fannos reflexionar sobre se as pedras falan ou se a lúa é medicina para o mal de amores, porque a autora a través dos seus versos, intenta facer falar ás flores, voltear o ceo ou cambiar un lusco fusco de lugar.
Este " Berce de Versos" é un paseo pola vida da autora cos seus amenceres e os seus ocasos, en momentos desgarradores,("Remata xa a poesía/ entre lazos e latexos que me afogan") e en momentos cheos de ilusión e esperanza ("Quen puidera ser estrela/ para alumearche o camiño/ben quixera ter a maxia de facer ese feitizo").
É un libro tremendamente romántico, no que a autora transmite unha sensibilidade exquisita ("No algoritmo do sentir prende a chama/ e no lume da paixón arden as dúbidas").
Presenta tamén un amor incondicional á terra-nai, a nosa Matria, ao noso útero natalicio. ("A renovada ansia que se tinguirá de esperanza/ para ensinarnos a loitar/ pola vida que se escorre/por entre os dedos
da memoria").
Non a deixa impasible a tremenda lacra da violencia machista ("Cinco lobos en manada/ atacaron á cordeira/coas fouces afiadas/ metérona na carballeira").
Candolle pesa a vida e quere fuxir coma unha andoriña ("Quixera voar coma unha andoriña e chegar preto do sol" ).
A autora trata temas de diversa índole, reflexionando sobre a morte, o amor, a lacra da violencia machista, a guerra, o sufrimento, o machismo, escribindo sempre co corazón e coa alma.
A autora, nesta obra, enaltece principalmente ao amor romántico, sen desentender á natureza, que, como deixa entrever é o hábitat onde se sinte realmente feliz e ditosa.
Estas lendas e estes versos enriquécense coa excepcional colaboración da pintora, Isabel Pardo, cuxas ilustracións en branco e negro, acompañan ao lector ou lectora ao longo de todo o libro.
Lédeo, a ser posible, paseniño, de vagar, liña a liña, verso a verso, saboreándoo, como fai un bo catador de viños, grolo a grolo. Se así o facedes tedes garantidos momentos máxicos.
E, para rematar, só me queda desexarlle á autora, que se prolongue moitos anos a súa relación coas musas que a inspiran e que a guíe, de agora en diante, esa boa estrela.
A inspiración dos personaxes intrigantes
converten o libro que sostés
nun fol de acordeón.
Por iso, mentres les zoa na túa cabeza
a música da maxia ceiba.
Cando remates unha lenda lembra pechar a saída do aire
co marca páxinas e garda dentro
as cancións imaxinadas.
(Rosalía Fernández)
Lugo, Febreiro, 2019.

Ulloa García, José Carlos