O escritor lucense Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de publicar o ensaio

"Memoria vital e lectura libertaria de Franz Kafka", no número monográfico "Kafka libertario" de Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, revista anual que Carmen Blanco e o propio Fer veñen coordinando desde 1996 cunha perspectiva de avanzada aberta, integral, pluricultural, crítica e independente, antes en Ediciós do Castro e agora nunha web de libre acceso e descarga:
https://www.unionlibre.org/artigos/Kafka%20libertario.pdf
"Kafka libertario" é un monográfico profusamente ilustrado con fotografías e debuxos, cuxo excelente deseño gráfico é debido a Claudia Seivane. Contén retratos de Kafka e dous seus familiares, das súas noivas e das súas principais amizades, pero tamén fotografías das casas habitadas polo escritor checo en Praga; das placas, esculturas e pinturas públicas das que foi obxecto en diversos países, e de diversos museos relacionados coa súa vida e coa súa época. Neste atractivo conxunto destacan os tan persoais debuxos expresionistas do propio Kafka e as fermosas ilustracións surrealistas, verdadeiramente kafkianas, de Sara Lamas, que presiden a cuberta e a portada de cada capítulo.
Ademais, complementariamente, inclúense interesantes fotografías testemuñais de Claudio Rodríguez Fer nos lugares que habitou ou visitou Kafka, en concreto, tomadas en Praga, París e Venecia. Porque aínda que se trata dun rigoroso e documentado ensaio dun experto na obra de Kafka, tamén é unha crónica vivida de alguén que, durante boa parte da súa existencia, conviviu coa produción deste e que viaxou por Europa a coñecer os lugares relacionados con dito escritor checo. De feito, o primeiro artigo publicado por Fer, sendo aínda adolescente, de 1973, xa trataba sobre Kafka, e o nome deste escritor foi a primeira palabra que apareceu no título dun texto editado por el.
A presente obra comeza expoñendo a peculiar biografía deste escritor xudeu que naceu en Praga e que escribiu en alemán, dedicando dabondo espazo á súa conflitiva relación coa súa autoritaria e convencional familia, que daría lugar a obras tan significativas a este respecto como Carta ao pai, A condena ou A metamorfose. Mais axiña describe tamén a non menos peculiar relación do escritor co amor, co sexo e coas mulleres, como demostran os importantes epistolarios que cruzou con algunhas das súas noivas, aínda que nunca chegou a casar con ningunha das súas sucesivas prometidas.
A recepción de Kafka, dende a pioneira do seu íntimo amigo Max Brod, que salvou os seus escritos póstumos da destrución contra o desexo do autor, ocupa un documentado capítulo no que se lembra que foi este xudeu solidario quen exhumou as grandes novelas do autor: O proceso, O castelo e América, que máis tarde recuperaría o título orixinal de O desaparecido. Fer expón a conexión inicial de Kafka co expresionismo e co surrealismo, pero tamén a súa apropiación posterior por parte do existencialismo, como

demostran os ensaios que lle dedicaron Camus ou Sartre. Mais, por suposto, non esquece as numerosas interpretacións que se fixeron da súa obra por parte de moitos dos principais escritores do século XX, en boa medida xudeus e/ou alemáns, pero outros tantos das máis diversas linguas e culturas do mundo, incluída a española, como puxo en evidencia a filósofa María Zambrano.
En relación con Galicia, Fer salienta que o primeiro ensaio sobre Kafka editado en España debeuse ao galego Ramón María Tenreiro en 1927, e que o primeiro texto de Kafka traducido á lingua galega foi un fragmento de O castelo en versión de Álvaro Cunqueiro en 1964. Por outra banda, no exilio arxentino, o artista galego Luís Seoane debuxou a Kafka e ilustrou obras súas, nun caso en tradución asinada por Jorge Luis Borges, quen tanto escribiu sobre o por el tan admirado escritor checo. Outro galego moi influenciado por Kafka foi o poeta José Ángel Valente, sobre todo na súa narrativa breve e na súa novelística, como detalla o autor deste ensaio. E, por suposto, o propio Fer ocupouse de Kafka en artigos diversos, no relato "O labirinto de Kafka" e nos poemas xuvenís "O proceso", de Cinepoemas, e "Praga", de Lugo blues.
Boa parte deste ensaio refírese ás pegadas do escritor na súa Praga natal e fóra dela, así como as destes lugares na propia vida e obra de Fer. E tamén se acomete a problemática lingüística do intercultural escritor checo, pois como escribe o autor: "Kafka describiu a súa situación lingüística e cultural como un "triplo gueto": era xudeu nunha comunidade aria e cristiá; falaba na intimidade, escribía e publicaba en alemán nunha sociedade checa; usaba laboral e socialmente o checo sen ser a súa lingua de familia e, dalgún xeito, sentíase desarraigado e alleo aos tres contextos".
Esta situación levouno a vivir un paradoxo que acabou en xenocidio: "Por outra parte, o seu alemán non era o propio de Alemaña, senón o particular dialecto do alemán de Praga, dabondo mesturado con influencias do yiddish dos xudeus alí residentes e do checo absolutamente maioritario en toda Bohemia. O seu amor pola lingua e pola literatura alemás impeleuno tamén a querer vivir en Berlín e a amar a Alemaña e á súa xente, como lle escribiu á máis reticente a este respecto Milena Jesenská: "os alemáns son marabillosos e seguirán séndoo". Mágoa que, contra tan boa impresión, os nazis alemáns acabaran por torturar e asasinar a case todos os seus seres queridos e a seis millóns de xudeus máis un par de décadas despois."
Porque, en efecto, a súa propia familia sería practicamente exterminada en campos de concentración polos nazis, que asasinaron ás súas tres irmás, a un sobriño e á ama de chaves dos seus pais, ademais de liquidar a tres das súas antigas noivas e a varios dos seus amigos. O propio Fer confesa o impacto que lle causou saber daquela barbarie xenocida a través da biografía do escritor checo: "pola persoa interposta de Kafka, coñecín moi cedo a vida e a morte de moitas inocentes vítimas do nazismo que de súpeto se me fixeron concretas e próximas, o que me conmoveu tanto como me horrorizou". Proba disto é que xa aos dezaoito anos, en 1974, publicara o artigo "Sin Milena Jesenská", sobre a única noiva non xudía de Kafka, pero tamén morta nun campo de concentración nazi: "Iniciouse así, hai máis de medio século e aínda baixo a ditadura franquista cómplice co nazismo, o meu incesante compromiso memorialista coas vítimas do holocausto, pois non só subscribo canto ao respecto escribín na primeira metade dos anos setenta, senón que espero seguir subscribíndoo mentres viva."
Ademais, esta persecución antisemita provocou o suicidio do seu tío médico, quen probablemente o iniciara no naturismo, no hixienismo, no vexetarianismo e no animalismo, correntes das que Kafka foi un practicante militante. Por isto Fer considera que pode non ser casual que a súa obra estea chea de personaxes animalizados, como a novela A metamorfose, ou animais, como os contos protagonizados por un simio ("Informe para unha academia"), unha ave ("O cazador Graco", "O voitre"), unha toupa ("A toupa xigante"), roedores ("A gorida", "Xosefina a cantora ou o pobo dos ratos"), cánidos ("Investigacións dun can", "Chacais e árabes") ou cabalos ("Desexo de converterse en indio", "O novo avogado", "A partida", "Na galería").
Os tres últimos capítulos deste ensaio ocúpanse da relación de Kafka co anarquismo, do que foi militante xuvenil, e do seu pensamento fondamente antiautoritario e libertario, que o levou a concibir unha obra desgrazadamente premonitoria dos peores xenocidios da historia e da progresiva burocratización deshumanizadora da sociedade, como revelan sobre todo o conto "Na colonia penitenciaria" e as novelas O proceso e O castelo, que Fer analiza aquí lúcida e minuciosamente: "Kafka escribiu antes dos totalitarismos do século XX en Europa e en Asia, antes do holocausto xudeu e xitano executado polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial, antes dos gulags correccionais nos estados comunistas, antes das sociedades de vixilancia da guerra fría na posguerra, antes do global dominio dixital do século XXI, pero todo isto está predito nas súas descricións da vida cotiá do presente que lle tocou vivir, esencialmente premonitorio das catástrofes que virían. Porque, en efecto, tal totalitarismo represor e tal barbarie violenta xa se viñan preparando antes de que se xeneralizaran como nunca en Europa e no mundo, por certo dun xeito moi similar ao que acontece neste primeiro cuarto de século XXI no que se escriben estas liñas."
Por isto, reivindicando sempre o humanismo fronte á deshumanización, Claudio Rodríguez Fer anima a ler a Kafka concluíndo: "En suma, fronte ao poder de onte e ao poder de agora, Kafka é un auténtico bastión de lucidez contra o poder de sempre", xa que "os sistemas dominadores e a xente que os serve teñen como soa e excluínte vontade a de permanecer e reproducirse, polo que non toleran o perigo revolucionario que supón a mirada crítica, creadora e utópica da poesía".