Dende o meu chapeu
Santalla, Iago - miércoles, 11 de noviembre de 2026
A morte de Xosé Manuel Beiras trouxo consigo unha fermosa iniciativa, que se lanzou dende a conta de Instagram titulada "dende o meu chapeu". Alí, empezan a aparecer diversas fotos da última morada de defuntiños que reciben o agarimo de Xosé Manuel Beiras. Así temos, por exemplo, un saúdo a Alexandre Bóveda ou a Roberto Vidal Bolaño, a quen Beiras cita ás 3 de mañá xunto con Valle Inclán.
As notas percorren ás campas de todo o país chegando incluso á Lóuzara Xabreira, para saudar a Fiz Vergara Vilariño, a quen Beiras lle di: ben querido Fiz: tiñas razón en "Allasant" a noite ten ollos de gata nova.
Tamén reciben un saúdo de rebeldía Maruxa e Coralia en Boisaca ou Eduardo Blanco Amor no cemiterio de San Francisco en Ourense "lembras cando ti e Lorca fostes recriminados á porta dun casino de Granada polos patricios hostís? Hoxe, noventa anos despois a historia brila entebrecida ao sol e resoa coma un berro de memoria e resistencia en forma de película. Habíache gustar!".
O chapeu de Xosé Manuel Beiras percorre as derradeiras moradas dos imprescindibles da nosa historia como antes os seus pés recorreron palmo a palmo o país para o que sempre tivo unha proposta coherente e propia.
Cando leo as mensaxes de Beiras ou en boca de Beiras aos nosos defuntiños, penso que ogallá sexan certas e cheguen a eles para que sintan, ao carón da eternidade, que non loitaron por nada e que a súa conciencia segue viva e camiña cara a un porvir mellor.
Que siga entón camiñando o chapeu de Xosé Manuel Beiras.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora