Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ciencia? Para todo.

Gregorio Montes, Antonio - jueves, 12 de noviembre de 2026
Si, á pregunta de 'para que?' en relación á ciencia, cabe responder 'para todo'. Non só é que sexa posible dar esa resposta, senón que quizais é a única comprensiva, a que aglutina moitas outras respostas parciais que se poderían dar.

Collo o título adaptándoo dun texto de Laura Filloy, aínda que non é a primeira vez que vexo / escoito algo semellante. É máis, ó 'para todo' cabería engadirlle 'e para todos', como tamén teño lido / escoitado algunha vez. E é que creo que nestes momentos da historia, nos que manexamos moita tecnoloxía sen preocupármonos o máis mínimo polo que fai posible eses trebellos tecnolóxicos que usamos, fai falta repetir, para que non se esqueza, que é a ciencia a que facilita as bases para que a tecnoloxía funcione. Ó fin, en caso de esquecemento, pode funcionar á perfección que o uso de aparellos avanzados sen unha base científica pareza maxia.

En devolución desa lembranza, a tecnoloxía facilita o avance da ciencia en moitos campos que sen ela serían impensables. Pero seguir por esa liña de que a ciencia só vale para a propia ciencia ou a tecnoloxía, sen outras consideracións, implica separar a ciencia do común dos mortais. É algo como dicir que a ciencia venlles ben ós científicos e científicas, esquecendo o ben (ou mal) que lle pode facer ó resto da humanidade e en xeral, do planeta.

É curioso que xente que bota pestes da ciencia ou que literalmente nega a súa importancia, en xeral use sen freo algún tipo de tecnoloxía (e polo tanto, a ciencia que a mantén). O que 'a ciencia é aburrida' é algo que soe estar enraizado nos tempos dos estudos primarios, onde a manipulación (si, o argallar coas mans) e cousas polo estilo priman na vida en cada momento. Co tempo, se se deixa, ese desgusto por ter 'mellores cousas que facer' que medrar en coñecemento e comprensión, remata por converterse nun rexeitamento do coñecemento e non só da ciencia, por moito que un e a outra se usen a diario. E, de aí, aínda que sexa a orixe do móbil omnipresente na vida diaria de moita xente, aínda que explique e prediga as eclipses, aínda que faga que comprendamos que non temos por que ter medo dos cometas, aínda que posibilite que nos alimentemos mellor ou que teñamos unha esperanza de vida maior que os nosos antepasados, ou outras moitísimas cousas, si, de aí ven que non mellore moito unha percepción ancorada a modo de crenza profunda. É máis, ás veces, mesmo a empeora, cruzándose esa percepción co temor a unha manipulación de nós por outra xente coa ciencia como ferramenta mentres somos manipulados a través dos aparellos que manipulamos. É así como xente pode chegar a resultados irracionais que se expresan por afirmacións como o terraplanismo, a pesar da existencia de satélites que dan voltas arredor do noso planeta que non so envían fotografías, senón que permiten as comunicacións dun xeito que se non, non sería posible. Ou á afirmación conspiranoica de que as vacinas, calquera vacina, están infectadas para facernos mal ou comernos a cabeza, ou como pouco son inocuas, co que o máis que poden producir é calquera consecuencia dun mal pinchazo. Ou... por desgraza, abondas outras posibilidades que se deixan ver a diario.

Por outra banda, coñecer algo de ciencia permite comprender que o coñecemento salta dun entorno a outro e que a ciencia tamén pode facilitar o facer cousas malas: a tecnoloxía que permite o tratamento radiolóxico do cancro está emparentada coa da bomba atómica. Ou que, cando usamos unha ferramenta informática como un tradutor automático ou unha rede social, pode que esteamos a colaborar cunha farmacéutica ou con alguén que procura xeitos de estender a xenofobia.

A tecnoloxía é cambiante, está viva. Ningún asunto tecnolóxico ou científico é só tecnolóxico ou científico. Afectan á sociedade. A cousa é tentar entendelos e comprender como nos afectan e como podemos tomar nós o control ou negar toda veracidade ou utilidade (e permitir que haxa outra xente que os empregue contra nós).
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES