Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Follas soltas: Un nadal cosmopolita

martes, 30 de diciembre de 2003
É evidente que a cultura moderna, se é que realmente se lle pode chamar así, é unha cultura de mestizaxe, ou mellor dito un "totus revolutus", ó que resulta imposible poderlle atribuír unha "denominación de orixe".
Ata hai pouco tempo, cando se visitaba unha nacionalidade histórica inmediatamente saltaban á vista unha manchea de notas e características que poñían de manifesto todo un longo proceso peculiar de entender e de vivir a vida. É dicir: toda unha cultura diferenciada.
Isto non quere dicir que cada cultura auctóctona fose un fenómeno independiente e illado, ó contrario: a inmensa maioría das súas esencias e manifestacións son concorrentes ou semellantes ás dos demais pobos parentes e viciños.
A permeabilidade cultural entre os distintos pobos e razas sempre permitiu que houbese un contínuo trafego de ideas e de costumes entre eles.
Historicamente estes movementos movíanse de Oriente para Occidente, hoxe parece máis ben ó revés. En calquera caso tratábase dun proceso lento que lles permitía ós países receptores ir reelaborando e adaptando as novas modas e costumes á súa propia idiosincrasia.
Neste estado de cousas son moitos os galegos, e demais estudiosos da antropoloxía popular que andan á procura de todo aquilo que é máis típico e representativo da nosa cultura máis prístina, sobre todo en datas tan significativas como ésta.
Non é de estrañar que no medio de tantas influencias e de tantos elementos exteriores se pregunten que foi do Nadal Galego.
É evidente que aínda queda moito, o malo é que, moito me temo que ás xeracións modernas que teñan algún interese polo tema, cada vez, lles vai vai costar máis traballo para distinguir entre o que é propio e mais o que é importación, aínda que, en rigor, importado é case todo.
Hai xente que pensa que o costume de facer beléns é netamente español mentres que á árbore de Nadal é unha importación recente.
Os beléns, tal como os coñecemos hoxe, empezaron a montarse en tempos de Carlos III, baixo influencia italiana. Sen embargo, as representaciós do nacemento de Cristo atopámolas tanto en tallas como en esculturas en épocas moi anteriores, sen esquecer que durante a Idade Media xa se representaban nas igrexas os “Autos de Reis”.
Sabido é que nas nacións do norde de Europa non hai beléns, debido principalmente a que a reforma protestante do s.XVI non era partidaria do culto ás imaxens.
Preferiron promocionar o costume celta precristián de adornar unha árbore no medio do inverno.
O mesmo se podería dicir dos Reis Magos e de Papá Noel.
O nosos nenos, como é lóxico, non se paran a pensar nestes avatares históricos. A eles dálles igual mentres traian regalos.
Non faltan tampouco os galegos que consideran o turrón, o mazapán, as uvas de Noitevella como se fosen unha tradición galega de toda a vida, cando o certo é que todos estes productos e estes costumes que teñen a súa orixe na España mediterránea eran prácticamente descoñecidos en Galicia hai cen anos.
O que, realmente, era un Nadal típico galego pertencía á cultura de tras do lume, a que nos evoca unha economía de escaseza ou de subsistencia, compensada quizabes por un maior calor humano entre os membros das familias e dos viciños.
É natural que a ninguén se lle ocorra acender hoxe unha cota ou unha cañota de carballo na lareira, con toda a simboloxía que encerraba, como facían os nosos antergos.
Tampouco están os tempos para os narradores e trobadores espontáneos que animaban as longas noites do inverno. Hoxe todo se profesionaliza, e frecuentemente cun resultado ben cativo. E ¿qué sentido ten poñerse a cantar panxoliñas nunha sociedade materialista que perdeu o sentido da realidade transcendente?
Afortunadamente, aínda non se coverteu todo en deserto e desolación, que é a onde nos están levando os apóstolos do consumismo.
Mentres haxa tantos nenos e maiores que cantan panxoliñas e vilancicos, e que dunha forma consciente ou inconsciente asumen e participan do valor dos símbolos, en Galicia hai unha esperanza e hai unha ilusión que pode ir moito máis aló da catedral de Huesca ou de Toledo que foi ata onde chegaron os vilancicos galegos antes de que chegase a revolución industrial.
Laxe Freire, Manuel Anxo
Laxe Freire, Manuel Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES