Lembro que en certa ocasión un amigo me mandara un chiste de Forges. Este famoso caricaturista naceu en Madrid e hai agora oito anos que faleceu. Mais posiblemente non saibades que, aínda que el naceu en Madrid, o seu pai era galego, apelidado Fraguas. O caricaturista cambiaría logo o seu propio apelido Fraguas polo de Forges. Pois ben, a caricatura que recibín presentaba os pais duns rapaces e mais estes; o pai aparecía lendo nun xornal de gran formato e a nai manexaba os mandos da tele; pola súa parte os rapaces entraban con ademán decidido onda eles e dicíanlles: "Acabamos de tirar a tele e mailo ordenador ó patio. Isto é unha revolución. Esiximos que nos contedes contos... e cousas. Iso".
Pois ben, saberedes quizais tamén que, sobre todo en tempos anteriores, se falaba da Biblia, do Antigo e do Novo Testamento, como dunha "Historia Sagrada". Pois nela lense "contos", "historias". Sobre todo no Novo Testamento, como ben sabemos, Xesús fala moitas veces en parábolas, en "contos" poderiamos dicir, que conteñen grandes verdades. Non só os rapaces, para poder durmir, fecundar a súa imaxinación e saber orientarse na vida, tódalas persoas precisamos de que nos conten historias ben artelladas e que conteñan importantes verdades.
Esta é a razón de que as boas novelas teñan tantas lectoras e lectores. Non poucos xornais, en cambio, mais sobre todo a tele e outros medios de comunicación métennos, non poucas veces, tantas cousas na cachola e na imaxinación que, no canto de nos serviren para orientármonos e formármonos axeitadamente, o que non poucas veces fan é manipularnos e utilizarnos para os particulares intereses políticos, económicos dos que os dirixen.
Pois ben, a "historia sagrada" ou o "conto" que Xesús nos refire hoxe é o das dez mociñas que agardan a entrar na sala de vodas cando cheguen os noivos. Unha vez máis, Xesús presenta o seu reino como un encontro festivo e un ledo xantar dos parentes e amigos do noivo. O reino de Deus é descrito así como o conxunto dunha humanidade que celebra festivamente a irmandade mutua de tódalas persoas, unidas entre si e con Deus. O tema da luz é tamén importante. Xesús dixera xa noutras ocasións: "Eu son a luz do mundo". Mais tamén, e como consecuencia disto: "Vós sodes a luz do mundo". Alí onde está Deus, alí hai luz e claridade. Mais tamén: onde queira que esteamos nós, como bos cristiáns, deberiamos converternos en luz para nós mesmos e para os demais. A luz crea calor e constrúe espazos novos e abertos para podermos camiñar con seguridade e tranquilidade.
As cinco mozas atoladas, das que se nos fala na parábola, non se preocuparon moito de seren luz para si mesmas nin para os demais. Velaquí o seu erro. Lembro ben de cando eu era aínda un rapaz nunha cativa parroquia desta terra nosa. Cando anoitecía, había ademais do lume da lareira algunha candea acendida ou un candil de aceite (posiblemente semellante aos candís das virxes do evanxeo). Veu despois o candil de carburo. Nos anos corenta ao meu pai ocorréuselle facer alá abaixo, onda as augas do río, un cativo e familiar muíño no que tamén había unha dínamo que producía algo de corrente continua para así podermos ter luz eléctrica na nosa casa e nas veciñas. "Ide botar a luz", dicíanos el. E subiamos ao piso alto da casa para erguer pouco a pouco unha panca que por medio dun arame movía alá abaixo no río un dispositivo que daba entrada a auga para producir a luz. A luz da lámpada que estaba enriba da miña cabeza era primeiro de cor vermella, tornándose logo máis clara e branca. Eu tiña a impresión de ser o facedor da luz. Mais non. Eu só poñía os medios para que a forza da auga do río se convertese onda min en lámpada para escorrentar escuridades.
Si. Temos que esforzarnos en amar a luz e tamén en ser luz tamén para os demais. En realidade, luz, o que se di LUZ, non hai máis ca unha, a do Deus creador do firmamento e de canto hai. No texto do evanxeo pode deixarnos, se cadra, un pouco de anguria o das cinco mociñas que se durmiron e non estaban a punto cando chegou o noivo. Quizais por iso -agora que estamos aínda relativamente preto do día no que nos lembrabamos dos nosos defuntos- tráenos Paulo unhas palabras tranquilizadoras na súa carta ós Tesalonicenses: "Non queremos dísenos alí- que esteades desinformados acerca dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. Porque, se cremos que El morreu e resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron". Xesús é, pois, e serao sempre, "Salvador", como o seu mesmo nome hebreo significa.
Este poñérmonos en contacto con Deus, Luz do mundo, realizámolo dunha maneira formal e comunitaria na celebración eucarística. Mais tamén en calquera momento do día no que persoalmente nos dirixamos a Deus na nosa oración ou nos poñamos ao servizo dos demais, cumprindo así ese segundo mandamento que é, como sabemos xa moi ben, "semellante ao primeiro".
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (
[email protected];
[email protected]). Distribución: Editorial Galaxia (
[email protected]).