Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Precariedades acumuladas

lunes, 18 de enero de 2010
Compás social: Precariedades acumuladas

A intuición popular dinos que “tanto a riqueza como a pobreza péganse e acumúlanse”. E podíamos engadir que se fan mais visibles en momentos de cambio e crise. Dende calquera miradoiro social, tanto urbano como rural, podemos percibir neste intre un bo fardel de precariedades acumuladas e visibles que poden converterse en simples atrancos conxunturais ou en novas pobrezas permanentes.

Fai tempo que os analistas do medio social urbano falan das novas pobrezas urbanas, da feminización da pobreza urbana, das tribos xuvenís urbanas, da soidade e dependencia urbana e outras expresións que apuntan a grupos de mulleres, de mozos e maiores atrapados en situacións de inestabilidade permanente, unhas veces herdadas e outras sobrevidas. Esas precariedades urbanas mostran algúns trazos estruturais análogos ós do medio rural, pero teñen outras circunstancias e características específicas que sería prolixo describir aquí. Nas grandes urbes as políticas sociais, asistenciais e promocionais, parecen ter un éxito relativo e a veces ambiguo.

Para non divagar, só enfocaremos algunhas precariedades acumuladas pola mocidade rural. Mais en concreto, buscaremos unhas pinceladas de groso trazo sobre o devir desa mocidade rural que ano tras ano, dende hai anos, ven rematando a súa educación cun fracaso escolar, total ou parcial, sen ter posteriormente ningunha outra oportunidade de aprendizaxe profesional mais especializada. Ese 30% de escolares fracasados ¿ónde están agora, onde foron a parar? Non temos, -non coñezo-, estudios sistemáticos sobre o itinerario laboral deste colectivo bastante numeroso. Sí dispoñemos de observacións directas acumuladas e de comentarios que permítennos facer unha avaliación mínima da ruta laboral e vital desas cohortes xuvenís de poboación.

Á precariedade educativa síguelle un itinerario de eventuais peripecias laborais. Uns quedan agochados con poucas ilusións nas explotacións ou negocios familiares, outros encomezan unha longa peregrinación polas empresas ou cuadrillas de autónomos da bisbarra e algúns menos quédanse totalmente a marxe ou nunha marxinación cada vez mais cecha, vivindo só a expensas da familia e de traballos ocasionais e insubstanciais..

Neste contexto envolvente de fraxilidade económica e laboral insírense outras precariedades familiares e persoais: as rupturas ou cando menos distanciamentos entre xeracións; a confusa pluralidade cultural de ideas, crenzas, gustos, credulidades e incluso supersticións estrañas; os desaxustes demográficos de idades e sexos e, sobre todo, as rupturas de parellas con graves consecuencias cando hai fillos polo medio. Estes fenómenos, antes case que exclusivamente urbanos, están estendéndose a ritmo acelerado polo medio rural, especialmente en determinados estratos sociais. Todo isto pode significar que o medio rural gañou en modernidade cultural e liberdade individual; mais a cuestión céntrase agora en analizar os efectos imprevistos e os resultados finais, ollados dende a perspectiva dun posible retorno dunha pobreza dura ao medio rural.

As comunidades rurais galegas superaron aquela pobreza extrema dalgúns estratos sociais, aínda moi visible nas décadas de 1940 e 1950. Aquel foi un cambio por emigración con destino ao medio urbano, próximo ou distante. Logo, ao desaparecer a economía de autoabastecemento, no medio rural quedaron a intemperie as persoas discapacitadas e outras que non lograron incorporarse ao mercado de traballo. De aí que actualmente, como consecuencia de aquelas fraxilidades, podemos constatar bastantes situacións de austeridade e mesmo de penuria de moitas persoas maiores con pensións de subsistencia.

É un lugar común, compartido por todos, que a educación é o mellor e maior instrumento para transformar calquera sociedade. Mais en concreto, a formación profesional, a parente pobre dos sistema educativo, segue sendo, non obstante, o medio específico para integrarse no mercado de traballo, sexa como emprendedor autónomo sexa como profesional asalariado. Que facer cos escolares fracasados? ¿Por que, ó acabar o ensino obrigatorio, non se abre outro abano de oportunidades? Teoricamente as asociacións empresariais, sindicais e tódolos banzos das administracións públicas, incluídos os concellos, proclaman as súa boa intención de promover unha formación profesional complementaria, non regrada; mais na práctica quédanse a medio camiño, nun curto recorrido sen organización permanente.

Os concellos do medio rural, se fitamos os seus programas, están sendo moi sensibles co desenvolvemento de actividades culturais de todo tipo, política que é de loar sempre que non se quede nunha simple folclorización mediática irrelevante; pero os programas de formación profesional especializada son mais escasos, ocasionais, sen continuidade e a veces sen relación coa oferta-demanda da contorna nin coas necesidades previsibles do futuro próximo. Se os responsables locais orientasen unha parte grosa dos orzamentos, esforzos e xestións municipais na procura dunha formación profesional complementaria desa mocidade, a medio e longo prazo, eses concellos rurais esconxurarían o cerco desas precariedades que a crise actual, de prolongarse, pode converter en futuras novas pobrezas no medio rural. Sería unha magoa volver a situacións que xa estaban superadas.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES