Comecemos: In nomine Patris... Sequera sexa como desagravio ao noso Santo Estevo; quen foi, e que dixo ou fixo?
As súas pegadas teñen unha firma..., no martiroloxio, nada menos!

Segundo OS FEITOS DOS APÓSTOLOS, San Esteban foi condenado á lapidación tras enfurecer aos sacerdotes xudeus do sanedrín. Segundo este cadro, mentres o santo, vestido con roupa de diácono, se encomenda a Deus, os expresivos saións lapídano con ira. Ao fondo, Juanes pintou a Saulo, o futuro San Pablo, contemplando a escena enmarcada nunha característica paisaxe salpicada de ruínas clásicas, obeliscos e pirámides.
Nos capítulos VI, VII, e no VIII (1, 3), dos FEITOS temos as actuacións de ESTEVO, o seu martirio, e maila evolución de SAULO, de perseguidor a converso:
6.- Institución dos sete diáconos.
Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos que falaban o grego contra os que falaban o hebreo, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servicio diario. Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:
-Non está ben que deixémo-la palabra de Deus para dedicarnos ó servicio das mesas. Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. Nosoutros continuaremos dedicados á oración e ó servicio da palabra.
A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Felipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía; presentáronllelos ós apostolos, e, despois de orar, impuxéronlle-las mans.
A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.
Arresto e xuízo de Estevo.
Estevo, cheo de gracia e de poder, realizaba grandes prodixios e sinais entre o pobo. Apareceron algúns da sinagoga chamada dos libertos, dos de Cirene, dos de Alexandría e dos de Cilicia e Asia, para discutiren con Estevo. Pero non lle daban replicado á ciencia e ó Espírito con que falaba.
Entón subornaron uns homes para que dixesen: "Sentímoslle blasfemar contra Moisés e contra Deus".
Así acirraron ó pobo, ós senadores e ós mestres da Lei; e, arremetendo contra el, levárono ó consello. Presentaron falsas testemuñas, que dicían: "Este home non para de blasfemar contra este lugar santo e contra a Lei; sentímoslle dicir que ese Xesús de Nazaret destruirá este sitio e cambiará os costumes que nos transmitiu Moisés". Entón tódolos que estaban sentados no consello, fixaron a vista nel e o seu rostro pareceulles mesmamente o dun anxo.
Discurso e testemuño de Estevo
7.- Daquela o xefe dos sacerdotes preguntoulle:
-¿Son así as cousas?
El respondeu:
-Irmáns e pais, escoitade: O Deus da gloria aparecéuselle ó noso Pai Abraham, cando estaba na Mesopotamia, antes de se establecer en Harán, e díxolle: "Sae da túa terra e de onda os teus, e ven á terra que che indicarei". Entón, saíu da terra dos caldeos, habitou en Harán e de alí, logo que finou sen pai, trasladouno Deus a esta terra na que vivides vós agora. E non lle deu nela herdanza ningunha, nin sequera un pé de terreo, mais prometeulle que lla daría en propiedade, e despois del á súa descendencia, aínda que non tiña fillos. E faloulle Deus: "A túa descendencia será peregrina en terra allea e hana escravizar e maltratar durante catrocentos anos; pero eu xulgarei á nación a quen sirvan como escravos", dixo Deus, "e logo disto sairán e adoraranme neste sitio". E deulle a alianza da circuncisión e así, ó lle nacer Isaac, circuncidouno ó oitavo día; e Isaac a Xacob, e Xacob ós doce patriarcas.
Os patriarcas, envexosos de Xosé, vendérono con destino a Exipto. Pero Deus estaba con el, librouno de tódolos seus traballos, e deulle gracia e sabedoría diante do Faraón, rei de Exipto, que o constituíu gobernador do Exipto e de toda a súa casa.

Veu despois unha fame tan negra e tanta miseria sobre todo o Exipto e Canaán, que nosos pais non achaban alimentos. Cando Xacob sentiu dicir que había trigo en Exipto, mandou alí a nosos pais por primeira vez. A segunda vez, Xosé deuse a coñecer ós seus irmáns, e o Faraón soubo a súa orixe. Entón Xosé mandou chamar a seu pai Xacob e a tódolos seus parentes, en total setenta e cinco persoas; e Xacob baixou a Exipto. Morreu el e mailos nosos pais, e leváronos a Xequem na sepultura que Abraham comprara con prata ós fillos de Hamor, en Xequem.
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.