
Se me puxese a predicar..., ¡iso que tanta falta fai!, comezaría por min mesmo, facéndome, a min mesmo, un Curso de Cristiandade.
¿Onde? ¡Non preciso elixir, que o elixiu por min a Historia do meu Montecubeiro! Alí abaixo de Bergland, subindo de Veiga a Maxide, nun sitio que conservou o nome, séxase o topónimo...; o topónimo si, mais, no XX, para rematar co século, e á vez, coa Historia, estando eu na Coruña, foron as pas da Concentración Parcelaria e..., achaiaron o rego, e co rego a fonte e mailas ruínas daqueles eremitas, daqueles devotos do Santo Estevo, o primeiro dos cenobios da miña parroquia.
Achaiaron iso, e catro cousas mais! ¿A culpa foi dos técnicos, ou dos labregos, que non lles informaron do nome e da santidade dese lugar?
Eu, na Coruña, e os meus veciños..., no monte, no Montecubeiro! Se estivese alí tampouco me farían caso, pois..., probas teño de que xa estaban fartos de min, das miñas ¿profecías?
(Pero el continuou: -Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra...". Lucas 4, 24).
Para devolverlle a sona, a devoción, ao noso Santo, ¡ao primeiro dos mártires!, levarei unha tenda desas de

campaña, un cruceiro e maila Biblia, e poreime a auto formarme, imitando aos nosos eremitas.
Se aínda me vise solteiro, mozo, e algo rico, comezaría por comprarlle esa parcela ao seu dono actual, e poríame a retira-la terra..., para demostrarlles aos fregueses que alguén participou, coa Parcelaria, nun segundo martirio daquel apóstolo, daquel predicador.
¿Corenta días de corentena? ¡Corenta días, ou corenta páxinas, pero, como é demasiado xaxún para o corpo dun vello, mentres escriba e transcriba, co auto alí aparcado baixarei aos restaurantes de Mosteiro. ¡Algo de xaxún, si; pero, suicidio, non!
Como non conseguín instalarme na Valga, fíxeno aquí arriba, e aquí me tedes, facendo o niño, á volta de África, coa miña dona, tal e como me ensinaron as andoriñas.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.