Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A pensadora de Rodin en Gaza

Pinto Antón, J.A. - viernes, 13 de noviembre de 2026
Na fotografía do xornal, a meniña está sentada entre os cascallos da escola. Detrás, ferros de pupitres, cadeiras rotas. O cóbado apoiado no xeonllo. A man sostendo a cabeciña. Hai que mirar ben para non confundila cunha avoa. Terá dez, doce anos, os dous últimos sen escola. Sentada, a pensadora gazatí mira a ningures. A saber o que quedará da familia, nai e pai, irmáns. Nena avoa, porque os nenos, mesmo nas situacións máis dramáticas enredan, rin, xogan. Pero en Gaza roubaron risos e ganas de xogar na ‘guerra’ que non era guerra senón matanza programada. O horror como escenario cotiá. Agora, xogos e risos volven, unha luceciña de esperanza.

¿Cómo se chamará a nena sentada como 'O pensador' de Rodin? Mesma postura do corpo. A man sostendo o peso do mundo nesta 'porta do inferno' sen Dante no que a pólvora xenocida ten convertido a Franxa de Gaza. Diante da indiferencia da familia humana. Que por fin espertou enchendo de ira as rúas do planeta. Empuxando aos gobernos na boa dirección da decencia.

Esta nena pensadora está viva. E iso é algo que non poden dicir 18.500 menores asasinados. A saber cal será a cifra real antes de que se perdan nas sombras mornas do esquecemento. Os datos din que en 365 qms/2 amoréanse 2,2 millóns de palestinos convertidos en vermes humanos. Unha densidade só superada por Singapur e Mónaco, dúas ricas cidades-Estado. Deles, o 40% son menores de 15 anos. É dicir, 800.000 seres humanos que empezaban a vivir. ¿Qué lles deparará o futuro? ¿Cómo cicatrizarán ‘feridas de guerra’ que din trastornos postraumáticos? ¿Tantas vidiñas truncadas decataranse a favor da vida ou xerminarán as sementes de odio que levan nos ollos?

A nena da mirada perdida esculca nos adentros. Ve a desesperación dos pais, dos irmáns. Deberiamos pensar nos máis cativos. Porque a etapa infantil é a máis relevante da epopea humana e protagoniza as grandes conquistas. En Gaza é a das grandes carencias. Os menores de 3 anos só viron a guerra, bombas cargadas de terror e destrución, as bágoas do pai, a desesperación da nai. Os ocos dos irmáns mortos na foto familiar.

A investigación de The Lancet sinala que 54.000 menores de 5 anos presentan desnutrición aguda. 12.800 con cadros tan severos que precisan hospitalización nunha Franxa co sistema sanitario colapsado. A secuelas afectarán ao desenvolvemento. A falta de alimentos vai condicionar o seu futuro por moito tempo se é que os machos alfa non poñen fin, por fin, a este espanto.

¿En que andará a pensar a nena velliña? Pois no máis urxente, nunha presada de arroz para encher o bandullo. Cando nada queda só existe o aquí e o agora. O pan da esperanza ou a axuda internacional. Mentres espera sentada diante dos cascallos da escola, a nena pensadora de Rodin en Gaza.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES