Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cara oculta da lúa

Pinto Antón, J.A. - viernes, 06 de noviembre de 2026
O Nobel de Física 2019, Michel Mayor recorda algo que a miúdo esquecemos. Que a nosa casa, a Terra, é unha máis entre miles de millóns. E ao mesmo tempo, unha e única. Onde os procesos químicos, que sen dúbida existen noutros mundos, fixeron posible aquí a alquimia da vida.

Miramos ao ceo e recordamos aquela misión Apolo, alimentada pola feroz competencia entre comunismo e capitalismo, entre os EEUU e a URSS. Agora, a misión Artemis II, outro fito do xenio humano, ten detrás a lóxica da cooperación de EEUU con Canadá e a UE.

Colonizar e vivir na lúa xa non é un delirio, din, senón realidade próxima e moi cara. Porque, como recorda o premio Nobel, o lugar máis inhóspito do noso planeta é infinitamente máis amable que a Lúa ou que Marte. Aínda que o inmenso ego de magnates do diñeiro falen de enviar ao planeta veciño a un millón de emigrados no s.XXII. Algo irreal e adultescente, é dicir, máis hormonal que racional: converter un inferno certo en incerto paraíso. O estado de delirio barbariza imaxinando chegar a outros exoplanetas. O máis cercano está a 4,25 anos luz. A Lúa só está a un segundo luz. E Marte, a 12,5 minutos luz. Mais, cómpre poñer en valor o aporte científico da exploración espacial.

Só na nosa galaxia, unha entre dous billóns de galaxias, pode haber ata un millón de exoplanetas. Pero só cruzar a Vía Láctea levaría máis de cen mil anos viaxando á velocidade da luz. Xogos de números e distancias que non collen na imaxinación.

Somos unha especie máis na azarosa vida dun pequeno planeta adornado coas cores da vida. Nalgún momento futuro do seu longo periplo de 4.500 millóns de anos o planeta Terra adentrarase en zonas incompatibles coa vida tal e como a coñecemos.

Non somos eternos senón xigantes cos pés de barro. Os homínidos apareceron nun momento separado do presente por uns poucos millóns de anos. A nosa especie, homo sapiens, leva aquí uns 300.000 anos. E despois desapareceremos. Pasou con seres tan fascinantes como os dinosaurios que habitaron o planeta ao longo duns 180 millóns de anos.

Pero mentres, vivimos aquí. Miramos cada noite a lúa. Soñamos coas estrelas. Somos deuses humanos. Ousados, intelixentes, fraternos, perigosos, xeniais. Sabemos que o noso tempo é efémero. Vivimos nun mundo cun forte impacto humano sobre os seus ecosistemas. E aínda así, paraíso para a vida e para as vidas de oito millóns de especies animais e vexetais, imbricadas e interdependentes. O noso fogar, o planeta Terra, "un punto azul pálido" flota na inmensidade do cosmos. E as 'mulleres e homes sabios' temos a ineludible misión de vivir, coidar, mellorar, mimar, compartir, curar e respectar a casa común. Agora, fartos de contemplar cada noite a súa cara máis fermosa, andamos entretidos en ver o que hai no lado oculto da Lúa.
Juan Antonio Pinto Antón
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES