Lembranzas dunha infancia rural
- Addendas -
Para que os netos saiban de onde vimos;
de onde vimos, e como nos criamos!
¡Iso; para que o saiban, para que se decaten de como estaba España nos anos 40, fai agora tres cuartos de século, séxase, despois da Guerra de ¿Liberación?! A ver se escarmentando na cabeza de seus avós evitan volver a ser "liberados", purgados, esfameados!
Como lle dicían ao César aqueles romanos: "Cave ne cadas".
¡Pois iso: coidado con caer, con decaer, con deixarse avasalar por eses ególatras que do Noso Pai só saben, e só exercen, ese anaco do, "Venga a nós!"
A crise da Guerra deunos azos para pasar da fusila á aixada, e volveu a rir a primavera, ¡daquela, si, pero..., a golpe de aixada! De momento venceron os caciques, pero o pobo estudou, reflexionou, revestiuse de dignidade..., e chegamos a ter unha Constitución!
En España as crises son longas, que esa experiencia temos, mais, de presente, co que sabemos de economía e de técnica, ¿imos decaer, imos retroceder, deixarnos avasalar, novamente, polos caciques da quenda?
Agora é o momento, non de berrar, pero si de actuar, de empurrar, ¡Arriba España!, agora si, levantándoa entre todos, cada quen segundo as súas posibilidades e coñecementos, pero, ¡nunca, nunca máis!, deixarnos engaiolar por eses contistas do, "venga a nós": ¡que veña, si, pero, para todos, baixo control, rematando, dunha vez para sempre, cos, "si bwana!
-.-
De muíños a museos

Daqueles muíños só queda a muiñeira, e para iso tócana nas festas con altofalantes, que xa non é a mesma! ¿Por que te mataron, Veiga López, acaso por innovador, por montar esta acea en vez de emigrar?
Fuches arriscado, ignorante e arriscado: arriscado porque innovaches, e ignorante porque ignoraches que aos caciques do lugar nunca lles gustaron os veciños innovadores.
Naqueles anos Trinta pasaches dos muíños "de herdeiros", dunha soa pedra e pouco banzado, a unha acea de dúas pedras, con cribas hidráulicas, e para iso, con cartos prestados, facendo ti mesmo a metade da construción. Tamén cobrabas maquías a pretexto de que, o que traballa, cobra! ¡Ai de ti, incauto, que esqueciches que os veciños poderosos queren, sempre quixeron, escravos..., escravos gratuítos!
¿Ves? ¡Gañaron os caciques: unha, porque os seus fillos, en vez de sementar trigo, estudaron leis, leis con minúscula, leis da letra pequena, que era a mellor forma de promoverse nas listas electorais; e outra porque, a diferenza dos romanos, superadas aquelas teses de dar Panem et circenses á plebe, agora dan mitins, séxase, única e exclusivamente, circo!
-oOo- Gómez Vilabella, Xosé M.