Pasaron os anos...
É boa verdade que as satisfaccións son inversamente proporcionais, sexa ao que se ten, ou ao que se recibe: Acaban de regresar de Madrid os meus netos, con súa nai, en tren, e ao preguntarlles dixéronme que se lles fixera aburrida a viaxe. ¡Cómame nunca o diabro, na terceira parte do que tardei eu en chegar a Madrid cando me incorporei ao Exército, e para iso, agora, sen fume, sen fume e sen sabotaxes, que naquela viaxe, nada máis saír de Lugo, saímonos da vía porque os fuxidos quixeron demostrar a súa existencia quitándolles os parafusos aos raíles, e menos mal que foi nunha gabia, nada máis pasar a ponte da Chanca; fumes tenos esta xeración das comodidades!
Traio isto a conto porque fun feliz, con meu padriño, no carro das vacas, encima dos sacos, que primeiro baixamos á acea da Laxe, recén inaugurada, para deixar a saca do centeo, que a recolleríamos á volta, e desde alí a Mosteiro, por un saco de sal, da Sociedade, que se achegaba a matanza... Visto desde hoxe, habería que dicilo en plural, pois, aos oito meses da matanza dos porcos, veu a incivil! Os dous no carro, pois con unha aguillada longa as vacas non se saíron do camiño.
A aquel muiñeiro, ¡Deu-lo teña no Ceo!, ¿quén lle ía dicir que ano e medio despois, meu padriño, o mesmo, atoparía o seu cadáver, cruzado co de Blanco de Cobula, (José Blanco García), no camiño de Castroverde, arriba das chousas de Pena, fusilado por aqueles camisas novas de alma vella? Podremia era a deles, singularmente aquel fantoche que lle creu á súa muller que o muiñeiro se metera con ela, cando a realidade seica era que ela lle tiña antollo e non foi correspondida, así que o denunciaron por "roxo"! ¡Roxa era o sangue que lle verteron, a balazos; o seu sangue, sí!
Tan amable era aquel José Veiga López que non lle permitiu a meu padriño coller o saco ao lombo, que o fixo el, o propio muiñeiro, cando o costume era presentarlles a moenda xunto da moxega. Pero non só iso, senón que, ao verme arrimado ao banzado para contemplar a axilidade das troitas, díxolle ao patrucio que á volta, cando entrásemos a recoller a fariña e mailo salvado, nos tería unha ganchada de troitas, para que as probase o neno xa que tanto lle gustaba velas vivas. "Se non che gustan de mortas, estas non chas volvo a regalar!". ¿Á volta? ¡Seis troitas e dúas anguías, que daquela aínda as había no Azúmara!
En Mosteiro, na Sociedad, o sal, que por certo pesaba de raio, que nolo puxeron no carro entre dous mozos. O padriño e mais eu fomos andando, diante das vacas, el arrimado na súa caiada, ata a Ribadauga, que alí, ao facerse corredoira, xa puidemos subir ao carro, que as vacas volvían soas, a pouco que se lles afalase e dirixise coa aguillada.
En definitiva, toda unha proeza: ¡Unha viaxe de Berlán a Mosteiro, en carro, e logo que as troitas estaban..., divinas! As anguías desfíxoas a madriña para encher, con elas e non sei qué máis, unha empanada, ¡un pastel!, que tampouco era deste mundo!
-.-
Non é igual ter de que comer que ter que comer; do que se segue que non é igual gozar da carne de porco que sometelos á traxedia dunha morte acoitelada. Dúas cousas me crispaban, daquela: O cheiro do esterco, e asistir ao sacrificio dos animais. Agora críspanme outras, maiormente o cheiro sutil, maquiavélico, as consecuencias dunha política mal levada, mal levada e peor controlada, que xa é dicir! ¡Ai, romanos, romanos, que deixastes gravado no noso cerebelo aquel precepto malévolo: Do ut des!

¡Ai se fose eu o voso xuíz..., pero tedes sorte, que vos xulgará o máis benigno dos xuíces, Deus!
O coitelo, de medio metro; os brazos de meu padriño, arremangados; a madriña co balde novo, e unha espumadeira de buxo, para bate-lo sangue; meu pai e miña nai, ámbolos dous de mantelo, atándolle as patas ao..., ao axustizado! O neno, a un lado, tremendo: ¡Se me achegaba ao patíbulo, a miña ferida, a miña dor, era un eco tremebundo, que me paralizaba o corazón, tal que se aquel coitelo entrase en min, tamén en min; non sangraba por fóra, mais, por dentro...! Cando me apartaba, cando retrocedía, o padriño, aquela voz tan potente, clamaba: ¡Covarde! Non o dicía, por suposto que non, pero, sen dicilo, iso era o que escoitaba aquel neno..., aló por dentro!
Con aquel sangue, de ben batido, benditas filloas, tan benditas que sabían a gloria! E despois do primeiro dos dramas, un alivio curto, mentres ataban ao seguinte. ¡Pobriños, ter que morrer para que comesen, precisamente, aqueles que lles deran de comer! Peor era a final dos xamóns, vendidos ou regalados
, para que os gozasen, acaso, quen menos merecido os tiña! De mortos, esfolalos; ¡outro drama, e menos mal que daquela xa non choraban, nin o neno nin os porcos! As raspas facíaas meu padriño cortando anacos das gadañas vellas; iso si, ben afiadas. A auga para o afeitado quentábase precisamente, rigorosamente, no mesmo caldeiro onde se lles preparara a caldeada, mes a mes, ao longo do ano. ¡Macabro, todo macabro! Deus bendiga a eses veterinarios que inventaron a súa anestesia previa; que nunca dores teñan, eles tampouco!
Colgalos era tal que colgar un humano, ¡meus pobres!, tanto que se parecían, interiormente, ou iso dicía meu padriño, ao homo sapiens! Dous días para que se lles serenasen as carnes, que falta lles faría despois de tanto sufrir; e a continuación, outra vez, coitelo, partición, para ingresar na caixa fúnebre do baño de salgar. ¡Menos mal, pois, de cubertos co sudario branco do sal, a traxedia espectacular ía esfumándose, esquecéndose, e o neno
, a chupar os dedos, ben untados de roxóns!
C´est la vie, que din os franceses, non me cansarei de repetir; c´est la vie, co que nos fai sufrir
, para ter que comer! Encima diso, veñen as crises
; ¡malditas sexan, tanto as crises coma a nai que as pariu, que as motivou!
-.-
Naquela semana de vacacións que se tomou meu pai na súa escola de Millares, de feita a matanza, cortar, salgar, e todo iso, sobráballe un día ou dous, así que me levou na Castaña a Tras da Serra, para verlle o Nacemento á señora Emilia de Brañas, daquela tamén en Millares.
O neno tiña oído falar de cómo fora o Nacemento, a chegada de Xesús, panxoliñas, pastores e adoradores, pero nunca imaxinara que tal cousa fose representable, ao estilo daquel teatro que fixera en San Cibrao o Mestre de Rico do San Bernabé. Isto é o que lembro:
Pasamos a Serra por sitio distinto a por onde me levara o padriño, máis á nosa dereita; polo lugar de Vilarín, deste lado, e do outro, San Romao, que xa queda preto de Millares. No San Romao tivemos que apearnos porque dese lugar tamén lle ían á escola, e invitáronos na casa de onde fora Bonifacio, o do Coche, que iso me explicou meu pai; a min déronme dúas onzas de chocolate, ¡dúas onzas!, máis que miña madriña, que só me daba unha, e para iso xunto con un codeliño de pan, que por veces estaba tan duro que me facía rilar os dentes.
En Millares, na casa de Brañas; na de dona Emilia, non, na dos nosos parentes, de igual nome, tivemos que agardar un intre, que aínda non lles fervera o pote; pero non foi tempo perdido porque o primo de meu pai tocaba o ¿requinto?, que así lle chamaron, e deunos un só musical mentres a súa dona baixaba a mesa de levante para comer. Despedidos, con moita cordialidade, pois aquela parentela dos Lombardero era do que non hai, ¡do que non hai agora, ou polo menos, escasea!, pasamos á Casa Nova, que non era tal, daquela, hoxe si, despois de reconstruída, pero ese nome lle daban, onde nos puxeron
, ¡café! Un luxo naqueles tempos, só permitido nas familias fidalgas, ou polo menos, ricas.
Por último
, ¡a Gloria! Unha pena que daquela non houbese retratistas máis que nas feiras, así que me vou valer dunha foto tardía, que saíu en El Progreso, xa cando se fora para Lugo dona Emilia; de Lugo foise ao Ceo, directamente, onde seguro a teñen, xunto

co seu fillo, no coro dos Querubíns, que alí halles valer o seu canto! O fillo, daquela, xa estaba na casa, ¡expulsado! do Seminario de Lugo..., ¡porque non lle entendían o seu cantar!
Todo o que alí pasou quedoume gravado, igual que se referisen a miña memoria con un ferro roxo, máis ou menos como fan coas poldras nos curros das eguas bravas: Aquel cuarto, cheo de nenos do lugar; a señora Emilia, con unha aguillada de abeleira, explicando os seus monecos, as casiñas, o barreliño minúsculo, cunhas pallas triladas... Por se fose pouco espectáculo, pouca novidade, puxéronse a cantar, entre todos, que meu pai cantaba de marabilla, mellor que miña nai, unha panxoliña que remataba así, máis ou menos:
.../...
Cuando José ha llegado
halló la Virgen parida
en un pesebre de ganado
donde un buey manso comía.
Tanta era su pobreza
que pañales no tenía.
Bajó un ángel del Cielo,
y ricos pañales traía;
no los hizo costurera,
ni de la tienda eran,
que los hizo el Rey del Cielo
para la Virgen María.
.../... Gómez Vilabella, Xosé M.