Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (17)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 10 de noviembre de 2026
Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (17) Ao día seguinte, Defuntos, eu volvín á escola, e miña madriña outra vez a San Cibrao, ao Convento, para comeza-la novena das Ánimas, da que algo me tocou pois no primeiro dos domingos seguintes, ¡outra vez, todos, á novena, e ben cediño que fomos porque era anterior á Misa!

Cando dixo o Cura aquilo de,
Réquiem aeternam dona eis, Dómine: et lux perpétua lúceat eis!

a min treméronme as pernas porque o bromista de meu padriño, ¡sempre o mesmo!, téndome ao seu lado na igrexa, díxome, baixiño: -Aténdelle ao furado destas pedras, para ve-las ánimas, que a tal momento, co responso do señor Cura, están saíndo do Purgatorio...

¡Por máis que mirei, non as vin saír! E así llo dixen, despois, fóra, no adro:

-Padriño, non debeu ser eficaz, e iso que o señor Cura botoulles auga bendita, que maldito unha saíu, alomenos pola parte nosa, polos bancos dos homes…

O padriño, de entrada:

-Hoxe igual lles tocaba saír por esa parte das selas das mulleres, pero, na próxima… ¡Ai, ho, que es ben inocente; como non espertes…! As ánimas son invisibles para os vivos; deixaron aquí os corpos, e Aló están os espíritos, sen roupa ningunha. Eses furados, eses ocos dos chantos da igrexa fixéronllelos para os enterramentos, que antes, ata hai pouco, enterrábase nas igrexas, dentro, e aquí tamén!

Despois, mentres desataba a “Castaña” dese freixo de Reigosa, ¡que aínda vive, e ben alto e groso que está!, díxome:
-Isto de agora tómao en serio, que non é ningunha chanza. ¿Ves esa volta, esa esquina que fai a parede do cemiterio, mesmo enfronte de nós? ¡Pois atende, que o de agora non é chanza! Aí está penando a alma dun pecador que non sairá da cova ata o día do Xuízo Final, porque…, porque está no Inferno, e do Inferno non se sae; do Purgatorio, si!

-¿Padriño, cómo o sabe; non se pasará nesta adiviña?

-¡Voucho dicir, e dígocho para que cando retiren de aquí este cemiterio, que o fixeron demasiado cativo para o grande que é a parroquia, así que algún día o levarán…, que igual volve a enterrarse no Zarro Novo; daquela observa o que saia dos cimentos deste curro! Aquí verás un esqueleto, que é o daquel criado do dono desta casa, do Médico de Reigosa. A cousa foi así: A súa muller non lograba familia, así que, confiada na súa esterilidade, deu en deitarse co criado…, cando o Médico andaba de visitas! O Reigosa, que para algo era Médico, algo debeu percibir, así que un día, en vez de irse, agachouse nunha corte destas, da súa casa, e cando a muller lle puxo a cunca do caldo ao criado, Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (17) el presentouse nun descoido e botoulle estricnina! O criado morreu deseguida, e a muller botouse a chorar. Nisto presentouse o Médico, e díxolle que calase, ou que a denunciaba por envelenadora! Saíu para fora e chamou ao caporal dos canteiros esixíndolle que, de noite, nos cimentos deste curro, lle tiña que soterrar, en total segredo, ao seu criado, cousa que así fixeron. Eu, que non son Médico, pero son Albeite, algo barruntei daquela desaparición dun criado que tan fiel lle era á Ama, así que, aos poucos, nunha ocasión en que me chamou o Canteiro para verlle unha vaca, púxenlle de condición que lla deixaría morrer, que non lla curaría, se non me dicía a verdade, pois el, aqueles días, traballando diante da casa do Reigosa, algo tiña que notar ou saber! Con isto dito, xa o sabes todo, así que non esquezas iso de estar atento cando retiren esta parede, que non vai tardar!

Moito non tardou, pero daquela eu estaba en Madrid, de mecanógrafo naquel Consejo Supremo de Justicia Militar, e cando volvín á parroquia, nunhas vacacións, xa se comprara a finca do Freixo do Fato, e meu pai trazara as adxudicacións, nove metros cadrados para os que entrasen a pagar, e un curro para os que non quixesen ou non puidesen facelo, condición que todos aceptaron, menos un señorito, que ata se enfadou con meu pai porque non lle asinaba o dobre, dezaoito metros, así que fixo panteón noutra parroquia. ¡O criado infiel tivo terra abonda cos cimentos da parede do cemiterio vello, e o outro enfadouse porque ambicionaba dezaoito metros! ¡Cousas da vida terreal, que non queremos ser iguais nin despois de mortos!

¿Padriño, que lle parece, agora, tantos anos despois; espertaría o seu neto? ¡Ai, Deus, cánto temos de que falar, Aló Arriba, pero non sigas con picardías, que non as quero, que xa padecín abondas Aquí Abaixo!
-.-

Aínda non chegara o Nadal pero debía estar cerca, pois aquel día fíxoseme curto, ¡ou polo horario, ou polos acontecementos!

Tróuxonos a noticia, expresamente, o avó de Pousadela, que se presentou, xa con noite, no seu cabalo percherón, así que regresaría ás tantas, para anunciarnos que, ¡viñera, volvera, de Bos Aires, a prima Sabina! Tiñamos que ir aquel domingo á Misa a Luaces, por unha cousa de enterramento das cinsas do seu home, e que despois habería comida de festa, alí en Pousadela, na casa dos primos, na da Ermita! Pero que fósemos todos, patrucios incluídos, que ben se lembraba deles a Sabina…

As vacas e mailos cochos, as pitas e mailos coellos, felices, porque lles deixamos comida de sobra, así que, en todo o día, ningún se queixaría. O padriño na egua, na “Castaña”, como de costume, e os outros a pinrel: Os prados da Pasaxe, o lugar de Maxide, o Castro, o monte da Capela, Trasín, Ribadauga, e…, Eirexe! En Maxide cantos nos viron cantos preguntaron o motivo daquela procesión familiar, e fixéronse de cruces, todos, cando miña nai lles explicou que viñera de Bos Aires, definitivamente, súa prima Sabina…, ¡coas cinsas do seu home, nunha furna! Así que iamos a tres cousas: Darlle unha aperta de benvida, oír unha Misa de acción de grazas, e de paso…, soterrar ao seu home, no panteón das tres familias Vilabella, xuntos pero individualizados, alí no cemiterio de Luaces. A exclamación unánime foi: ¡Ai, ho, que lle debía querer ben, para traelo consigo…! Etcétera, etcétera. O neno nunca oíra falar doutras cinsas que non fosen as da lareira, ou as dos terróns da cavada, así que tamén se fixo de cruces…, por dentro!

Prima de miña nai, si, prima carnal, pero máis ben parecía unha tía dela, polo avellentada que viña. Apertas, bicos; bicos, apertas, bágoas…, aquilo tivo de todo, unha especie de resurrección da Sabina, conxugada co enterro daquelas cinsas no panteón familiar! Desde aquel día souben ben o que é a emigración, pois non se falou doutra cousa, da mañá á tarde. Mentres durou a Misa, a urna estivo nunha mesiña, na escaleira do presbiterio; despois o Cura cambiou de dalmática, poñéndose unha negra, e Xan da Cazurra, ao seu lado, coa xerriña e co hisopo da auga bendita. Diante saíu a Sabina, coa furna no colo, coma quen leva un neno de peito, despois o Cura, o Sancristán, o neno da Irene, servidor, que do resto xa non sei, que non mirei para atrás, de impresionado e de inmerso que me vía naquel cerimonial. O Crego bendiciu, de primeiras, aquel furado que tiña a lousa levantada, dicindo, pregando:

Ne recordéris peccáta mea, Dómine. E Xan da Cazurra, respondeulle: Dum véneris iudicáre saeculum per ignem. E máis aínda, moito máis, que pasaron media hora responsando, supoño que mentres duraron os efectos daquelas moedas que lle deu cada membro da familia ao Sancristán, ben gardadas por certo, nunha bulsa morada, co cordón dourado.

¡Deus, qué comida; cómo que nada máis chegar á casa da Ermita, miña avoa meteuse na cociña e comezou a destapar aquelas potas que deixaran ao lume, ¡ao lume dunha cociña “económica”, tipo Bilbao, que dixeron fora posible cos cartos que mandara Sabina desde a súa arxentífera Arxentina! Íamos comer naqueles mármores, pero alguén dixo que non cabiamos todos, e que non era día de estar separados, así que nos subiron ao sobrado, onde xuntaron dúas mesas, pero nin así chegaba, así que meu tío Pepe, sempre tan mañoso, aló se foi a palleira tornando con un brazado de táboas, para ampliar as mesas.

María, María de Prado pola súa procedencia, ou María da Ermita polo nome da casa do seu home, foi unha das tres ou catro mulleres máis intelixentes que coñecín en toda a miña bisbarra; amena, graciosa, intelixente, cunha cultura xeral infrecuente naqueles medios e naqueles tempos. Notábase que lle encantaba falar con meu pai; e á viceversa, tamén, pero nada máis cá iso. ¿Viúva, tan nova? ¡Pois si, e da maneira máis boba: un veciño, de alí de Luaces, moi moceiro, tiña interese por unha rapaza de Suegos, pero ocorría que concorría con outro pretendente dela que o tiña ameazado de morte se lle quitaba aquela rapaza; o diabro, que niso tamén andou, levouno a pedirlle prestada ao Manuel da Ermita, unha pistola Browning, que acababan de chegar a Lugo, e vendíanas polo San Froilán… Manuel tíñaa cargada, imprevisoramente, e o amigo, tan imprevisor coma el, deulle ao gatillo… ¿Consecuencias? ¡Un tiro nas tripas do home da María, que o cargaron nun carro para levalo a Lugo, pero chegou morto a Trasín! O fillo, máis ben feble, que logo morreu, daquela estaba a medio criar.

¿Da Sabina, que? ¡Co que me dixo dela meu padriño, chega para cualificala! De moza ía cavar ao monte de Lal, con seu pai, co Paulo da Ermita, ¡coa aixada!, e cavaron moitísimo, unha tenza enorme, pero aqueles montes eran comunais, así que o cacique do lugar, o señor da..., ¿Casa Grande?, ¡casa grande pero alma cativa!, desde que sementaran o trigo, cando comezaban a saír os xermolos do cereal, foise unha noite de lúa cos seus bois e unha grade, desfacéndolles os sucos, de arriba para abaixo e de abaixo para arriba! ¡Adeus cavada, e adeus trigo! A Sabina seica o tomou tan a peito, que lle pediu cartos a seu tío, ao Taberneiro, para a pasaxe, lanzándose á emigración arxentina, tan arxentífera daquela! Ben o lembraron na mesa, comendo, que meu padriño non se cansaba de eloxiala, tan merecido que o tiña! Desde este momento, queridas Sabina e María, pídovos audiencia para que Deus me leve a do vosoutras estades, que ben me apetece seguir falando daquelas cousas, maiormente das que non entendeu aquel cativo! En vida non me decepcionastes, así que, Aí Arriba, menos!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES