Haití. Teño unha pregunta para vostede
Campo Freire, Xaquín - viernes, 15 de enero de 2010
Coma moitos outros, pensamos facer colectas nas nosas parroquias e organizacións a favor dos irmáns haitianos, que xa de lonxe veñen padecendo o de seren dos máis empobrecidos do mundo, como todos sabemos.
Nós, o pouco que xuntemos e nestes casos sempre é pouco, temos pensado envialo a través de Cáritas, mas sempre que se nos poida garantir que as entidades, a quen lle confíen e encomenden a misión de envialo, non reteñan nin un céntimo por xestión.
Hai uns anos, noutra catástrofe natural en América Latina, certas entidades financeiras cobraban aquí un tanto por cento substancioso en calidade de xestión, tal coma se fosen operacións ou transaccións comerciais ordinarias. Está nas hemerotecas.
Están no seu dereito a traballar así, se queren, e nós a sabelo de antemán. Non cando xa entregaches todo e che dan o recibo do ingreso co recargo consabido. Pasoume a min, igualiño do que a moitos máis.
Armouse daquela unha importante revolta de protestas entre a xente e así se reflectiu nos medios. Só despois de denuncias e reclamacións moi serias nos xornais se conseguiu darlle a volta a esa usura indecente. E foi de agradecer que corrixiran o erro. Porque podían non facelo.
Trátase dunha causa humanitaria, non si? De non ser así chamaremos a outras portas ata encontrar quen o poida facer como un servizo e non como negocio. Non se vai herniar a banca por facer ese tan tremendo esforzo. Por facer esa achega non se lles vai afundir a empresa.
Debido á crise xa vai ser máis custoso recadar cantidades algo importantes. Só falta que as esmolas dos pobres que son para os máis empobrecidos poidan coller camiños trabucados e que vaian enxugar a débeda a cantos nos meteron nesta cerellada mundial. Non quixera nin pensalo. Teño as miñas dúbidas, porque xa sucedeu varias veces e iso que estabamos en tempos de bonanza.
Nós temos obriga de velar porque as axudas cheguen íntegras e se pode ser que logo alí tampouco vaian a especuladores fraudulentos. Só así axudamos con gusto. A claridade é o máis importante na vida.
Ao mellor para algún é un tema menor. Para moitos de nós é substancial. O que damos custa suores e estamos gozosos de solidarizarnos realmente cos necesitados de verdade.
Si. Esta é a pregunta. Quen é de fiar á hora de confiarlle facer chegar as axudas a Haití sen que ninguén lle reste ren ás poucas moediñas que entre todos vaiamos recadando?
Agradecidos se hai resposta e que non tarde, porque en Haití non poden esperar máis.

Campo Freire, Xaquín
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora