Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A nosa vida non cabe nun nicho'

Campo Freire, Xaquín - miércoles, 04 de noviembre de 2026
Estes días andamos dándolle voltas, dramaticamente, ás distintas formas de achegármonos ao noso "esmorecemento vital".
O Samaín, de tradición galega, coas cabazas luminosas. Halloween de orixe anglosaxoa, que na Galiza e no resto de España aparece con disfraces, festas e actividades infantís. Santos. Defuntos.
Analicemos: No fondo "dramatizamos", para desdramatizar. Para fuxirmos de careármonos coa realidades ás que lles temos 'reparos' ou medo.
Freud falounos dos mecanismos psicolóxicos de defensa: "Son procesos psicolóxicos automáticos e inconscientes que a mente utiliza para reducir a ansiedade, o estrés ou os conflitos emocionais ante situacións ameazantes".
Neste caso é de: "desprazamento". Re-dirixir unha emoción, impulso ou conducta, desde o seu obxecto orixinal que nos xera ameaza, cara a un substituto máis seguro o neutral".
Agora mesmo, o que máis nos está a impactar é o que pasou en URDA, nese accidente de tren.
Vivimos momentos moi delicados, de gran sufrimento comunitario, medos e inseguridades. Pero, sobre todo, precisamos moito respecto e dignidade.
Elas, eles, todas e todos, sonnos o noso "próximo" máis próximo: os "da porta do lado", como dixo moi ben o Papa Francisco.
Para todas e todos "a nosa" máis exquisita solidariedade, cariño, amor, axuda, alento, tenrura, apoio, esperanza, sentido da xustiza...
Correspóndenos a todos, sen excepción, persoal e comunitariamente, con toda xustiza, con toda dignidade, con toda empatía e compaixón e sen demoras, apoiar responsabelmente canto poidamos e saibamos.
E se nos sobrepasa a rabia ou non acertamos a ter palabras ou xestos construtivos e positivos o mellor é que busquemos unha terapia de axuda para canalizar axeitadamente esas emocións. Ou mesmo gardar silencio e dar amor.
Hai persoas máis afectadas ca nós e, ao mellor, non é desas expresións das que necesitan agora.
Tamén a cidadanía toda necesitamos unha pedagoxía de sanación bio-psico-social en todo o que nos vai sucedendo no decurso histórico a nivel individual e comunitario.
Non quero que saia da miña boca nin do meu corazón ningunha palabra, nin actitude, nin idea, que non sexa digna da situación que estamos a vivir.
E con esa mesma solidariedade e xustiza quero unirme tamén a todas as persoas que en calquera parte do mundo están agora mesmo en situacións de guerra, enfermidade, angustias, inxustizas, abusos, violacións, violencias, ...
Conscientemente usei ao comezo un circunloquio: "esmorecemento vital". Pretende ser "eufónico" para non magoar a miña propia intimidade persoal profunda e moito menos ousar entremeterme na consciencia de ninguén. Quen son eu?
A nosa finitude está aí sempre presente e implacábel. Individual e colectivamente. De xeito universal. En todos os espazos e en todos os tempos. E aí seguirá como foi acaecendo ata o presente. Con frecuencia reviste formas ben dramáticas. "Unha realidade difícil da que queremos fuxir". Por iso non resulta estraña a nosa vontade e actitude de desprazamento, da que falou Freud.

"A NOSA VIDA NON CABE NUN NICHO"

Con toda sinceridade e honestidade, quero aportar a miña EXPERIENCIA HUMANA desde algo que levo reflexionado moito, e xa non son novo de idade. Esta expresión na miña vida persoal significou estas tres cousas:
1. As vivencias, as emocións, as lembranzas e o legado dunha persoa son demasiado grandes, ricos e complexos como para ficar reducidos ou limitados ao espazo físico dun nicho (unha sepultura) tras a morte. Alí fican só os restos mortais para reciclárense e volveren á natureza física e mineral. Lei de vida.
2. Foi unha formulación moi fermosa e con moita forza emocional. Así nola transmitiron os nosos. E nós, que temos a sorte de ter unha fe cristiá, liberadora e adulta, así vivimos en esperanza a morte da nosa nai, e dos que seguiron, sendo nós nenos, moi moi pequechiños.
3. Reivindicación da vida e da memoria: Lémbrame que o que realmente importa dunha persoa é o impacto que deixou nos demais e como mantemos vivo o seu recordo, algo que transcende a propia morte física. E iso non pode morrer.

A morte estivo ben presente na nosa vida desde moi nenos: A vida era así.
Se para a súa experiencia persoal a alguén lle vale algo e para algo esta confidencia respectuosa, unha aperta.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES