Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tempo de Santos

Cabada Castro, Manuel - domingo, 01 de noviembre de 2026
Comezamos hoxe o mes de santos, tal e como chamamos tamén o mes de novembro. A razón é ben clara: este mes empeza sempre coa festividade de tódolos "santos. Son, pois, estes santos que hoxe celebramos os que lle dan nome ao mes no que, ademais, mañá faremos tamén lembranza de tódolos defuntos. Poderiamos dicir que hoxe e mañá santos e defuntiños andan mesturados en boa compaña. É bo que así sexa, porque, por un lado, os primeiros declarámolos santos só despois de finaren e, por outro lado, deberiamos esperar tamén que tódolos defuntos sexan aceptados por Deus Pai como queridos fillos seus e participantes na mesa do seu reino. Lembramos hoxe, pois, os nosos santos, os "normais", os de andar por casa, máis ca os oficial ou solemnemente considerados como tales e mañá lembraremos os defuntos, os queridos defuntos, que na nosa terra tiveron e seguen a ter tanta relevancia cultural, social e relixiosa.

Moitas lendas e imaxinarios da Galiza tradicional teñen que ver con isto. Aí está, por exemplo, a "Santa Compaña", a celebración nestes días do tradicional Samaín, presente tamén noutras culturas celtas como a irlandesa: candeas e cabazas, que lembran as caveiras dos defuntos; magostos coa degustación das primeiras castañas e do viño novo. Todos eses rituais están tradicionalmente relacionados co mundo do alén, cos defuntos e cos santos. Coido que está ben que anden xuntos no noso imaxinario santos e defuntos, porque en realidade os santos só chegan a selo de maneira definitiva tralo seu pasamento. As dúas festividades, a de Tódolos Santos e a de Tódolos defuntos están así -como vedes- moi relacionadas entre si. Temos, ademais, dereito a esperar que o amor, que Deus Pai-Nai nos ten, sexa quen de facer que a salvación que nos trae Xesús afecte a todos. Baseándonos sobre todo na bondade deste Deus paternal-maternal. Os teólogos fálannos por iso da vontade salvífica de Deus, suficientemente poderoso e misericordioso para acadar que a súa vontade de salvación non remate nun fracaso.

Por estas e outras razóns, celebramos hoxe nunha festividade conxunta e especial, "tódolos santos", tódalas persoas que en moi diversos tempos, lugares e culturas foron fieis a Deus e ás súas conciencias, aínda que puidesen ter fallado máis dunha vez no seu intento en diversos momentos da súa vida. Persoas que foron pecadoras, mais que recoñeceron ante os demais e ante Deus que así foron e por iso pediron perdón. Pois Deus é quen de nos salvar a pesar dos nosos pecados. E se Deus nos salva así, teriamos tamén dereito a esperar que algún día sexamos tamén nós celebrados no día de "Tódolos Santos" que se celebren tras nós deixarmos este mundo.

Dito isto, cómpre lembrar que Xoán nos fala no Apocalipse dunha "multitude inmensa, que ninguén daría contado, de tódalas nacións, razas, pobos e linguas". Algo que semella corresponderse con esa vontade salvífica universal de Deus que se nos manifesta en Xesús, o Fillo de Deus, no que a humanidade toda está reconciliada e "santificada". Deus non veu en Xesús salvar algúns, senón todos. Esta nosa fe na "inmensa multitude" de "santos", de xente "boa" de "corazón limpo", "pobres", "amadores da paz", etc., cos que nos atopamos na vida. Baseándonos fundamentalmente na grandeza, magnanimidade e bondade dun Deus Pai-Nai de todos. Xoán non dubida en formular na segunda Lectura estas palabras: "Mirade que amor nos tivo o Pai, para nos poder chamar fillos de Deus e selo de verdade". E engade aínda: "Agora somos fillos de Deus e aínda non se manifestou o que seremos. Sabemos que cando se manifeste seremos semellantes a El, porque o veremos tal como é". Deus amósase así meirande ca canto podemos maxinar. En realidade, podemos pensar nalgún pai ou nai que, se a cousa estivese na súa man, non convertese os seus fillos nos máis grandes, nos máis felices, nos máis ditosos, nos máis excelentes? Deus quere e busca a nosa "santidade" conxuntamente coa nosa "felicidade" por camiños que de entrada nos poderían parecer contrarios a esa mesma felicidade. Para Xesús a felicidade só se acada polos camiños da pobreza e da solidariedade cos necesitados, cos que sofren, cos que non teñen ninguén que fale a prol deles. Ese é precisamente o estraño contido da proclamación das chamadas benaventuranzas ou felicidades que se nos anuncian hoxe no evanxeo e que non son senón un retrato do que foi a vida de Xesús.

Dísenos nelas que serán benaventurados, é dicir, felices, os que teñen espírito de pobres, os que sofren e choran en comuñón cos que están aflixidos, os que non se comportan con violencia por moito que esta os tente, os que se preocupan pola realización da xustiza e loitan e traballan por ela e mais pola paz. Aínda que por iso sexan denunciados e perseguidos polos poderosos, os que teñen coma Xesús corazón misericordioso e non vingativo ou condenador. Todos eles acadarán felicidade no interior de si mesmos e serán tamén capaces de espallala ó seu arredor. Hoxe é, pois, un bo día para lle pregar a Deus Pai de todos que nos encha do espírito das benaventuranzas e que a lembranza viva de tódolos santos e defuntos sirva para que poidamos todos participar, eles e nós, da súa graza e da súa gloria.

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT ([email protected]; [email protected]). Distribución: Editorial Galaxia ([email protected]).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES