Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (16)

Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 09 de noviembre de 2026
Nunha casa labrega non había mellor calendario cá súa despensa, así que, se a víamos baleira, festas pasadas e mallas rematadas! Baleirábase a despensa pero enchíanse as huchas do pan e das patacas; máis tarde virían as castañas… ¿As castañas? ¡A pena é que viñan tarde, coas festas pasadas, pois, de telas, as nosas avoas aforraríanse o traballo de face-las tortas! Asadas gustábanme, pero, bullós, en Montecubeiro chamados "billós", con leite da vaca marela…? ¡Máis que de cardeal!

Coa chegada do outono, que era igual a dicir, despois do San Froilán, mandáronme á escola de Maxide. Aquel ano, aquel inverno, meu pai, en vista de que nomearan Maestro Nacional para o colexio que solicitaran, e conseguiran, entre el, Tellado de Sagaruxe e mailo Evaristo de Candal, comprometérase para poñerlles escola aos nenos, ¡de cinco a vinte anos!, de Millares, na Valeira, pois o nome de Baleira para min segue estando baleiro de contido!

A escola de Maxide, en Maxide, comezou nunha habitación da vivenda do propio Evaristo, que daquela aínda non remataran as obras do seu colexio, que o facían enriba Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (16) dun alpendre, coas escaleiras por fóra; hoxe, ¡meu pobre!, abandonado, esquecido, pero de min, non!

Do colexio non me esquecín, pero do nome do Mestre, si, que houbo dous, antes do paréntese da guerra, un tal Matalobos, e o outro, Santos Carbón. Non consigo lembrarme de cal estivo primeiro; do que si me acordo é de dúas cousas: que sendo tan cativo xa entrei, e me sentaron, cos grandiños, grazas ao que aprendera na escola da miña casa, con meu pai; a outra é que miña nai levoulle ao Mestre unhas medias de lá, branquiñas, ¡como que as fixera con unha lá boísima, que lla mandara unha tía súa desde Montevideo!, e díxolle, máis ou menos: Acordeime de vostede, pois, como estamos achegándonos ao inverno, e aquí arriba, de parado, logo vai ter frío… Aquel Mestre nunca me castigou; ¿sería que non o merecín, ou foi en agradecemento polas medias? Na porta da escola nova nunca se puxo a tricolor, pois chegaron a San Cibrao os camisas azuis antes de comezar o curso. ¿Daqueles mestres, qué? Leváronos á fronte, para que disparasen, que os rapaces estaban mellor gardando nas vacas, e canta máis burremia máis obediencia!

Os xogos no recreo do curral eran algo brutos, de nenos grandes, pero eu collín o costume de meterme na cociña de Candal, onde tamén había unha avoíña, que metía estelas na lareira da cociña vella tan pronto como vía aos cativos refregarse as mans.

¿Qué aprendín? ¡Maiormente a convivir…, e a non baixar polas escaleiras sen permiso previo! Alí había un mapa de España, que meu pai non o tiña na súa, porque viña nos libros, pero máis chama a atención de colgado nunha parede. O neno non se cansaba de ollalo, ben alleo de que lle tocaría recorrelo ao longo da vida. O primeiro que aprendín Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (16) naquel mapa non mo ensinou o Mestre, senón un fillo de Raúl, que eran portugueses, dedicados a serrar madeira con serra de aire, que así lle chamaban. Díxome: Este cacho que dá ao Poñente é de meu pai, é Portugal!

¡Mira ti por onde aprendín a ser cosmopolita con aquela lección fraterna, portuguesa!

Ao resto dos "colegas" tamén os lembro con gratitude, pois ensináronme de todo: a xogar, incluso ao burro, ¡que sempre o aproveitaban os meirandes para saltar eles por riba de min!, pero o que máis me gustaba era que naquel sitio só tiña que chamar de vostede ao Mestre, pois na casa, ¡nin con meus pais, que daquela, atuar, considerábase pouco menos que unha blasfemia!
-.-

Día de Tódolos Santos. Lémbrome con toda claridade que fomos á igrexa, todos, así que disto teño que inferir que, ou foi día festivo, ou latei a escola. Dixérao meu padriño, a véspera, segundo estabamos atizando no caldeiro dos cochos, ben saturado de pataquiñas pequenas, das separadas para eses comensais predilectos, que xa comezara o tempo da ceba: -Mañá estamos de Santo, todos. E a madriña, sempre oportuna: ¡Amén, mais para ser santo hai que comezar por honrar aos que nos precederon, aos que nos deron exemplo, así que vou madrugar para deixar as vacas muxidas, e a continuación, todos, pero todos, á Misa de Cedo; e ti, José, mentres, aparellas a egua, para ti, pois aínda que a besta anda máis cá nós, como non podes ir con ela pola costa de Ribón, teremos que saír xuntos para entrar tamén xuntos na igrexa!

Así o dixeron e así o fixemos. Na igrexa o primeiro que fixo a madriña, despois de coller auga bendita, por suposto, foi achegarse con meu pai ao altar da Virxe do Rosario, onde tiñamos, pendurada, unha lucerna, de bronce, da familia; e a casa de Brais, ao lado, outra, privilexio ou servizo contributivo que seica viña de cando as dúas casas eran unha, pois o Brais, ao casar con unha Gómez, fixeran casa nova, ao lado de abaixo, que de aí lles viña o de chamarse, tamén, "A Casa de Abaixo". Esas lámpadas, cando don Benito lles encargou aos de Perán do Fato que lle puxesen luz eléctrica na igrexa, desapareceron. ¿Gardounas o crego, tal que na sancristía? A verdade é que tiven intención de preguntalo cando estiven de permiso militar, pero fóiseme o santo ao Ceo, ¡tanto que hai de qué falar nesas vacacións esporádicas!

Meu padriño tamén estaba con nós, aínda que tivéramos que esperar por el un anaco, mentres deixaba a "Castaña" atada ao freixo de diante da casa de Reigosa. Meu pai soltoulle o nó á corda da lucerna e foina baixando ata a altura da madriña para que lle baleirase aquela botelliña de aceite que levara para volvela a acender, que o fixeron co chisqueiro do padriño. Nestes medios saíu da sancristía o Párroco, e miña nai animoume a subir para o presbiterio, onde o oficiante se puxera de cu para os fregueses, segundo a liturxia de entón: -Sube para arriba, e poste ao lado do señor Afonso, que así, pouco a pouco, vas aprendendo a axudar á Misa.

Obedecín, pero ben non o pasei, que me sentín un intruso, e logo que aqueles latixos do Crego…, ¡para min, latín, e nunca mellor dito! Gaudeámus omnes in Dómino, diem festum celebrántes sub honóre Sanctórum ómnium… ¿Vedes? ¡Latín, latín esgrevio, para un neno que aínda estaba aprendendo castelán, iniciándose na escola! Pero non parou aí a cousa, que sacaron a procesión, con un rabaño de imaxes, ¡era Día de Todos os Santos! O Cura volveu ao seu idioma, e iso que estaba en Montecubeiro.
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES