Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (15)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 06 de noviembre de 2026
Houbo un episodio que me custa relatar, pero faltaría á verdade se o silencio: Aquela vaca dun veciño, curada, saneada…, con herbas debaixo da pel! Aínda sinto calafríos con só lembralo. Á enfermidade, se mal non me lembro, meu padriño chamoulle "nacida". ¿Nacida? ¡Nacida, ou nada, algo así! O albeite andou recollendo herbas, por varios sitios, pero do que lembro con claridade é que do horto da señora Josefa de Brais levou malvas. Tamén teño esquecido se as ferveu ou non, pero o que teño claro, da impresión que me deixou, é que fixo deitar a vaca, e cunhas táboas e unhas cordas atadas ás patas e aos cornos, inmobilizárona na corte. Despois tirou de barbeira, pasándoa polo lume; fíxolle unha incisión no pescozo, nesa parte que teñen as vacas formando un pelexo colgante, e seguidamente, no oco así logrado, meteu un bo puñado de herbas, cosendo a continuación. ¡Eu enfermei, si, de verdade, coa impresión daquela cirurxía, que me pareceu brutal, descualificadora de meu padriño, pero a vaca curou, soportando no sucesivo o pear do xugo precisamente, exactamente, por onde tan ¿brutalmente? fora operada!

Desde aquel día, que aí está o meu pecado, esta ingratitude que tanto me custa confesar, deixei de interesarme polas súas explicacións das herbas medicinais, cousa, omisión, da que estou ben arrepentido. ¿Que herbas manexaba? Iso é precisamente o que quixese lembrar, pero só identifico: a malva, que acabo de referir; a celidonia, das feridas; a árnica, que me parece que tamén a aplicaba nas feridas; a ruda, ¡desa si!, que me dixo que a utilizaban as "madalenas", e cando lle preguntei se eran as do Gruñedo, que había unha casa que lle chamaban así, díxome que non, que se trataba das pecadoras, pero de aí non pasou; tamén utilizaba a herba abelleira, coa que untaba os trobos por dentro; e teño que parar, que non lembro máis. ¡Avoíño, perdóame, que me impresionou tanto aquilo da vaca, que ata maldixen que foses albeite!
-.-

Entrara o verán, e coa fogaxe da estación a do traballo; había tanto a qué atender, que as casas parecían un formigueiro, máis aínda onde eramos poucos, que tiñamos que organizarnos coma nunha competición deportiva, e o neno, con todo ser neno, tamén facía cousas, colaboraba en cousas que hoxe en día escandalizarían aos pediatras. ¡Non fagas iso, que te podes mancar; non collas esa ferramenta, que non podes con ela! Estas expresións tardaron en vir, mais para que chegasen, para poñelas "en acto" houbo que inventar máquinas e técnicas, que só foron posibles, accesibles, grazas precisamente aos esforzos daquela xente tan esforzada, á que nunca se lle agradecerá nin recoñecerá bastante, da primeira metade do XX.

Unha das tarefas extenuantes era gadañar os prados, ¡coa gadaña de man!; e peor aínda se había ameaza de trono, todos a enrolar e a angazar unha herba pesadísima, a medio secar, para empalleirala, e que non se mollase. Miña nai, antes de que pillase aquel maldito quiste hidatídico, do que se salvou de milagre, por un milagre, que tamén o teño referido, tanto en público como en privado, ¡grazas, outra vez, Virxe Milagrosa!, para gadañar era unha máquina: forza e habilidade, que movía os brazos coa velocidade dun…, dun lexionario! Os gaveleiros de meu pai, con todo ser home, eran máis estreitos, máis estreitos e máis lentos; naceu e viviu, sempre, na aldea, pero as súas aptitudes, tanto físicas como mentais, eran de cidade; ¡que bo ministro de Educación se perdeu! Pero foino; para min, si!

Un dos prados que nos esgotaba era aquel de Maxide, tamén desaparecido con esa Concentración que tanto desconcerto nos infundiu, maiormente aos vellos. De ben feitas teñen o seu mérito, o seu interese, pero…, ¡borran o pasado, borran a historia das nosas aldeíñas, tan sacras para quen venere aos seus predecesores! O prado era dos Figueroa de Meira, e levabámolo de arrendo, pois a casa quedara con poucas fincas despois daquel desastre particional… Unha vez retirado o último carro do feo, cumpría pacelo coas vacas soltas, que sempre quedaba pasto, tal que nos arredores, así que, para non ir e vir, quedabámonos coas vacas, que en dúas horas…, ¡a estoupar! Meu padriño sentárase á sombra dun castiñeiro, e tirou de petaca, de cachimba e de chisqueiro. ¿O neno, no ínterim? Tamén estaba canso, pero non por iso deixaba de argallar coa aguillada naquelas présas que, atravesando o prado de Penelas, pasaban algo de auga ao noso, ao noso mentres pagásemos a renda!

Entre os dous prados había unha parede baixiña, así que o neno, canso tamén de argallar, achegouse á parede para mexar sen que o visen do outro lado, que estaban empalleirando o criado de Penelas e maila criada de Candal. ¿Empalleirando? ¡Xa; iso foi de primeiras, que logo se puxeron a brincar, precisamente do lado de acó dunha das palleiras…, e o rapaz quitoulle a saia á rapaza! O resto tamén o vin, pero o neno, que seguía arrimado á parede, cos ollos desencaixados polo espectáculo, soltou un berro que non llo oíron aqueles rapaces, de atarefados que estaban: ¡Animais; que o fixeron igualiño co boi do Ferreiro coas vacas!

A meu padriño non llo contei, pero fun todo o camiño de volta con esta preocupación: ¿E se lle pasa a esa moza o mesmo que á tía María…, con un fillo sen pai? Que eu soubese, por aquela vez non houbo consecuencias, ¡grazas a Deus! Para min si que as houbo, que me fixen a promesa íntima de tratar ás mozas como era debido, como virxes, e se non o eran, alá elas, pero que non deixasen de selo por culpa miña!
-.-

Para axudarnos a segar viñeron os catro de Pousadela, vellos e novos, coa achega de Darío de Mirón, Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (15) e tamén José de Mariano, con súa irmá Manuela; do Escouredo. Manueliña, que me ten apreciado moito, e que a lembro con afecto e con agradecemento, casou con un portugués, apelidado "Dos Santos Barosa". ¡Merecíao, merecía un santo! Agora, que está no Ceo, ¡se ela, non, ningunha!, pídolle que me acepta a ofrenda desta fotografía, precisamente da terra de seus sogros. ¡Era tan guapa como de ben ataba os mollos! ¿Quedan desas? ¡Non, que agora, a mesma máquina que sega, malla, e sen facerlle mollos!

Pero a nosa sega foi das sinxelas, e non, por poñer un exemplo, a do Ferreiro, que lle ían traballar, a fatados, cando non cobraban pola cobertura do boi das vacas… ¿Por que lle chamaríamos "boi" se non estaba capado? Boi, ou touro, encima de que se divertía, lograba que os donos daquelas vacas devolvesen o favor en traballo, en traballo sen xornal! Outro veciño, Brais, ese si que pagaba, pois os mozos de Tras da Serra, ao volver de Castela, segaban en Chamoso, e do Chamoso víñanse, directamente, para a casa do señor Manuel, que tiña fincas por todas partes, no propio lugar, en Maxide, na Graña, en Sagaruxe… A cuadrilla de Brais era…, ¡xa o teño: unha festa! Cantaban mellor cós do Nadal, mellor que aqueles que ían polas casas, ao aguinaldo, cunha pandeireta; e logo que traían consigo…, ¡un gaiteiro! Aquela xente do Val, da Valeira, única, traballadora, divertida, e encima ofendíana, e oféndena, poñéndolle "Baleira" ao seu Concello, a unha terra plena e plana, cos mellores vales de todo Galicia.

¿Eu? Xa estaba afeito de cando os cavadores: ¡Carrexarlles porróns de auga, pois a bota do viño reservábase para o almorzo! Entre porrón e porrón, ¡a espigar! ¿Xa ninguén se lembra diso? Espigar era recoller as espigas que ían caendo, as restrebadas polo chan, despois de atar, e facer con elas uns mañuzos, que tamén pasaban á meda, pois, Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (15) ¡quen se atrevía naqueles tempos de tanta austeridade a desperdiciar unha simple espiga de centeo! Dábao Deus, e pecado sería, pecado se consideraba, non imitar á Rut bíblica!

A máquina de mallar tardaría en vir, que adoitaban esperar por unha de leña, de Gondel, de Teixeiro e de Silva. ¿De leña? ¡Si, de leña, pois as petrolíferas aínda eran un luxo castelán, estaban lonxe! A de leña era talmente unha locomotora, só que minúscula, aínda que non tanto pois para achegala ás eiras había que elixir dúas parellas de vacas, as máis fortes do lugar, unha parella para o temón, e outra para solar. No entrementres, coa tulla baleira, poucas eran as casas que non volvían aos malles, sequera para a primeira fornada. Para iso había que limpar ben as eiras, mazarlles a terra con un malluco grandísimo, e por encima, cando o había, un limpeiro, para recoller o gran tal e como se dicía: ¡sen pó nin palla!

O avó contaba que, antes de vir as máquinas, facíanse medas "de palenque", para conservar os mollos sen molladuras ata que boamente se puidese mallar, pois o verán, de curto que era, tiña esgotadas as forzas, requirindo aqueles malles, enlazada a moca co malle mediante unhas correas extraídas de..., ¿á que non adiviñades? ¡Dos vergallos dos porcos, que se lles retiraban ao matalos! Agora, en certas vilas, tal que en Meira, fan que fan unha imitación das mallas, pero isto de agora, comparado co de daquela é..., ¡iso, unha festa! Este retrato é precisamente das actuais de Meira, e xa é moito, que noutros lugares téñenas esquecidas.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES