A FEDELGAT (Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña) entregou os seus dezasete premios Alecrín, o 12 de agosto no auditorio da antiga Azucreira de Portas. O lugar escollido non podería ser máis impresionante: o edificio recuperado do que foi antiga fábrica de azucre.

Cando os empresarios de caña de azucre, volven de Cuba, repatriados, ao perderse a colonia, deciden poñer en marcha o mesmo negocio do azucre, aquí, con remolacha. A Sociedad Azucarera Gallega de Portas constitúese en 1899 e comeza a funcionar en 1900, pero terá unha duración moi curta (só ata 1903) porque parece ser que os labregos "eran reticentes a perder os seus cultivos de millo e patacas tan importantes para a súa subsistencia". O tema é que rematou por pecharse e con ela unha esperanza de industrialización. Mala sorte que xa comezara cando na construción da fábrica un accidente rematou coa vida do enxeñeiro alemán.
En 2003 (un século despois do peche) o concello de Portas adquire as instalacións e convérteo nun complexo de servizos no que se instala unha guardería, unha zona cultural con auditorio e salas de exposicións, un centro de día e unha zona para diferentes prácticas deportivas e un parque biosaudabel. O vello edificio que se mantén, envolvendo as novas instalacións, impón, especialmente unha espectacular cheminea de sesenta metros de altura cunha escaleira exterior.
Dentro do auditorio, o mapa de Fontán fala dese home que quixo poñerlle rostro á súa patria, tal como lle contestou á raíña María Cristina de Borbón-Dos Sicilias,cando esta lle preguntou a razón de tan impoñente traballo.
O matemático, filósofo, xeógrafo e político percorreu o país ao longo de dezasete anos, para debuxalo, no primeiro mapa topográfico e científico que se realizou en España. O home que marcou en Porta do Conde, o seu lugar de nacemento, coas verbas Patria do autor, nesa Carta Xeométrica de Galicia que tardou once anos en imprimirse e houbo que facelo en Francia ao non contar con medios para realizalo en España.
Estamos subidos aos ombreiros de titáns, ou non?
De Portas tamén se pode dicir que tivo a primeira alcaldesa de Galicia (en 1925) e a segunda de España, María de la Concepción Pérez Iglesias.
Non se pode negar que é un lugar especial a pesar de poder resultar bastante descoñecido.
Pois ben, aquí foron entregados este ano os premios Alecrín con que os galegos de Cataluña queren recoñecer a diferentes personalidades e organizacións: Alecrín no eido da innovación e da sustentabilidade ao Proxecto Birdmind, Alecrín no eido do deporte a Rafael Louzán, Alecrín no eido da cultura a Carlos Blanco, Alecrín no eido da música á Banda de Música de Lantaño, Alecrín no eido das institucións culturais á Fundación Neira Vilas, Alecrín no eido da prensa a María Cedrón, Alecrín no eido da programación musical a Esmerarte Industrias Creativas, Alecrín no eido da tradición a Campaeiros, Alecrín no eido da literatura a Xesús Fraga, Alecrín no eido das artes a Eira Vella, Alecrín no eido da proxección artística á Fundación Manolo Paz, Alecrín no eido da emigración a Alfredo González Vilela, Alecrín no eido da igualdade e da promoción da muller rural á Asociación de Mulleres Raiña da Picoña, Alecrín polo seu compromiso coa cultura tradicional do Bierzo a Miguel Ángel Mata Carnicero.
Un gran esforzo por recoller os diferentes campos e poñelos en valor. A verdade é que dende Cataluña só nos chegan boas cousas, lembramos a Costa Clavell cando volvía nas vacacións e facía parada no hostal Suso da rúa do Vilar de Compostela. Ao pintor Afonso Costa que ilustrou Tempo de Compostela, gravador de primeiro nivel que impartiu obradoiros para que esa técnica se estendese, pintor e poeta que foi quen de levar detrás de si unha recua de irmáns que tamén pintan. Aquel político catalán que no deixou pegada no Congreso español e que se licenciara en galego na Universidade de Barcelona. O tradutor, profesor e crítico Basilio Losada que estableceu alí a súa cátedra.
As mulleres Helena González e Sabela Labraña que traballaron ao seu lado e puxeron en marcha o Proxecto Galauda para que o alumnado de secundaria catalán aprendese galego e o alumnado galego fixese o mesmo co catalán. Sotelo Blanco, co seu museo e editorial coa primeira colección de poesía, un filántropo, un empresario culto que escribía e tiña criterio. "O meu país" con música de Miro Casabella e letra de Xosé Manuel Casado, ese poeta galego en Cataluña que morreu novo e aínda así tivo que ver como un xudeu se aproveitou del e do músico... porque somos inocentes.
O escritor Neira Vilas xa fora recoñecido en 2013 como escritor, agora faino, como institución, a Fundación. Agradécese moito porque esta é quen debe custodiar o legado de dous escritores que pasaron a meirande parte da súa vida na emigración: Anisia naceu en Cuba de pais emigrantes de Celanova, Neira Vilas marcha sen ter vinte anos e volve cando vai na década dos sesenta. Un e outra escribiron en galego porque "aquela lingua era, no desterro, un sino de identidade, un fío que me mantiña vinculado ao meu país e que me permitía seguir sendo eu. Era coma unha bandeira ergueita, un faro para non perderme, para continuar o meu rumbo, para non me esluír", en palabras de Neira. Ninguén coma el foi o escritor da emigración, tanto nas súas obras de ficción como nas de ensaio: investigando sobre as pegadas de Galicia en Cuba (e na Arxentina) tanto a nivel de símbolos (bandeira, RAG, relación cos escritores...) como recollendo a vida dos galegos comúns como pode verse na obra Galegos no Golfo de México. O vínculo da Fundación coa emigración é irrompible, por iso se agradece este premio como auga no deserto, como pan de ouro para envolver figuras... coma o máis acaído.