Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os riscos dos tempos que corren

Sampedro, Pilar - jueves, 05 de noviembre de 2026
Vivimos tempos complicados, de cambio, de microparadigmas que non deixan de sorprendernos. Todo vai a unha velocidade endiañada que nos impide a calma da análise. Por outro lado, o exceso de información convértese, por veces, nunha saturación en scroll infinito que nos deixa na ignorancia máis plena.

Mentres isto sucede hai dirixentes que gobernan en campaña continua, que ganaron desa maneira e continúan, aínda que vexan caer como moscas aos gobernados, baixo os efectos dun terremoto, ou do que sexa; eles, en realidade non están ai para mellorar a vida das persoas senón para encher os petos dos superpoderosos. Non vai con eles iso dos coidados.

Non teñen que facer nada, unicamente manipular as cabezas dos votantes para que continúen contentas aínda que sexa na agonía. O singular é o envoltorio, lin; certo, non importa o contido, só o papel con que se envolve, non importa como gobernen, só como o conten. Tamén lin "o que se produce non é información senón presenza", xa o dicían antes: o importante é que falen de ti (aínda que sexa mal), pero agora isto está resolto, contamos mentiras e así conséguese que sempre falen ben.

O algoritmo das redes sociais (e da rede) tende á autorreprodución e devolve ao usuario máis do que le, máis do que segue, máis do que lle agrada. Cada cidadán situado nun grupo do que é imposible saír, escoitando as novas dende un só punto de vista sen ter en conta os dos demais. Así é imposible entenderse. Cada un le no seu "idioma", o que un interpreta como lobo, o outro faino como cordeiro, o que un ve branco, para o outro é noite total sen nada de luz, nin estrela nin satélite.

Os riscos dos tempos que corren Seguimos recollendo un exemplo, Colombia e o seu acabado de estrear presidente seica moi ben dotado (non sabemos para qué): as redes e as plataformas de vídeo desprazaron por primeira vez aos medios e á televisión como vía global de acceso ás novas: 54% fronte a 51%. A confianza nas noticias baixou ata 25%. Diálogo de xordos ou de burros con orelleiras.

Manipulación e adoutrinamento dun lado, aínda que este acusa ao outro. E os que se definen sen bando son, na práctica, do bando de quen manda, sempre. Os apolíticos de Franco: "non fagades política, facede coma min". Xustamente!

Hai que ter tanto coidado que resulta imposible non cometer erros. Manter unha retórica defensiva fronte ao marco instalado pola extrema dereita supón, en certo sentido, aceptar os seus termos no debate. Teñen todos os especialistas necesarios que venden a súa ciencia ao que mellor paga; do outro lado, fan falla antropólogos e filósofos que analicen o discurso e nunca estivo tan orfo ese campo.

Hai que ter moito coidado con aquilo que agasalla credibilidade, cobertura moral e coartada política á dereita; máis alá das novas mentireiras, cada vez que alguén ve un mal uso dos dereitos logrados para todos, aumentan os votos da dereita, da que nunca outorga dereitos, só beneficios para os escollidos. Moito coidado, porque é entregar as cartas sen xogar.

O ataque ao feminismo colócanos no fío da navalla. Non se trata de levar a balanza para o outro lado pero si de compensar, de realizar accións positivas que non creen inxustiza, que non mostren sensación de ridículo, que en igualdade se apoie á muller pero non valorar o feito de ser muller a secas, para ningún campo en desigualdade. Ás veces, a paridade xoga contra as mulleres, cando se lles dan cargos sen estar preparadas ou merecelo, daquela reparte cartas o demo; o mellor para o equipo contrario é que nomeen a estas mulleres, fannos perder o partido, son manipulables, demostran que "non estamos preparadas", pero non é certo, hainas capacitadas pero alguén prefire que esas non se vexan.

Por iso é preciso reflexionar e falar de cada medida, convencer (tal como queren que fagamos co galego) coas razóns na man, sen permitir a polarización porque non se trata de extremos senón de dereitos humanos, porque o feminismo non é poñer as mulleres por riba, senón colocarnos en pé de igualdade, recuperar o que fixeron antes e non foi valorado rescatar ás que se escureceu para mostralas, e actuar con moito sentido sobre a actualidade.

Sempre acabamos no ensino. Pensamos que nos centros educativos é posible o traballo cos dereitos humanos, a reflexión, o entrar en razón máis alá dos lemas e slogans. Difícil tal como están as cousas, case imposible coa radicalización que chega dos medios e das casas. Aínda así, a análise da práctica por parte do profesorado é imprescindible. Alguén falaba estes días do risco das puntuais en datas sinaladas: 25 de novembro e 8 de marzo, sen máis. E non é pouco cando se realizan con sentido, sen contradicións (que de todo temos visto). O risco está nas actividades das actividades "grilanda", na decoración sen contido, na cosmética, a secas. Realmente o profesorado sabe o que hai que facer e como actuar sobre as estruturas e os contidos xerais, debemos deixarlle que o faga, igual que permitimos que as enfermeiras nos curen as feridas.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES