Mamede Casanova en San Miguel de los Reyes: a monomanía que dobregou ao mito
Rivero, Manuel - miércoles, 11 de noviembre de 2026
O camiño de reclusión de Mamede Casanova, tras o seu frustrado intento de fuga do porto de Melilla, estivo marcado por unha peregrinación penitenciaria que mudou por completo o escenario da súa loita contra a privación de liberdade. Se as vellas defensas do norte de África e prazas militares como o Fuerte de Victoria Grande de Melilla resultaban vulnerables para un home rexo e valente, habituado a romper grillos, desencaixar rexas e forzar portas aproveitando as fendas do réxime militar, o destino que o Goberno lle reservaba na Península quebraría as estratexias de Mamede. As crónicas do xornal El País (15 de maio de 1907) advertían do seu traslado baixo unha custodia extrema desde Málaga ata o penal de San Miguel de los Reyes, en Valencia.
Aquí o mito topou coa implacable modernidade. Fronte aos vellos castelos e ás fortificacións coloniais, San Miguel de los Reyes era un complexo penal de recente construción e cunha concepción arquitectónica avanzada para a época. Os seus muros limpos, a súa estrita disposición panóptica e unhas medidas de seguridade milimétricas, deseñadas para o control científico e o illamento total do recluso, actuaron como unha rede invisible. O home que desarmaba carcereiros e asombraba ao propio Ramón María del Valle-Inclán -quen chegou a encomiar no diario El Liberal (citado en La Lectura Dominical do 21 de setembro de 1907) a súa estética comparable á dun "bastardo de César Borgia"- foise apagando no silencio do penal valenciano. A pedra nova fixo o que o ferro vello nunca puidera: conter o seu corpo, obrigando á súa incontrolable enerxía a fuxir cara ao único territorio onde os carcereiros non podían poñer cadeas: o interior da súa propria mente.
O diagnóstico do delirio: a monomanía inventiva
En outubro de 1911, a prensa anunciaba unha noticia arrepiante: "Mamed Casanova, loco". Tras oito anos de rigoroso confinamento e continuos traslados, a sólida razón do mozo das Grañas do Sor crebara. Porén, o seu colapso mental non se manifestou como unha furia destrutiva ou un caos absoluto, senón baixo a precisa etiqueta clínica da monomanía intelectual ou delirio inventivo. Mamede desenvolveu unha obsesión fixa, sistemática e totalizadora: críase o inventor dun revolucionario aparato eléctrico destinado a fabricar canóns co gallo de potenciar a escuadra española.
Este cadro clínico non era casual e agochaba unha fonda carga simbólica. Nunha ironía propia das traxedias clásicas, o home que pasara a vida fuxindo das armas do Estado e desafiando as súas leis dedicaba agora as potencias da súa mente a corrixir a decadencia militar da armada española, destruída anos antes no desastre de 1898. A monomanía operaba como un mecanismo de defensa psicolóxico. Atrapado nunha cela insalvable, o seu cerebro fabricaba unha ferramenta de poder absoluto e tecnoloxía vangardista coa que pretendía comprar a súa liberdade, demostrar a súa utilidade social e reconciliarse, por fin, coa patria que o mantiña encadeado.
A suposta farsa de Mamede
Cando os médicos do penal de Valencia comezaron a observar os primeiros síntomas, a reacción inicial das autoridades non foi a compaixón, senón unha extrema desconfianza. O seu historial, que incluía fazañas tan astutas como meterse en sacos de mercadorías en Melilla para burlar as patrullas do peirao, fixo pensar aos oficiais que a loucura era unha "superchería". Sospeitaban dunha portentosa actuación teatral, minuciosamente ideada para relaxar a vixilancia dos gardas, propiciar o seu traslado fóra do penal e abrir unha fenda cara a unha nova evasión.
Cómpre subliñar a dimensión deste dato: o sistema penitenciario tiña tanto pavor ao magnetismo, á astucia e á capacidade de adaptación de Casanova que prefería crer nunha xenial simulación antes que aceptar a degradación física e mental dun dos seus presos máis célebres. A prensa da época, a través de correspondentes como Barreiro no diario El Imparcial (do 31 de outubro de 1911), tivo que confirmar con tristura que a doenza estaba "plenamente comprobada". Non había estratexia nin engano; era o naufraxio real dun home vencido polos rigores dos penais e do illamento.
O triste epílogo do heroe popular
O eco daquela demencia transformou por completo a narrativa que rodeaba a Mamede. Xornais madrileños como La Mañana (do 2 de novembro de 1911) e La Tribuna (do 3 de xullo de 1912) dedicáronlle extensas crónicas onde o perfil do "facineroso" mudaba definitivamente cara ao dun personaxe de novela. A fantasía popular, que se alimentara do mito da súa forza sobrehumana capaz de liderar sedicións na Coruña ou de forzar as portas de Ortigueira, tivo que asimilar un epílogo tráxico. O heroe audaz e valente que inspiraba o terror e a admiración das xentes quedaba reducido, en palabras dos cronistas de 1911, a un "desdichado ser privado de razón".
Malia que a prensa anunciaba a xestión do seu traslado a un manicomio, o sistema penitenciario da Restauración elixiu o camiño máis curto e habitual da época: a dispersión forzosa. No xornal El Universo (do 3 de xullo de 1912) confirmábase que Mamede non fora enviado a un sanatorio asistencial, senón directamente cara ao norte, ingresando no penal de Figueras. Alí, compartindo prisión con presos perigosos e politicamente convulsos como o terrorista barcelonés Hermenegildo Rull. Pechábase así a súa etapa valenciana: o home perdera a súa última batalla contra a arquitectura panóptica de San Miguel de los Reyes, deixando para a historia da crónica dunha mente que prefiriu construír canóns imaxinarios antes que aceptar a derrota da súa ansiada liberdade.

Rivero, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora