Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coas matemáticas, ¿Encontrámonos ou inventámolas? (3)

Rubal, Pedro - viernes, 27 de noviembre de 2026
A importancia da matemática, xustificada porque a ela debémoslle o carácter racional das ciencias, creo que esixe dedicarlle algo máis de espazo aquí, sexa produto da nosa imaxinación, ou en si mesma emerxente na realidade que se nos vai evidenciando. En calquera dos supostos, a súa evolución funcional a través da historia avala un regueiro de eficaces acertos epistemolóxicos pragmáticos, enriquecendo o coñecemento científico. Na historia, a matemática que podemos chamar oriental, a dos babilonios, exipcios e sumerios, ten unha forma empírica utilitaria, como medida de superficies, cálculos mercantís e regras prácticas. A grega, no caso dos pitagóricos, é considerada como instrumento de pescuda da verdade, contra a incerteza.

A matemática é unha ciencia en si mesma que da un carácter a física moderna de "ontologuización" das estruturas matemáticas, que facilitan o coñecemento da natureza. Nos gregos, o mesmo pensar científico podía traducirse por evidenciar, que cambia en Descartes e Leibniz pola procura de principios, non tanto para acadar evidencia como para derivar outros principios. Aristóteles considera o coñecer científico que ofrece un sistema matemático, particularmente na xeometría, e establece diferenza entre "principio das ciencias" (axiomas, que son evidentes e conceptos espontáneos da mente) e hipóteses, que son postulados. E di que a orixe das matemáticas está na sensibilidade, que nin ela nin a imaxinación, por separado, son suficientes, xa que introduce a "metafísica noética", que mediante a "intuición intelectual" constitúe unha ciencia. Así, as nocións matemáticas orixínanse como sensibilidade externa e imaxinación, por iso é necesaria unha abstracción tanto para adquirir nocións como para formar principios; pero non unha abstracción sensible, senón intelectual, para universalizar. E na distinción que fai o Estagirita entre "xuízos matemáticos" e "físicos", di que estes son conclusións de nexo material, e neles concluímos, e os matemáticos son conclusión de nexo formal, e neles intuímos, non concluímos.

Modestamente, creo que Aristóteles sostén que as matemáticas encóntranse na realidade sensible como propiedades dela, orixinariamente; pero se queremos universalizalas temos que separalas desa realidade mediante unha abstracción intelectual (mental) para que constitúan unha ciencia.

As posicións que foi deixando este debate sobre as matemáticas foron tipificadas como loxicistas, formalistas ou intuicionistas, que corresponden ás reducións de determinados especialistas: Por exemplo, Russell e Whitehead reducen as matemáticas á lóxica; David Hilbert sostén que os entes matemáticos admiten a formalización totalmente. Estas concepcións, aplicadas illadamente, non poden situar toda a matemática na lóxica, no formalismo - axiomaticamente-, porque encontran obstáculos, e Brouwer, mantén os entes matemáticos se podemos construílos mentalmente. Isto conduce a pensar en manter de cada teoría as partes máis fecundas, como é o caso da formalización.

Outros estudosos opinan que as matemáticas son a lingua de todas a ciencias avanzadas, e incluso converten en axiomas o que para os científicos son soportes teóricos. Einstein, referíndose a estes problemas matemáticos, di "na medida en que as proposicións matemáticas se refiren á realidade non son certas, non son reais" ( Dicionario de Filosofía, de Ferrater Mora).

Creo que chegou o momento para ofrecerlles finalmente como queda en todo o recorrido a capacidade das matemáticas para revelar verdades sobre a marcha do mundo, cando talentos do alcance de Einstein danzaron con elas. Aproveito algunha idea ao respecto de B. Greene, facéndome eco de suxestións sementadas ao través da súa citada obra, posto que as realidades cosmolóxicas que se consideran aquí son dunha profundidade epistemolóxica indiscutible. Pero ha de terse en conta que se tomamos a Einstein como referente, non debemos descoñecer que a súa loita con vastas áreas das matemáticas afastouno dalgúns físicos que poucas sabían. Non obstante, Friedman e Lemaitre aceptaron as matemáticas de Einstein, incluso con máis decisión que el, fixando o curso do coñecemento cosmolóxico moito tempo.

Despois deste recorrido quedamos, tanto os lectores como eu, pendentes de aclarar a capacidade das matemáticas, (e descúlpenme a personificación?, para revelar verdades na marcha da investigación cósmica. Friedman e Lamaistre aceptaron os resultados da investigación nas matemáticas de Einstein, porque facilitaron, cos seus logros, fixar o curso do coñecemento cosmolóxico largo tempo. Pero os debates sobre esta temática seguiron. Schrödinger sostivo esta aplicación matemática ao micromundo das moléculas, átomos e partículas, que non compartiu Everett, como expliquei máis arriba na parte 2 do artigo, estendéndoas ao macromundo, e aínda que se dubida se é correcta esta postura, segue considerándose como unha revelación profunda da explicación científica, pois as matemáticas continúan sendo realidade no "multiverso" final.

Hai que apuntar que non pode negarse que con elas se impulsou a busca sobre mundos paralelos, sendo relevantes para a realidade dos mesmos. E debe terse en conta que o noso universo, en contra da opinión de Einstein, non é o único posible, xa que as súas propiedades puideron ser diferentes. En todo caso, a revelación da extensión da realidade foi función da busca racional de teorías -incluso as que introduciron en dominios estraños-, mercé a aplicación das estruturas matemáticas.

Cada lector, loxicamente, terá a súa opinión, e este ousado escribidor acepta e comparte, esencialmente, o ditame da IA: As matemáticas son unha combinación de invención e achado na realidade. Inventamos o idioma dos patróns que xa existen no universo. Así talvez se poda afirmar que as matemáticas son propiedades da realidade, que, para expresalas, utilizamos unha linguaxe formal mediante unha inventada simbolización que nos permite entendela como unha estrutura esquelética da realidade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES